Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (12)

Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 03 de noviembre de 2026
Mesmo cando nos dispoñiamos a saír do campo da feira achegóusenos unha señora, como de mediana idade, que me chamou a atención non só por como se presentou senón, tamén, porque levaba atado o seu pano da cabeza por debaixo do petelo, cando daquela adoitaban poñelos co nó aló arriba.

-¿Vostede é a señora Josefa de Gómez? ¡Agarde un momentiño, que quero falar con vostede!

-Sona; servidora; ¿en qué podo servila?

-Xa me teñen servido, que ben nos agardaron pola renda, que pasou o ano e non lles pagamos, pero hoxe vendín catro ranchiños, e xa podo!

-¿Daquela, vostede é da casa de Baixo, de Caraño?

-Si, señora, a mesma que viste e calza. Apartémonos, se fai o favor, aquí a un lado, por xunto desta parede, para que poda quitar a faldriqueira, que a teño aló por baixo, ben abaixo…, por se me rouban, que nas feiras, xa sabe, ademais dos tratantes, anda o diabro, así que, uns enganan, e outros rouban o pouco que sacamos delas!

Deulle dous pesos, ¡dous!, e díxolle:

-Esta renda, coa axuda de Deus, pensamos redimírllela, que vai o fillo en Cuba, e prometeunos mandar cartos, pero díxonos un veciño que teñamos paciencia, que por aló seica houbo un craco (crac) dos ianquis, e as cousas puxéronse mal, nesa Cuba do diaño.

A madriña:
-Tranquila, muller, que non é que nos sobre, pero primeiro as necesidades. Xa se redimirán cando lles veña de xeito! E diso da Cuba, que tamén se viñeron os meus, un fillo e unha filla, sabe cómo di o meu home? ¡Que se en lugar de ser unha Cuba do azucre fose de viño, daquela, todos ricos!

-¡Ai se o noso Manuel mandase cartos, que de paso mercabámoslles o seu prado de Caraño, que nos queda lonxe, pero sen prados non hai vaquiñas, e sen vaquiñas non facemos cartos, nin sequera para manda-los fillos a Cuba!

A aquela situación hoxe chamariámoslle "círculo vicioso", pero o neno, entón, aínda non sabía o que era un círculo, e de vicios, menos! Interromperon a conversa diante da casa de Primitivo, onde estaba con el o señor Manuel de Nichela, ¡daquela era Manuel o que non era José!, que lle preguntou á madriña se vira na feira á súa cuñada de Berlán, que lle tiña que dar un recado. Contestoulle que si, que precisamente quedaba na tenda de Daniel, fillo daquel Manuel. ¡Vaia, outro Daniel, outro Daniel Rielo, pero este co apelido recoñecido, e non no caso do primo de meu pai! Manuel Rielo Otero, que a nai fora dos Otero de Paderne, igual que miña tataravoa, era coñecido na bisbarra por varias circunstancias, pero ata non sería a menor polo seu caso de Baler, aló nas Filipinas, peripecia da que non se cansaba de falar, que non era para menos. ¡Nada, un heroe, o primeiro de cantos coñecín!


Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (12) Seguimos coa señora de Caraño ata a casa nova de Cancio, no cruce coa estrada de Rioxoán, onde lle dixo a madriña:

-Nós temos o costume de ir polo travesío para Pousadela, aí pola igrexa de Luaces, e despois pola Ribadauga e por Trasín, pero hoxe, un pouco por acompañala a vostede ata a Cardona, e outro porque así este neno pisa "carretera", para que se vaia afacendo a elas cando…, cando teña que saír polo mundo!

¡Uih unha estrada, con aqueles croios tan mazadiños, e a auga correndo polos lados, así que estaba toda sequiña, sen lama! Máis adiante cruzamos o río Azúmara por unha ponte altísima, altísima, na que estaban uns rapaces, ¡en calzonciños!, ollando para a auga:

-¡Madriña, van caer ao río!

-¡Fancho adrede; agarda un pouco, que un deses coñézoo eu, que é Camilo, un fillo do señor Quiroga, o da Sociedade!

Pouco tivemos que agardar, pois, ao instante, aquel Camilo deixou de estar na varanda para aparecer aló abaixo, na auga, nadando coma unha troita!

Despois foron falando das nosas propiedades en Caraño, herdadas daqueles Gómez de Neira, da Olga: Os foros en centeo, que se repartían entre meu padriño e as súas irmás, María e Dolores, aquel prado… ¿O prado? ¡O prado, e máis era de terra, un mal día voatizouse, desintegrouse, pero Deus mandounos perdoar para ser perdoados, así que levarei ese segredo, comigo, ao crematorio, que así bórrollelo aos culpables!

De chegados á Cardona a señora de Caraño seguiu pola estrada adiante, que a levaría á Olga, e nós apartamos á dereita. Alí, mesmo enfronte da casa do Coronel Cardona, daquela xa falecido, estaban construíndo…, a que lle pareceu ao neno unha segunda torre de Babel: Unha casa de baixo e dous altos, con bufarda! A madriña, mentres eu contemplaba abraiado aquel monstro de casa:

-Agárdame aquí un momentiño, que vou falar con ese home que está baixando da estada.

O home era meu tío, nada menos que meu tío Pepe, o irmán de miña nai, e súa a cuadrilla de obreiros que facía aquela obra, despois coñecida como "a obra de Silva"; era a súa, por el dirixida! Baixaba precisamente para ir comer a Pousadela, así que seguimos xuntos. Moi distinto de seu cuñado, e con menos seriedade que meu pai, pero resultaba agradable; simpático, valente, decidido, aventureiro, era un prototipo daquela xeración da República. Con todas esas diferenzas pero levábanse ben, que iso pasa cando a xente é razoable, de parte a parte.

¿Na cociña de Pousadela? ¡Unha cociña "económica", bilbaína, naqueles tempos, o bispo, e poucos máis! De menú, tratándose da avoa "dos pistos"? Unha sopa de fideos, con encontros de xamón, e non sei qué mais, que daba pena pasala, escondela no estómago, co gusto que lle daba á boca. Un leitón, asado no forno, que casualmente coceran aquel día así que o bolo de Mondoñedo seguiu no cesto da madriña; outro igual tardei en probalo, exactamente ata que fun a Portugal, e gocei daqueles leitâos á Bairrada, de Mealhada! Por se isto fose pouco, aquel arroz con leite, cuberto de azucre pasado polo ferro, receita cubana importada por miña tía Virtudes. O neno sentiu pena de ter que seguir, á noite, para Bergland, ¡co ben que se comía na cociña de Pousadela!
-.-

-¡Aí veñen os comicios, e desta ímonos librar do traballo; que caven os caciques, xa que para eles é o trigo, non si, Xosé María!

-Home…, todo non, que algo nos quedará, algo nos deixarán, despois de pagar os Consumos, aínda que só sexa para a festa do Santo!

¡Vaia enigma para o cativo! ¿Cando o dixo? ¡Exactamente no intre en que apareceu Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (12) miña madriña, pola cavada adiante, coa cesta do almorzo na súa cabeciña canosa! Xa o referín máis veces: o neno quedou tan impresionado co hurra do Serafín da Vindiega que, por máis que o conte, nin así se me borra o cadro.

Aquel Abril, do mesmo 1935, que en Montecubeiro líase El Regional, que o recibían na biblioteca da Unión, así que as novas de Madrid aínda o eran na nosa parroquia antes de ser vellas en Madrid, tocaba cavar na Grandiña, mesmo xunto do rego da Valga, onde estivera a ermida, o eremitorio, dos ermitáns do Santo Estevo. Precisamente da fonte do Santo era da que eu lles carrexaba os porróns da auga aos cavadores, que a deixaron de lado cando viron na cesta…, unha bota de viño!

Na semana anterior, desde que se asentou o tempo, saíramos buscar xente para a roga, e a min, ¡ao neno!, encargáronme a viaxe de Pumarín, para falarlle ao señor Serafín, habitual na casa cando había traballos especiais, traballos de forza. Serafín, que de serafín tiña pouco, pois era un auténtico Goliat, aínda que algo preguiceiro, salvo na fabricación dos fillos, que chegou a ter non sei cántos, escoitou a mensaxe cravando a bros naquel toro no que fendía estelas para o lume:

-Rapaz, irei, que non lle falto a teu padriño, pero, xa que trouxeches un recado, tes que levar outro: Que se pase por xunto do consogro, e que nos subministre un bo tabaco, que de mataquintos está o inferno cheo!

-¡Descoide, que xa llo direi!

Tabaco houbo, as aixadas estaban calzadas polo Queitano de Bascuas; e para auga tiñamos a fonte cerca...; miña madriña presentouse cunha bota, como dicía Serafín, "¡para remollar a palabra!". Na cesta, queixos remasados, mestura de vaca e ovella, touciño e pan centeo, que agora sabemos que é o bo, pero daquela tíñase por pan dos pobre, e pan tivesen! A exclamación do Serafín foi anfibolóxica: Chamoulle "Comicios" á comida da cesta, e de paso, ás eleccións que se estaban preparando, ao lonxe, pero de efectos próximos polas esperanzas que infundían aos nosos labreguiños, fartos de impostos e demais gavelas.

Quen tiraba da rea, o caporal, era Xosé de Mariano, aquel rapaz tan traballador, pero tan caladiño, que ninguén soubo, dous anos despois, que era el o que levaba cestadas de víveres, de noite, aos "escapados" que se agochaban no muíño do Escouredo, medio a medio dun silveiral. ¡Xosé, eu daquela non sabía ufar, e hoxe estou baixo de voz, pero vaiche de intención: un hurra polo ben querido Mariano, por aquel heroe en potencia, tan bo cavador como pouco falador!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES