Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - jueves, 29 de octubre de 2026
Cachorro él, neno eu

O can chámase Kai. É un cachorro de cinco meses. Bonito. Toleirán. Simpático. O can é de raza Shiba. Moitos confúndeno co can da película que protagonizou Richard Gere, "Sempre ó teu lado, Hachiko", que é da raza Akita. A diferenza está en que o Akita é algo máis grande ca o Shiba.
Pingas de Orballo Pero a Kai chégalle ben o tamaño. E, ademais, é máis fermoso e faise querer máis. Eu quérolle. Como non lle vou querer, se hai momentos nos que nin eu mesmo sei quen dos dous está máis tolo á hora de xogar: se el ou eu.
Mórdeme as mans. Lánzase á miña cabeza. Teño que quitar as lentes porque corren perigo. E tamén teño que ter coidado coas orellas se non quero que os seus caninos me atravesen as cartilaxes. Como é tan noviño, aínda os ten finos e afiados, e penétranme na pel, coma agullas, coma subelas.
Kai, pola idade, é coma un neno. Fai as mesmas cousas ca un neno: xoga e dorme, xoga e dorme. E come, si, come coma un larpeiro. É o bebé da casa. Da súa casa.
Na miña négome a ter animais, porque vivo nun piso. Sempre tiven medo de que ladrasen, de que molestaran ós veciños polas noites. Ademais, estou afeito a ver os cans en liberdade, e hoxe a maioría apenas a coñecen: sempre atados cunha correa ó pescozo ou pechados en recintos pequenos.
O Kai non é meu, pero, que carallo, xa é coma se o fose. Cada vez que o vexo, fágoo meu. Sento ó seu carón ou mesmo me deito onda el, e empezamos a envorcallarnos, a descargar o estrés, a loitar pola supervivencia do xogo...
El, a regañar os dentes, e eu, a rir. El, a bafexar, e eu, a seguir rindo. El, a choutar, e eu, a facer que o collo. El, a correr coma un toleirón, e eu, a soltar a gargallada. Así ata que un dos dous cansa.
Cachorro el, neno eu.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES