Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pequenas Cousas. E por estas pequenas cousas: José-Martinho Montero Santalha é ben merecente.

Campo Freire, Xaquín - miércoles, 28 de octubre de 2026
Cousas! Diría hoxe Castelao a propósito do noso benquerido Martinho.
Das infindas grandes cousas de Martiño, que eu coñezo e todos celebramos, quero empezar por abaixo.
Na esencia máis nidia, clara e transparente, de JOSÉ MARTINHO MONTERO SANTALHA, sempre está a sinxeleza e a humildade.
El naceu moi pertiño de Santo André de Teixido. El coñece ben o humus dos amilladoiros (humilladoiros). Baixar á terra con humildade. Deixar alí a pedra ao pé do Cristo dos Carrís: "Testemuña humilde de que tamén eu vou no éxodo dos necesitados e peregrinos".
Martiño é un bo teólogo. Documentado, critico, profundamente vital e coherente. Na teoloxía paulina, a kénose é o paso previo e necesario para a doxa (a gloria).
Ao Home-Xesús de Nazaré-O Cristo, Deus exaltou-no sobre todas as cousas debido á obediencia e ese baleiro total (Fil 2:9). E se non descubrimos a este Martinho sinxelo e humilde, estaremos perdendo a esencia da súa kénose, do seu abaixamento. E estaremos desvirtuando a súa loita e utopía. O seu xeito de ser é o compromiso no hic et nunc encarnado na súa temporalidade e localización. Pero tempo é superior a espazo.
EU VOU SALIENTAR SÓ CATRO PEQUENAS COUSAS: SINXELAS E HUMILDES COUSAS, COMA É EL.

COUSAS! Xosé-María Díaz Castro describiunas así en Nimbos: "Eu cantarei as cousas que na soleira de min mesmo agardan. Aí están coma brasas contra a noite. Galiza en min, meu Deus! Con este alento eu lles darei ás cousas o drama cheo que lles nega a vida. Dareilles rostros para que se conozan. Palabras lles darei para que se entendan...".

COUSA 1ª.- Cito literalmente: "Tese de doutoramento em Filologia, celebrado na Faculdade de Filologia da Universidade da Corunha na manhã do dia 5 de fevereiro de 2001: José-Martinho Montero Santalha, As rimas da poesia trovadoresca galego-portuguesa: catálogo e análise, A Corunha: Universidade da Corunha, Faculdade de Filologia, 2000, 3 volumes, 1796 pp.
(University of California, Berkeley.- https://philobiblon.cog.berkeley.edu › ...
Montero Santalha (2000), "As rimas da poesía trovadoresca galego-portuguesa. Catálogo e análise", Q1280234.).

Cando a defensa da tese de doutoramento do "noso" Martinho, "alguén", un pouco "estiradiño" el, e tal vez para facer-se notar, argumentou en contra da Tese, así:
"É imposível que un só home fixese tal traballo de investigación sen unha equipa seria detrás e á que el non fai ningunha referencia. E iso iría contra das normas da ciencia. Por tanto el non pode darlle o seu plácet sen que previamente se aclare debidamente este particular. Non só iso. Se así for verdade, quer denunciar a sospeita de apropiación indebida e mesmo o plaxio que se estaría a cometer".
O director da tese puxo-se lívido. Sabía que iso era unha sospeita a xeito de enredo, raiano no infúndeo. Se tiña probas que as presentase e as argumenta-se. Isto vai tamén contra todos nós. En de non, tampouco sería ético o noso proceder de científicos.
Naturalmente que Martiho, con temperanza, coa corrección, serenidade e calma que o caracterizan, desde a kénose, foi desfacendo cada unha das "malas artes".
Pero foi aínda moito máis galante. Deulle as grazas. Porque iso ía-lle permitir, de paso, deixar liquidadas xa desde ese intre o que sempre sería posível se iso viñese aparecer despois, coma unha mala arte.
O Martiño é grande porque sabe descubrir e dialogar sen acritude e formular en positivo as realidades. Isto que eu relato agora foi rigorosamente certo.

