Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (11)

Gómez Vilabella, Xosé M. - lunes, 02 de noviembre de 2026
Avoas debérase escribir con "b", porque non hai ningunha mala, que todas son "boas", "boísimas", a cal mellor, tanto as propias como as alleas! Ensaian cos seus fillos, cos propios, e para os netos, despois daquela licenciatura, acadan o doutorado. O doutorado, despois da licenciatura, agora é máis livián, máis curto, ¡ou peor, considerando que van cansas, canosas e cansas!, pois, xeralmente, só lles toca apandar, con gusto, iso si, cos "da casa", que é como lles chaman en Lugo, nas necrolóxicas, aos fillos do morgado, pois para os outros…, de vez en cando, nalgunha visita esporádica!

Na miña aldea sempre se fixo referencia á señora da casa cos cualificativos de, "a miña dona", ou, "a miña ama". ¡Hipocrisía machista, pois o "dono" era el, o "amo" era el, que a muller só tivo voto do ano 31 ao 36, retirándollo o franquismo, ¡moita Sección Femenina pero poucas noces!, de xeito tal que, salvo por abandono de familia do marido, prodigalidade, e cousas así, pintaba e mandaba outro tanto coma a criada. O propio Código Civil tíñaa descodificada, a tal punto que, entre outras limitacións vergoñentas, o seu artigo 59, bramaba: "El marido es el administrador de los bienes de la sociedad conyugal, salvo estipulación en contrario". ¡No comment! A Constitución actual non é perfecta, aínda non, pero no que respecta ás mulleres ben as dignificou, que ía sendo hora!

¡Que ben o dixo Manuel Cordero Pérez, nas Constituíntes de 1931, reforzando a proposta de Clara Campoamor para darlle voto á muller: "Hai una tierra, -¡qué bella es!-, Galicia, en donde la mujer rinde a la familia y a la sociedad mis esfuerzo que el hombre. Éste, sugestionado por la leyenda del bienestar de América, unas veces, impulsado por la necesidad siempre, vino emigrando, dejando a la mujer al frente de la hacienda y de la familia. Y cumplía su cometido con tal heroísmo, que bien merece nuestra admiración…".

Pensaba poñer aquí catro ditirambos a favor daquelas avoíñas, pero, despois do dito polo noso ilustre paisano..., soaría a oco!
-.-

-Lava ben a cariña, e tamén as mans, que te vou levar comigo á feira de Mosteiro, e temos que ir cedo para arranxar as cousas, que lle prometín á avoa de Pousadela volver con ela…, para comer na súa casa, e así pasamos xuntas a tarde!

¿Á feira, á feira? Ir a Mosteiro, nada menos que á feira, un neno de cinco anos, naqueles tempos, era máis, incomparablemente máis, que ir hoxe a Madrid, en avión ou nun AVE, que todo iso agora veno os rapaciños pola televisión, xa desde a caneta. E logo que ían xuntas, sempre, e falando polos cóbados, que a boca precisábana para alentar, como complemento do nariz, cargadiñas cos cestos de levar as cousas do mercado, tódalas mulleres do recorrido, incrementándose a procesión segundo íamos pasando os de lonxe.

Era primavera, que me lembro ben polas flores brancas que tapizaban os prados da Pasaxe, no rego de Maxide. Nos prados, flores, pero, ¿no rego? ¡Ai si, no rego…; no rego, no lavadoiro, de costas ao camiño, estaba a criada de Candal, coas canelas moreniñas de tanto darlles o sol! Fixeime ben nela, ¡nelas!, porque tiña a saia remangada, e víaselle…, o que o neno nunca lle vira a ningunha rapaza, as pernas por riba, máis arriba, dos xeonllos!

-Madriña, a esa rapaza véselle todo!

-Neniño, todo, non, que só amosa esa parte que quere tostar con este sol primaveral, que está comezando a quentar!

Conformeime con esa explicación e seguimos para adiante. Ela cambiou de disco, como agora se di:

-Ti, que te fixas en todo, ata nas pernas das rapazas…; ¡como Deus te críe, vas dar que sentir! Digo, quero dicir, o das flores… Cando saen esas "primaveras é que medraron os días, e por tanto aumenta o traballo, así que hai que merendar, sequera un anaco de pan e queixo, para chegar con forzas á cea. ¡Que non se che esqueza!

¿Esquecerme? ¡Basta que mo dixese miña madriña!

Ao pasar por xunto do castro de Maxide, a avoíña pediulles ás acompañantes que pousasen por un momento as cestas, e que agardasen por nós, que non podía deixar de ensinarme aquela redondela…, que así lle chamou! Subimos ao castro e baixamos ao seu interior, por certo que cheo de toxos e de xestas.

-Mira, neniño, e mírao ben, pois isto, en tempos, foi un lugar, un pobo murado, e aquí vivían os avós dos nosos avós, tan tranquilos ata que viñeron os romanos…, tocarlles o nabo! –Dixo así, e iso que era ben falada, pero daquela, en Lugo, usábase moito esa expresión tan gráfica.

-¿Os romanos, eses que viven co Papa?

-Non, eses non, os…, os anteriores, que daquela aínda non eran cristiáns. Viñeron para facerse os amos, e quedáronse cos castros, desde os que mandaban, abaixando aos celtas, para que lles traballasen. ¡Algo así como pasa hoxe entre amos e caseiros! Vouche poñer un exemplo: Aí atrás pasamos por diante da casa do Penelas, do Xateiro: ¿Quén vive na casa nova? ¡Os amos! ¿E na vella, e iso que está caendo? ¡Os caseiros! ¿A quén meteron na corte da mula, para que non molestase e non roese, daquela que o mordeu un can doente? ¡Ao criado que lles coidaba a mula, que morreu aos poucos, feito unha fera, de rabioso que estaba! ¿Enténdelo agora?

Algo pesquei, pero non moito, pois para min os segredos da fortaleza estaban baixo terra, debaixo dos fentos, que así mo fixo ver a señora María Manuela do Escouredo, nada máis reincorporarnos á comitiva:

-Neniño, viches a moura? ¿É tan guapa como sempre di teu padriño, que mo ten contado cen veces! El dia que é máis guapa, aínda máis, que túa madriña, aquí presente, pero que non casou coa moura do castro por culpa de seu pai.

A madriña púxose colorada; seguramente porque lle mencionasen ao seu home, que tiña sona de pícaro cando o del eran simples bromas, falares do seu divertimento. María Manuela explicouse:

-Mira, ho, esa moura é riquísima, tanto, que incluso traballan as súas terras, estas leiras da agra de Maxide, con unha grade de ouro! O caso é que, de tan rica e tan guapa como é, seu pai tena gardada nunha cova que hai entre eses fentos, e só lle deixa saír cando os veciños están lonxe. Teu padriño, co pícaro que é, que xa naceu así, de solteiro veuse para aquí, para onde estamos agora, e deitouse entre unhas xestas, agardando que pechase a noite. Daquela saíu esa…, me parece que lle chaman Aisa, e teu padriño bicoulle a man, nada máis que a man, poñéndose de parola con ela, coa Aisa, moi agarimoso. O mouro, estivo escondido, escoitando a conversa, cunha gumía, con un coitelo curvo na man, por se o rapaz se pasaba; pero en vista de que non, de que foi respectuoso e correcto, propúxolle casamento coa filla, pero cunha condición, que tiña que facerse moro, e deixar de ir á Misa. Teu padriño non aceptou, e a mouriña segue aí, recatada; o que non sei é se aínda lle vive o pai…

O neno non tiña de costume, aínda non, facerse de cruces, pero imitou á madriña, e tras de nós, as mulleres, todas, que non quedou ningunha que non se persignase. O da feira contareino esta noite, pois, para merenda coido que chega co relatado.
-.-

¿Na feira? ¡O neno medrou un palmo; sentiuse home, home de mundo, iso que chaman Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (11) agora "economista", rodeado de empresarios! As piteiras, os xateiros; a feira dos ovos, a dos queixos, a do barro, a dos zoqueiros; a das aguilladas, loras, cribos…; os becerros, que tan pronto os paseaban, suxeitos con un narigón de ferro, ¡algo así coma esas argolas que se poñen as rapazas no seu nariz, imitando ás indias de cando Colón!, como os levaban á báscula da Sociedade, ¡unha Sociedad que, supoño que a imitación da Unión de Montecubeiro, tiña unha tricolor no corredor da súa casa!, para saber o que vendían, sen prexuízo de que os volvese a pesar o "arreador" para liquidar o pactado; os porquiños, con súa nai, pero sen avoa, que a saber se non estaba de corpo presente naqueles xamóns da camioneta de Brañanova! Polo medio, a rea dos tendeiros, e nela un tal Amaro, un lugués que non se cansaba de regalar: ¡Amaro no vende, Amaro regala!, pero miña madriña non quixo regalos, e comproulle a unha luguesa que vendía, entre outras cousas íntimas, enaguas de lenzo, que me parece que así lles chamaron. Aló abaixo, mesmo ao fondo do campo, outra camioneta, ¡cheíña de bolos! Alí volveu a comprar: -Mira, neno, vou levar este pan de dúas libras, pantrigo de Mondoñedo, por se non o teñen fresco en Pousadela, que as avoas xa roemos mal, e polo dente, como viches na feira das vacas, coñécese a idade!

¿Para o neno? No barreiro, algo que nunca tal vira: Un pucheiriño sen boca, ou por mellor dicir, cunha físgoa que lle facía de boca! -¡Mira, neno, esta cousiña, que ata non sei por qué lle chaman hucha tendo forma de xerra, é para gardar eses "furados" que che vai regalando o avó de Pousadela..., para cando vaias á guerra, que aló en África hainas continuas, e poucos son os galegos que delas se libran; alí terás que comprar auga, ou morrer de sede!

A madriña falou con tantas mulleres, tantísimas, que xa me doía a cara de tanto bico, que nin que tivesen bigote, pois algunha..., algunha delas coido que si! Tempo adiante, cando fun mociño, ¡adeus bicos, nin sequera das vellas! As vellas, porque deixaran de ir ás feiras, e as noviñas non me facían caso, ¡seguramente porque eu non era estudante, non estaba en Lugo, non ía ter carreira, non as podería ter de man branca! Como din os franceses: C'est la vie!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES