Tiro nun pé
Xiz, Xulio - lunes, 26 de octubre de 2026
Figuradamente, considérase pegarse un tiro nun pé cando un ten os naturais problemas cotiáns e algún engadido, e busca problema novo sen solucionar os anteriores.
Amencín este domingo coa sensación de que o Psoe lucense ven de pegarse un tiro nun pé co tema de Orozco, que parecía volver ilusionado a Lugo por ter presenza visible no seu partido, aspirando a representar a provincia no Senado. Orozco ten detrás a dedicación vital ao Psoe, e un percorrido municipal cando menos notable.
Compañeiro no eido do cine durante ben tempo, perdín a amizade directa con Orozco e Pepe Blanco por unha faena que o Psoe (non eles) lle fixo a unha xornalista amiga, pero vivo en Lugo e aínda que na cidade os exalcaldes non gocen do recoñecemento que debían ter, a forza política á que pertence coido que non está -ningunha o está- como para tirar pola borda aos políticos xubilados, que con entusiasmo e devoción serviron á causa.
Temos a Cámara Alta, en teoría a primeira, como lugar case de repouso -xa non digamos Europa, tan lonxe-, pero tamén como lugar para librar as últimas batallas; o lugar onde comeza o retiro honroso dos guerreiros de primeira fila. Non me extraña que Orozco debecese por unha praza de altura á súa altura vital, na que compartimos ano de partida.
Tenden os partidos -practicamente todos- a utilizar, exprimir, as pezas do xadrez político en tanto quen os dirixe os considere válidos. Pero por estas ou outras circunstancias, hai persoas que foron válidas e pasan a ser xoguetes rotos, sen unha transición que lles permita comprobar que a vida política ten etapas, estadios nos que todos teñen cabida.
En fin: Un problema.+

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora