Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (14)

Gómez Vilabella, Xosé M. - jueves, 05 de noviembre de 2026
Maio, mes das flores; e das mozas, tamén! Para mozas as de Castroverde, tantas e tan xeitosas; saturaban a ampla carballeira, tres por cada home, daquela. Os mozos, ou na "mili", que xa non se dicía "servir ao Rei", ou na emigración, así que as rapazas, xunto con súas nais, tías, ou avoas, un milleiro de cestos! Por certo que meu padriño, decatándose de que o neno non lles quitaba o ollo, ¡o pobre tivo, tiven, a desgracia de non ter irmás!, tantas eran, ou ían á feira, o dobre, ou máis, que en Mosteiro, díxome: -¡Aí as tes, que nin obedecen o calendario, e iso que ese Gaiteiro de Lugo non se cansa de recomendar que, ata o corenta de maio non te quites o saio; cánsanse das touquiñas e veñen de chambra!

O neno replicoulle algo así como:

-Será que veñen lixeiras de roupa..., porque teñen abondo co peso do cesto, ovos, queixos, manteiga, pitas, coellos...

Meu padriño só dixo:

-¡Deus che conserve a inocencia, que se vas para cura, toda e pouco!

Na do gando predominaban os homes, pero tamén había viúvas de vivos, das que tiñan o marido alén da charca. Antes estivéramos comendo algo na casa do Escardel…

Meu padriño levárame diante, abrazándome á vez que controlaba as rendas; a súa caiada, debaixo daquela manta palentina á que chamabamos "tapabocas", e iso que só a usabamos para envolver as pernas en días fríos; todo iso atado con unha correa. A egua puido cos dous, tendo bo coidado o patrucio de non aplicarlle espola, para non fatigala demasiado, obviamente. Apeámonos diante da taberna do Escardel, onde a deixamos présa nunha daquelas argolas do seu portalón. Desde o Escardel á feira, cen saúdos, ou máis, que igual tardamos media hora. Aquel día tiven boa ocasión de comprobar o acreditado que estaba o menciñeiro "Berlán", desde Castroverde á Fonsagrada; apreciado e á vez apreciador, que sempre atopaba unha verba amable e axeitada, falase, saudase, a vellos ou a novos, homes ou mulleres. ¿Coas mulleres? ¡Rara foi a que non recibiu unha flor súa; verbal, piropo, quero dicir! Moito despois, nos meus dez anos de África ben veces lle teño dito á miña Estrela: -Estes mouros, sempre tan cerimoniosos, fanme recordar a meu padriño, que nos saúdos tamén preguntaba, un por un, por toda a familia, gando incluído.

Ao chegar á igrexa, que estaba aberta, -sempre o estaba en días de feira-, colleume da man dicindo:

-A Xesús presentárono no templo, así que debo imitar a San Xosé! Entra, neno, e ponte de xeonllos, que tamén o fan diante do Alcalde…, os cretinos, e máis non está no Sagrario senón na Consistorial! ¡Os cristiáns adoramos a Cristo, e os cretinos, ao Alcalde!

Despois levoume diante da imaxe do Santiago Matamouros, explicando:

-Esta imaxe, ao igual que esa da Virxe María, proceden da capela deste castelo de Castroverde… Os feudais reproducían a Santiago matando mouros…, porque daquela convíñalles asustalos, mais agora debíamos apealo, que os estamos provocando, e eles vínganse, que dese Magreb o que non se queda aló, morto das feridas ou da sede, volve mutilado, ou…, ou co gálico, que é como lle chaman á sífilis, para botarlles a culpa aos galos, aos franceses, pero vou calar, que co dito tes de sobra…, de aquí a que entres en quintas!

Despois da igrexa había, e hai, dous camiños; alí volveu a pararse:

-Imos entrar na feira polo camiño de arriba, polo da dereita, que é onde se poñen os mendigos, e fan ben, pois os ricos danlles para abaixo, coma se fosen doutra raza!

Foi a primeira vez que vin tanto pobre e tanto lacerado xuntos, que ata os contei:

-¡Padriño, son doce!

-¡Claro, igual cós apóstolos; outros mártires, pero estes non acaban de morrer, e boa falta que lles fai… Non o dixen ben, que a falta fainos a nós, para que aprendamos a dar grazas a Deus polo que temos, polo que nos sobra, con todo tamén ser pobres! Cando vexa ao noso Cura, e teña que pagarlle algo, voulle dar a metade do que me pida, dicíndolle que a outra metade xa llela din aos pobres da feira, de parte súa, anticipándome, por se o Crego, sempre tan ocupado co seu latín, sempre lendo, ou no púlpito, aló arriba, e na Misa, e de cu para os parroquianos, se esquece da xente baixa! ¿Fágolle un favor, non si?

-Padriño, empezamos?

-Si, pero valo facer ti, polos dous, con estas perras…, pero dállelas aos últimos da rea, que xa ves que a xente dá aos primeiros, que por iso discuten entre eles, e madrugan…, para coller preferencia! Ao cura tamén lle vou dicir que, cando veña á feira, lles predique aquilo de que, Los últimos serán los primeros…

Pola feira adiante non se cansaba de dicirlles aos seus amigos:

-Fixádevos neste neno, que se de grande se porta mal, cando eu falte, quedades autorizados para darlle unha zurra; eu aplaudireivos, desde Arriba!

Zurra aínda non ma deron, e menos en Castroverde. ¿Será que me portei ben, ou é que se esqueceron da petición de meu avó? ¡En todo caso, cando rece o Paternóster voulle poñer un engadido: Pater nóster, qui es in celis, e que tes contigo a meus pais, e tamén a meus avós, sanctificétur nomen tuum…
-.-

¡O que ten padriño, pasa o río! A min pasoume o meu, outra vez dacabalo da "Castaña", Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (14) pero non un río senón a nai de non sei cantos, pois da serra do Pradairo nace o Eo; e pola outra banda, polo Oeste, o de Gondel e mailo Ribón, afluentes do Azúmara; o Chamoso e mailo Tórdea; iso de principais, con dez ou doce netos, regatos, a maiores, por ambos lados. Se será ama de cría esta Serra que dela contaba meu padriño que, sendo cativo, inspeccionárona uns enxeñeiros para estudar a posibilidade de abrirlle un túnel, para unha vía férrea que se pensaba facer entre Monforte e Ribadeo, que daquela era a praia de moda para os madrileños, pero non se logrou porque os de Lugo, ¡sempre os de Lugo!, opuxéronse alegando que primeiro eles, que máis présa corría ferrarlles a muralla; os enxeñeiros informaron que sería un perigo…, se a Serra rompía augas!

-.-

Un bo día díxome o avó de Bergland:

-Teño que tratar un asuntiño con eses que nos pagan os foros de Caraño, así que imos por Río Pedroso, e de alí a Cubeiro, para continuar polo Val arriba, que en Catatrigo tamén teño asuntos…, dos meus sobriños de Madrid, que os represento!

A todo isto, o neno, máis gozoso que se me invitasen hoxe para darlle a volta ao terráqueo, en globo ou en avión! Saímos cedo, e comezou a película:

Río Pedroso, do que apenas queda nada, era un val de seixos, unha morena glacial, que desapareceu ao longo do século XX porque lle ¿roubaron? os croios para machucalos e facer formigón, airas de mallar e cousas así. ¡Pai, perdóalles, que non saben o que fan, que podían facer o mesmo, pero por outros medios, con outros croios, pero aqueles eran tan guapos, tan brillantes, tan duros, tan doados de cargar…!

Un pouco máis arriba, xa nos confíns de Caraño, ¡a fonte das Augas! Unha fonte de augas ricas en ferro bivalente, cuxa acción activadora da eritropoyesis ou como se diga, e das encimas oxidantes que as convertía en antianémicas e reconstituíntes. ¡Unha mina de ouro, xa daquela, se houbese un empresario, ou unha cooperativa de veciños, que as embotellasen e comercializasen, nuns tempos en que, anémicos, do Cura para abaixo, todos! Meu padriño levaba, de propósito, unhas botellas, nas alforxas, e encheunas, non cansándose de explicarme, ¡curandeiro que era!, os milagres daquel líquido. Volvín ao sitio, xa entrado este XXI, e, ¿qué vin? ¡Nada, nada vin, pois desapareceron as augas milagrosas, desviado o manancial polas escavadoras da Concentración Parcelaria de Montecubeiro, que lles botou terra, Deus sabe cantas toneladas, para achaiar…! ¡Si, para achaiar, para soterra-los tesouros! ¿Estaban cegos? ¡Non; tíñanse de científicos!

En Caraño baixamos ata a igrexa, ¡ata a vella, pois a de agora, a que fixeron nova por non saber, ou non querer, reparar a vella, leva o nome pero non o é! Sinaloume onde están soterrados os nosos entregos, aqueles Gómez da Olga. ¡Cántas lembranzas; de cánto temos que falar, Aló Arriba, cando nos xuntemos de novo!

Pasamos a San Román, que alí dicíanlle Româo, a estilo portugués. Despois, Millares, ¡a terra do millo!, onde nos paramos, e nos deron o almorzo, na casa de Brañas, parentes de miña avoa. Seguidamente…, ¡as fontes do Eo, Fonteo!, que daquela estaban ao natural, sen eses cerramentos actuais que as deforman. Alí foron tantas as explicacións do padriño que me resultaron excesivas; ¡chegaban para un mes de clase!

No Castro da Pereira contoume a súa lenda, que non a repito porque xa a puxen no meu, Historias Intra da Bisbarra. ¡E por fin, Catatrigo! A casa onde naceu miña madriña…; non, que minto: ¡a casa que mandaron facer, que reconstruíron, e pagaron, os Salmerón! O que mellor lembro son as cadeiras da cociña, un luxo para aqueles tempos, ¡de impresión! Impresionantes tamén foron as apertas que lle deron ao señor José, que así lle chamaron. ¿Dos meus bicos, qué? Con eles demostraron o queridos que lles resultabamos; ¡Deu-llelo pague! Xa lles terá pagado, pois estarán, todos, ou case todos, catando o trigo celestial, que o merecen.

Tantas cousas houbo que facer, ou por mellor dicir, tantas atencións nos fixeron, que se pasou a tarde, ¡e iso que era de Maio!, nun tris. Fíxosenos de noite subindo á Poza do Barro, que era onde quitaban o barro para saturar as paredes das casas; e de alí en diante..., ¡menos mal que había lúa! Pasar esa Serra, unha noite de luar, era unha gozada, que ata oímos os lobos, aló arriba, ou aló adiante, que non se sabía ben de onde procedía o son. ¿Hoxe? ¡Se alumasen os eólicos, en vez de roubarnos a electricidade, tamén daría gloria escoitar aos lobos no alto do Miradoiro, con máis de mil metros sobre o nivel do mar!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES