Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (10)

Gómez Vilabella, Xosé M. - viernes, 30 de octubre de 2026
-Meu neno, somos de Castroverde por culpa dun tan Mendizábal, que se inventou unha desamortización, chamándolles "mans mortas", entre outros, aos frades do noso Montecubeiro. As rendas, os foros, daqueles frades foron vendidas, pasando a outras mans, unhas que tamén eran mortas, ou sexa, rendeiros, explotadores de caseiros, e o resto, aos propios labregos. Despois diso, o noso Couto, o de Montecubeiro, foi Concello, pero só por uns meses, pois..., o pez grande sempre comeu ao cativo, así que nos enguliron, incorporándonos ao que fora Condado de Flammoso...

- Papá, así que nós, nin do señorío de Luaces nin do de Castroverde, no medio de ambos!

- Nós somos de Deus, pero a través dos seus frades; primeiro os beneditinos, que proceden dos ermitáns do Rego do Santo Estevo, entre Veiga e Maxide, e despois, dominicos, herdeiros daquel Ora et Labora de San Benito, que para nós, na nosa lingua, dise Bieito. A todo isto, con tanto frade, ¡quén sabe se non nos parecemos á Rosalía de Castro..., niso da paternidade!

Confeso que naquel intre presteilles máis atención ás choias que saían e entraban na torre do castelo que ás hipóteses de meu pai, así que lle preguntei:

- Eses paxarracos..., non se parecen as pegas da nosa carballeira, ou si?

- Tes razón, que estas son choias, da familia dos corvos, uns paxaros preeiros, que por iso hai quen di que son as ánimas daqueles feudais do castelo, condenadas a seguir no país por eles esquilmado. A que se extinguiu foi a raza das azores, que os utilizaban para cazar, pero queda o río onde bebían, aí abaixo, entre Bolaño e Castroverde, ese regato que vimos ao subir para o castro.

Moitas voltas lle demos ao castelo, adarves, murallas, troneiras, alxibe..., pero todo isto sen achegarnos á torre, porque facía vento, e meu pai temeu que caesen pedras da barbacá. Comentei:

- Xa lle quedan poucas; á torre, digo!

- Si, así é, e cando teñas a miña idade, menos lle quedarán, ou ningunha! Volvendo ao dos azores, aqueles cazadores pro domo sua: Os descendentes dos antigos administradores daqueles Altamira, que tan alto miraban que o facían por riba dos castros, este incluído, e por iso nin do seu Castroverde se lembraban, con tal de que lles achegasen á Corte un tanto das rendas, fóronse asentando nesta bisbarra, facéndose donos da propiedade señorial, simplemente por abandono dos verdadeiros, dos titulares auténticos, e deron en cederlles perpiaños aos veciños do burgo para que fixesen con eles as súas casiñas, pero non foi en balde, nin de balde, senón ben cobrados, en xornais e / ou en especie, que deste xeito lograron, a maiores, que os paisanos os respectasen e os tivesen por donos de pleno dereito da fortaleza, sendo meros administradores, ou menos aínda. Primeiro arramplou a nobreza, e despois eses fidalgos, ou menos que fidalgos, pero todos eran iguais, ou similares, no de comer coa suor do de enfronte!

- Papá, -que o neno comezaba a discorrer, -de canto me dis deduzo que o actual Castroverde naceu neste outeiro...

- Neniño, iso é o que pensa a xente de agora, pero cando sexas grande, e vaias a Madrid, e te satures de Archivo Histórico Nacional, a pouco que investigues atoparás documentos, pergameos, que che confirmen isto que che anticipa teu pai..., que non tódolos veciños veñen de familias ilustradas, pobres pero ilustradas! Ao castro, a esta elevación na que agora estamos, asento, por sucesivas construcións, restauracións e ampliacións, do actual castelo, chamábanlle Castro do Val Verde, Vallis viridis, en latín. Olla agora en dirección ao noso Montecubeiro: Ese val tan verdiño, de terra caliña e ben regado, chámase, aínda se chama, o Val Verde de Bolaño. Conclusión: o castro foi a raíz, a raíz celta, pero a árbore foi, era, Bolaño; e nada de "bolo" máis "año" na muralla de Lugo, daquela do Al Mansur, que iso é un mito, unha fábula para montarse escudos. Repara na dirección Norte: ¿Qué ves? Bolos, bolaños, terras en forma de bolo. ¡Pois diso lle vén o nome, puramente toponímico! Segundo Montecubeiro é un monte, unha serie de montes formados por cubeiros, panzas de barril, así a terra de Bolaño é un campo, un conxunto de bolos redondeados. ¡A toponimia, meu neno!

Segundo baixabamos amplioume:
- Nesta parte do Sur, do castelo á feira, a Fortaleza, o miradoiro da Lomba..., ¡outros bolos!, as construcións son posteriores ao castelo, un burgo feito polos propios e antigos servidores do castelo, ¡con pedras roubadas, roubadas directamente da propia fortaleza; roubadas, ou pagadas aos verdadeiros ladróns, que vén a ser o mesmo, che repito, en xornais ou en produtos, aos azores, aos administradores do señor, pero en modo algún señores, que viñan a ser tan azores, tan raspiñeiros, ou máis, que aqueles conseguidores da caza, que polo menos as azores traballaban, servían ao señor, mentres que estoutros abusaron da confianza recibida, recibida ou atribuída!

Daquela non preguntei máis nada, pois, para a miña idade, saturado quedaba, servido ía!
-.-

Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (10) Do que máis agradecido lles estou a meus avós, tanto aos maternos coma aos paternos, e con eles, por eles, a meus pais, non é que daquelas conxugas saíse eu, en corpo e alma, con todo ser cousa certamente de agradecer; non, non é iso, que vou máis lonxe:

Xerar unha cría é cuestión animal, un golpe de celo, que o pode ter, que o teñen, tódolos semoventes, pero dispoñerse, prepararse, para que o gromo teña a quen imitar, iso é sagrado, indelegable, inconmensurable!

¿Como se comeza? ¡Elixindo con criterio, con tino, con prudencia, con perspectiva de futuro! Xa sei que os máis meticulosos, os aristarcos, aducirán que na época dos meus aínda existía a esculca, os chufóns, os casamenteiros... ¡Non era tan mala, e se mala resultaba tamén o era por defecto electoral, por fiarse de irresponsables, que viña a ser o mesmo pecado! Os bos esculcadores non facían aquelas recomendacións sen coñecer a fondo, e directamente, as súas proposicións, as súas recomendacións.

A atracción física, vale, existe, como tamén vale nos lobos, pero non é suficiente. Hai que ir á atracción moral, indagar se os pensamentos do rapaz son compatibles cós da rapaza, e á viceversa; que plans de futuro están dispostos a asumir; se elas están dispostas a parir, e eles a cargar coas consecuencias, por pesadas que resulten; cómo pensan educar a prole; cómo farán para limitala, con qué medios, lícitos, morais, o queren facer para deterse niso que vén chamándose paternidade responsable; etcétera, etcétera, que non estou facendo un libro de moral, nin de formación sexual, aínda que tampouco renuncie a iso, por suposto.

¿Que tras da Misa de velacións veñen as estacións do calvario matrimonial, ou o que é igual, detrás do mel o vinagre? ¿Rapaz / rapaza, cando nos abandonen os Pilatos da vida, estás disposto / disposta a facer de Cireneo, axudándonos reciprocamente, desinteresadamente, a subir ao Gólgota? ¡Xúrasmo, con todo o teu corpo, con toda a Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (10) túa alma, sen reservas mentais? Se esta análise resulta positiva, tanto dá que a cerimonia sexa con ramos de azar ou sen eles, que aí está o meu caso, que me casei, que me casaron por poderes, e xa pasei, felizmente, cordialmente, as Vodas de Ouro, cincuenta anos de grata convivencia! ¿Sen bochas, sen discusións? ¡Algunha houbo, pero razoando vanse limando; iso si, ambos, de consuno!

¡Ai daquela criatura criada no inferno dun matrimonio desavido, que llo están anticipando! ¿Que lle queda para non ter dous? ¡O mellor que se pode facer neses casos é irse ao seminario, ou a un noviciado, segundo os xéneros, que neses sitios non hai paro, hoxe por hoxe, e rezar, rezar pedindo milagres para os seus proxenitores, pois devolver ben por mal é a mellor das leccións, e xa que non as houbo paterno-filiais, que sexan filial-paternas! ¡Tomádeo en serio, que non é mal consello!

Hai un punto ao que de solteiros se lle dá pouca importancia: ¿Queremos ter fillos, si? ¡Pois daquela, cando haxa análises, analicémonos, ámbolos dous, con recíproco coñecemento, para que despois non teñamos trampas ou desilusións! Agora que se fala de todo, ¡e sen bozo!, óese dicir que hai casos nos que a esposa, sexa por comodidade, preguiza, ou circunstancias inconfesables, toma a pílula preventiva de costas ao seu home, e faille crer que son..., ¿trastornos endométricos? ¡Xa! ¡A fidelidade matrimonial ou é absoluta, ou é..., esa palabra fea que se nos escapa en tales circunstancias!

Se non veñen, mercámolos? ¡Pode facerse, pero persignándose primeiro, pois esas decisións teñen os seus pros e os seus contras, que igual poden ser caridades como crimes, segundo os casos! Pero nisto non vou entrar, que daría para un libro, para un libro tan gordo coma a Biblia, e as miñas limitacións non mo permiten! Como veño falando de avós, o único que me permitirei dicir é que, se os avós están aí para axudar a criar os fillos propios, igual carga, ou similar, comportan as adherencias, así que tamén hai que pensar neles á hora de encargalos. Non é igual, en absoluto, o caso dos naturais, pois, para estes, cando casan os fillos, sabido é que a por netos van!

En definitiva, para resumir: ¡Se eu son mala persoa tendo uns pais que casaron, e viven, como Deus manda, á imitación dos seus, e así sucesivamente, baixando ao pretérito, non vai ser doado que Deus me perdoe, pois a traizón será dobre, a culpa dobre, o pecado, dobre! Nestes supostos seríamos traidores cara atrás, e irresponsables cara adiante. ¡En definitiva, bestas, ou peor aínda, pois non hai besta que non defenda as crías!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES