¡Sol no camiño, que despois, non; e tristura no meu espírito! Trece de maio, e non por ser trece, senón por ter que despedirme da nosa Torda,

que lla cambiou meu pai a un xitano, engadindo unha presada de diñeiro, por unha besta nova, de cor castaño.
O pecado da Torda foi non parir mulas, e iso que a levaban tódolos anos a Bazar, ao contrario, pero, ¡iría a contragusto, ao estilo de Afonso II, que lle chamaban o Casto, e mais estaba casado! Unha muliña, para levala ao San Froilán, era a bendición das casas, upáballes a economía á vez que se satisfacían os aradores casteláns. ¿Que sería dos labregos de Castela sen mulas ao arado, e sen fouciños galegos, na sega? ¡Todo a monte, igual que estaba cando lles quitaron as terras aos mouros! Ben o entendeu a Raíña Isabel, aquela que se tiña por Católica, ¡ela!, traidora da súa sobriña, traidora ao Papa, que lle falsificou unha bula para casarse con seu primo; por se iso fose pouco, ordenoulle ao Delegado Rexio, que, "...no cejeis en la castra y doma de Galicia". Sen as nosas achegas, de que ían "montar", tanto Isabel coma Fernando?
Saímos da casa con noite, con noite e con albarda, pois, á volta, contando con traer unha egua nova, meu pai quería achegarse a Queizán para recoller dúas fanegas de centeo, que nolas pagaban de foro, tódolos anos, procedentes da herdanza da avoa de meu padriño. Cumprían tan ben, que nunca fallaban, por moito que demorásemos na súa cobranza. Con todo iso, de Berlán á Adai; despois, as negociacións, probar a besta nova; pasar a Queizán, e co cereal na albarda achegarnos ao muíño da Pedra, onde por ter dúas pedras, dúas peneiras, e moita auga, moían deseguida. Á volta fíxosenos de noite en Sampaio, así que o cativo volveu contento pero extenuado; a pena da besta vella quitáraselle co vigor e coa prestancia da nova.
O Xitano dixo que non tiña nome, que non o preguntara cando a mercou aló non sei onde, así que llo puxo meu pai segundo apertaba na cincha da albarda transferida: "¡Só, "Castaña", quietiña, que te imos tratar tan ben, ou mellor, do que fuches ata o presente!". Pero antes de cerrar o trato, o troco, con aqueles pesos engadidos, meu pai buscou na feira ao señor Manuel de Brais, gran experto en bestas
(as malas linguas dicían que, ao morrerlle os fillos, tamén se especializara en criadas, vivíndolle a muller!). Brais miroulle a boca, as ferraduras, a natura
, e deuna por aceptable, que así se ultimou o trato, e así se traspasou a nosa albarda, co veciño e outro amigo de testemuñas da entrega dos cartos, que tamén era prudente facelo así.
A "Castaña" saíu mansiña, que niso non houbo engano, pero, no de estéril, igual cá anterior! Miña nai agradeceuno, pois para bravío tivera abondo con un cabalo da súa casa, que a mandou seu pai, o Taberneiro, mentres el atendía aos borrachos, en busca do cabalo, que o virán no monte da Capela, lonxe de Pousadela. Irene contaba que, por non levar tamén un brazado de verzas, foise unicamente coa cabezada, e cando divisou o cabalo, despois de aloumiñalo, colleuno da crina para incorporarlle o ramal; o cabalo, que seica estaba afeito ás lambetadas, virouse en redondo, castigando á pobre rapaza con unha brecha dunha polgada no medio da sen. Meu pai dicíalle que aquela cicatriz resultaba simpática, un adorno máis, así que non lle tivo outras consecuencias que o derrame de medio litro de sangue, ou máis, xunto coa molestia de traer nunha man o ramal, e na outra o paniño ensanguentado.
O recorrido, en todo o demais, foi excelso para o cativo, que se sentiu un explorador; unha experiencia máis, unha feira de homes, cos homes, pois a típica das mulleres era a de Mosteiro.
-.-
Comecei polos niños
; ¡perdón, Señor, polos paxariños que matei, que evitei,

coméndolles os ovos, pero, como tamén o facían os veciños, o contaxio
! Estou seguro de que non lle gustaba á madriña, e iso que mos fritía na tixola, pero ela, na súa bondade, era incapaz de corrixirme; cando saía na nosa defensa, de min ou de meu irmán, o avó roñaba, indefectiblemente: ¡Vai calando, avogado das silveiras, defensora de pícaros!
Os ovos das pegas librábanse pola dificultade que tiña o cativo para subir aos carballos; pero, dos outros? ¡Habíaos en tódalas silveiras! Os máis doados de coller eran os do paspallás, que estaban entre o centeo, nas cales; se daquela chego a saber que eran emigrantes de África, coma as andoriñas, ou como eu mesmo o sería de mocete, maldito un ovo lles quitaría, así que teño esa atenuante! ¡De todos modos, perdón, outra vez!
O caso das pitas era diferente, unhas procaces, co galo enriba a todas horas, e logo que, se comían os nosos sobrantes, xusto parecía que lles comésemos nós os delas. ¡Ai o galo, desvergoñado, que encima de cubri-las pitas abusaba das persoas, dando alarma, xa tocando alborada antes de saír o sol; qué ben facía meu pai en aplicarlles aquelas sentenzas!
Para defende-las pitas ben deitabamos do can de Brais, un tal "León", que ventaba o raposo antes de que se achegase ás hortas, e por conseguinte, ás casas. Nunha ocasión tanto correu costa abaixo, detrás do raposo, que o alcanzou antes de chegar ao río, e
, matouno, a dentadas!
Desde que criaban as perdices, que antes non, pois eran tan queridas que sempre as deixabamos en paz ata poucos días antes da sega, que ademais, daquela, coa gra, poñíanse sabrosísimas, utilizaba, poñía, onde había rastro do seu paso, da xesteira ou do toxal, ao sementado, un trebello eficacísimo, que aprendín a facelos imitando os do señor José María da Nogueira, un acreditado carpinteiro, que aprendera en Cuba, ¡en Cienfuegos, nada menos!, carpintexando nas horas que lle deixaba libres a súa condución do tren La Habana-Cienfuegos. ¡Os nosos emigrantes levaban un oficio, e volvían con dez!
Outra das miñas habilidades, desde que viña o bo tempo, era baixar ao río das Lagas (Azúmara), que alí por xunto do noso prado, xa chamado así, do Pozo, porque naquelas pozas enriabamos o liño, saturadas de oucas, con tal de meter as dúas mans á vez, e despois apertar rapidamente
, unha troita! A inmediata era lanzalas ao prado..., para despois poñerlles o espeto! Xúrovos que agora, cando vexo botar purín nos prados de xunto do río, sen arar a terra, danme ganas de presentar denuncia, na Garda Civil, SEPRONA, mais, para qué, se esa ¿desviación? xa é crónica, inevitable!
-.-
¡Tantas afinidades entre meus avós; é que non tiñan, non tiveron, distingos, ou diverxencias? ¡Algún, si, pero aínda non lembrei a principal das súas afinidades: a aversión que lle tiñan á baralla, aos naipes, os catro! Coa particularidade de que miña avoa, a cociñeira, procedía do Concello da "Baralla", pero daquela era Neira de Xusá!
Así o razoaban: Na casa, dentro da familia, non se poden admitir competicións, gaños individualizados, e xógase para gañar, aínda que se utilice o disimulo de que se fai para distraerse. ¡Esa non é distracción senón o afloramento dun ego non sancto! Nin había barallas nin nos permitirían, tanto aos fillos coma aos netos, que as mercásemos.
Tampouco compraban lotería, e se algunha participación vin na casa era a daqueles papeliños que nos mandaban os madrileños polo Nadal. ¿Estoicismo? ¡Rectitude! Moi agradecido lles estou; por isto, tamén por isto, por estas leccións, que as tiñan, que as daban, xa co silabario. ¿Cumprinas? ¡Non sempre, pero aquí non estou confesando os meus pecados senón as súas virtudes, as dos meus mestres, as herdadas, transmitidas con toda a súa alma, almas acrisoladas que deberan estar subidas aos altares
, se sitio houbese nas nosas igrexas, que xa non queda, e non che digo nada se, por fin, canonizan á Isabel de Castilla e ao Franco do Ferrol!
¿Diverxencias? ¡Ah, si! Das avoas: Miña madriña era analfabeta, e a "dos pistos", non; lía amodo, pero lía, e ata sabía escribir con pluma de ave; a paterna firmaba co polgar, aquel dedo de uña grande e branquiña, o mesmo co que me espiollou daquela que mos contaxiaron na escola de Maxide. O peor do caso foi que me deu uns lavados con vinagre refregándome a cabeza coa mesma enerxía que utilizaba para degrañar as mazarocas do millo. E despois diso deume o consello de que cambiase de mesa, na escola, pero disimuladamente, como por equivocación, para non molestar ao colega contaminante. ¡Exquisitez, non si? De mesa cambiei, e funme para a dunha cativa guapísima, que estaba soa; aquela solución foi peor có problema anterior: xa me atraía, e coa proximidade acabei namorado dela, coma un querubín
, así que, anxo entrei, e anxo saín, que nunca me aceptou máis aló de simple colega, de simple competidor escolar!
Dos avós é máis difícil atoparlles as diverxencias pois ambos tiñan unha imaxinación desbordante, só que o materno, con iso de que estivera en Madrid, tiña máis anécdotas que referir, pero o paterno onde non sabía inventaba, inventaba uns contos marabillosos, perfectos, tanto que tardei anos en distinguir entre realidade e fantasía. Non se apelidaba "Calleja", iso non, que era Carballedo, pola nai, aquela Concordia da que dicían que non só se chamaba así senón que exercía de tal. Mirade se tiña avoengo que seica se casou cunha daquelas dotes establecidas en Vilabade polo Virrey Ossorio. (O virrey que renunciou á gloria honorífica. Diego Ossorio de Escobar y Lamas, arcebispo, que era virrey de México cando renunciou a ambos cargos).
O materno deixou a taberna; en certo modo, porque bebía, e pasouse ao estanco cando nin un simple cigarro leaba. Pola contra, meu padriño, de tanto fumar, ata tivo un cancro de beizos, que lle foi referido con un ferro roxo, dos da forxa. O materno trouxera, dos madriles, unha pistola, coa correspondente funda sobaqueira, que debeu ser das primeiras que se venderon en España; dicía que era por se lle saía o lobo...; ¡por se o arroubaban, que daquela unha taberna, ou un estanco, daba sona de riqueza! O padriño, a pretexto de que levaba anos coxeando, fíxose con un bastón de paseo, daqueles de florete oculto, que xa o levaba cando ía á Fonsagrada, onde tiña sona de menciñeiro eficaz. Xa dixen que así o recoñeceu aquel periódico dos Santamaría, "O tío Pepe", no seu primeiro número; para incrédulos, conservan un exemplar no Museo da Fonsagrada; só ten un erro: que puxeron "o menciñeiro Verlán", con "V".
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.