COUSA 2ª.- A FE CRISTIÁ E A CUESTIÓN DA LINGUA GALEGA.
Pastoral de Mons. Miguel Anxo Araújo Iglesias, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.
Quen hai detrás desta Carta Pastoral tan celebrada polos medios, tan pouco lida e pouco dispoñível aínda hoxe para o gran público?
Sempre foi perseguido polo franquismo e pola anti-galeguidade dun clericalismo laico-sacerdotal sumamente rancio e que tanto dano civil e eclesial fixeron na Galiza desde os Reis Católicos até hoxe.
O Papa Francisco na Evangelii Gaudium denunciou xusta e detidamente este mal na igrexa e nas sociedades.
Sabemos que os bispos, e toda persoa prudente e con autoridade, acolle iniciativas e recibe de bo grao as suxestións pertencentes á súa responsabilidade persoal para o ben comunitario. Ten asesores e consulta xente ben documentada antes de dar pasos en falso. A Mons. Araújo o problema e preocupación pola cultura e lingua galegas víñanlle de lonxe por todo o galeguismo histórico do que el formou parte activa desde moi novo. Tamén pola súa docencia da teoloxía.
Quen estivo detrás deste documento fundamental? De quen foron as primeiras suxestións e quen salientou a conveniencia de abordar o asunto tendo en conta que ía traer consecuencias políticas que el xa sufrira cando a súa consagración episcopal en Ourense? Quen foi o redactor dos primeiros textos?
Conviña aclarar isto antes de que as verdadeiras testemuñas desaparezan. Isto non lle resta nin mingua valor á decisión de D. Miguel. El asinaría e sería o verdadeiro autor e responsável. E sería el quen cargaría coas consecuencias, como así sucedeu. Foron tantas cousas polas que el tivo de sufrir, tanto, que entre todas e todos nós os galegos nunca llas daremos agradecido e pagado suficientemente.
Sempre se dixo que a suxestión da idea e mesmo a autoría do texto, en grande parte, foi de Martiño. Nestas cousas o segredo é necesario. Martiño nunca dixo nada. E hai que agradecerlle o silencio e a fidelidade que sempre soubo gardar.
Finado xa D. Miguel, e por rigor histórico, non serán chegados xa os tempos? Sería ben e posível facer hoxe algo máis de luz sobre este dato importante? Non iría para nada en menoscabo, perda ou dano á reputación, prestixio ou o bo nome ou persoa de D. Miguel nin da Institución. Todo o contrario. Que un bispo escoite, dialogue, valore ao seu pobo e contribúa a salvar a súa cultura multimilenaria e arrisque en prol do ben común, etc., é unha honra para todos.

COUSA 3ª. "O REBAUTIZADO". O Instituto Teolóxico Compostelán é unha filial da Universidade Pontificia de Salamanca en Santiago.
Martinho Montero, non ben chegado de Roma, foi un deses profesores chamado, urxido e admirado pola súa valía.
Pero "sobrou" ben axiña. Foi atacado por parte da mediocridade. Pasou tamén con Queiruga. E Martinho, silencioso, coma os Magos "retornou ao seu "humus", por outro camiño". (Mt 2, 11). A verde faravos libres. (Xn 8, 32).
Por que deixou Martiño a docencia nese Centro teolóxico? Aos profesores que teñen "carisma" e polos que un sente boa admiración, sempre vai haber algún alumno lúcido e avantaxado que o rebautice axeitadamente.
Indo á romanización histórica, a xeito de síntese, con visión profética e con acerto poético, alguén soubo ver en Martiño con clarividencia a figura de Viriato: "Pequeno pastor lusitano que actuou a mellor resistencia".
Andando o tempo recobrou máis forza o dito de: "Roma non paga traidores". Pero Roma tamén foi sempre moi sabia para xerar e promover instigadores.
A Historia vén detrás aclarando as cousas. E a intrahistoria converte-se así en Historia.

COUSA 4ª.- SAN PAULO DE CATABOIS EN FERROL. A PARROQUIA MÁIS HUMILDE, CON XENTE MOI BOA.

"Velaquí un pequeno grande home, humilde onde os haxa no medio de vós: "Seguídeo!", dixo Xoán o Bautista. (Xoán 1, 26): "No medio de vós está alguén a quen vós non coñecedes", que adoita empregar-se nun contexto espiritual ou de reflexión.
E non souberon ve-lo. Non souberon descubri-lo. Non por maldade. Vivían noutra onda. Estaban moi doídos por cousas de antes del. Sen culpas de ninguén. "A vida!" Pero sufriran moito. Pasado o tempo tocou-me sucede-lo no cargo. Cando eu lles falaba das excelencias de Martiño, das ocasións perdidas e do equivocados que estiveron no trato con el, laiaban-se de estaren cegos. Os pobres están tan feridos e necesitan tanto amor que, por veces, non saben descubriren nin a calidade nin a calidez. Pasa coma coas mamás. Cando máis amorosas están co filliño que sofre, os nenos volven-se a patadas contra elas.
Os humildes nunca van de "relumbrón". E a xente, todos nós, reparamos neles cando xa pasaron. Cando eu era neno escoitei-lles aos maiores repetir-nos, aos rapaciños. "Cuando el 'siso' me es venido, el tiempo ya me es ido". Así, con esa literalidade un pouco retorcida, mo repetiron desde a primeira adolescencia.
Cantas veces lles escoitei logo: "Deus dá-lle o pan a que non o sabe comer."
"Ai! Se o Martiño volve-se hoxe! Daquela..., tamén nós...,

CODA FINAL:
Xa gostaría eu de que se fixe-se un libro con máis cousas. Podería a cidadanía e o Concello de Cerdido seguir completando aínda máis os pequenos-grandes segredos do noso Martinho? Os arcanos do noso Martiño! As outras pequenas-grandes cousas!
Cerdido e Galiza son merecentes!
El e nós somos merecentes!

Grazas

-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-.-

Concello de Cerdido


O día 24 de outubro, ás 18:00, no CONCELLO DE CERDIDO (A Coruña), tivo a honra de nomear a un ilustre veciño, José Martinho Montero Santalha, como Fillo Predilecto do municipio. nunha emotiva celebración
O acto celebrouso na Área Recreativa do Castro.
E contará coa presenza de diversas personalidades do ámbito da cultura.
"Pequeno grandísimo home que pasa pola vida coa humildade das persoas verdadeiramente grandiosas".
Tal é a súa sinxeleza e bonhomía que ao seu lado todos nos sentimos medrados. El aprendeu a camiñar sobre a dignidade esencial dos seres humanos. E dignificados por Deus, na vida, temos designado todos e cada un o lugar de honra.
Como dixo Díaz Castro, outro grande: "O Universo enteiro sería máis pequeno sen ti"-
E Martinho fai realidade o manifestado en Ef 1:16-19: "non ceso de dar grazas por vós ao Deus do noso Señor Xesús-Cristo, o Pai da gloria, para que vos dea un espírito de sabedoría e de revelación para o coñecemento del, para que ilumine os ollos do voso corazón e saibades cal é a esperanza á que fostes chamados, cales a inmensa gloria outorgada en herdanza ao seu povo e cal a inmensa grandeza do seu poder para connosco, os que cremos, segundo a eficacia da forza do seu poder".
Martinho é un profundo crente. Non crédulo. Pero coherente. E fai posível a cotío este grande misterio. Co seu sorriso característico cada unha e un de nós sempre nos sentimos acollidos e valorados. Sabe encontrar a importancia de cada persoa e poñela na actualidade da nosa propia existencia. Abre as portas do corazón. As del e as nosas. Porque tal é a súa mirada sobre o ser humano e a creación. E empezando desde abaixo, polo "humus" da humildade, coma o Deus creador e animador faiche ver a mirada amorosa e sempre creadora de Deus: "E veu Deus que todo era moi bo".
E resulta que foi el, o Martiho, quen me di persoalmente: Olla! Ves onde estás ti?
Graciñas, Martinho.

Xaquin Campo Freire, 'Xaquín de Roca'
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES