Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Quen nos ensina o máis importante?

Sampedro, Pilar - jueves, 29 de octubre de 2026
Hai cousas que tardas en aprender porque ninguén se para a explicarchas. Lembro a miña primeira escola. Era unha unitaria e neses casos ti ademais de dar clases exercías outros papeis, pois ben, ninguén se parara a dicirnos o que tiñamos que facer nesas outras funcións. E fixémolo mal, de verdade que por ignorancia.

Vivo entre dous edificios públicos. Nun deles (creo que xa falei del noutras ocasións) observo un traballador que chega antes da hora e permanece no seu posto ata o final. Véxoo todo o tempo, os demais acércanse a el pero el apenas se move. Tiven unha crise cando me erguía pola mañá e non o vía, era como se ese mundo no que eu cría, porque alguén facía o seu traballo como se nel lle fose a vida, caía estrepitosamente. Souben do necesario que era ese funcionario porque a min me reconfortaba saber que existía alguén que miraba por nós, polo público, con ese empeño. Preguntei por el a un compañeiro, estaba enfermo. Alegreime cando volveu, ver como retomaba a rutina, primeiro lentamente, chegando tarde e marchando cedo e logo volvendo a ser o de antes, co horario completo. A ese home, tal como facía Elvis Karlson gustaríame levarlle flores, porque me fai ben saber que existe e nos pode salvar.

Vivo entre dous edificios públicos, nun deles é doado ver se traballan ou non, se teletraballan, Quen nos ensina o máis importante? se responden ao que deles se demanda ou non. No outro é máis complicado e iso alégrame porque saber é unha maneira de infelicidade, ás veces. O que si sei é que pola noite, en certas ocasións, quedan as luces prendidas. Pode suceder na fin de semana e permanecer alumeando aos pantasmas e creándonos mal corpo ao público que as ve. Seguro que teñen conserxes pero ninguén lles di que deben dar unha volta antes de pechar. Unha amiga a quen lle comento esta desesperación sempre di que están traballando, seguro; encántame a xente que é tan positiva que afirma iso cando lle envío as fotos a noite do venres, do sábado e do domingo. Esa mesma persoa na última noite de san Xoán, mentres un señor e máis eu temiamos polos carballos que estaban ao lado da fogueira que medraba por veces máis alá do debido, chamábanos esaxerados porque a xente é moi responsable. Eu lembraba unha viaxe transoceánica na que viaxaban empregados da Olivetti (moi contentos e alborotadores) e un estranxeiro que ía asustado comentoume: son coma nenos, poden abrir a porta de emerxencia, facer calquera inconveniencia, a súa felicidade é inxenua e pode ser o noso perigo. Pois si. A min sempre que vexo as luces prendidas indebidamente penso se lles pagará un plus a compañía enerxética, se terán intereses ocultos ou se é simple irresponsabilidade.

Moléstame ser tan desconfiada, tan mal pensada, tan crítica. Gustaríame ser dócil e amable, estar de acordo con todo e con todos (ou polo menos coa maioría), poder pertencer a calquera asociación ou sociedade asumindo todos os seus principios e actuacións sen fisuras, pero... non está na miña man. Nunca podería ser profesora universitaria, das que van quedando no departamento pouco a pouco, facendo o que lle mandan sen unha coma nin un punto a destempo, deses que dicía un coñecido "hanme levar a carteira igual que lla levei eu aos anteriores".

Si, cando e quen nos ensina a importancia do voto? Quen nos pon a relacionar os servizos públicos dos que dispoñemos en base ao que votamos? Quen nos di que é o máis importante na crianza e educación das criaturas? Quen nos fala de como non podemos desautorizarnos na familia, coa escola, co barrio, coas familias dos compañeiros da rapazada... Agora, se nolo din pensamos que é cousa da esquerda que anda sempre a querer dar leccións, que estamos fartos de que nos digan o que debemos pensar ou dicir, como actuar.. que somos adultos e podemos facer o que queiramos. Que é iso do politicamente correcto? Pois a linguaxe que non magoa, que non intimida, que non invisibiliza... Por que non podemos dicir o que queiramos? Porque hai que coidar da paz, porque a violencia vén soa e temos que coidar de non provocala, de exercela só cando sexa estritamente precisa, pero debemos vivir nun medio sosegado porque somos humanos e levamos dentro o xermolo agresivo igual que levamos o afectivo e o do coidado.

Coidemos de nós e coidemos do público, que é de todas as persoas e para todas.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES