Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (8)

Gómez Vilabella, Xosé M. - miércoles, 28 de octubre de 2026
Un día veunos axudar a tecedora das Cavozas, Ifixenia de nome, aínda que todos a nomeaban de Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (8) Figenia, ¡sería por abreviar, como facía ela no tear! A madriña deulle, en pago, medio saco de patacas, das boas, das que sobraran da semente, coa recomendación de que as pelase delgadiñas..., para que lle durasen máis! -Mira, Figenia, a ver se che duran ata que remates as miñas trapeiras, que deixaches pasar o inverno sen facelas, e agora, na primavera, co sol na porta e a auga na horta, xa se foi o frío. ¿Contestación? ¡Nin que fose unha Marie Curie, reencarnada! -Señora Josefa, o sobriño, ese Manuel da Ponte, fíxome outro tear, e agora teño dous, así que, cando me canso de tecer nun deles, pásome ao outro, abreviando no traballo! ¡Descoide, que nun mes, antes de que floreen as patacas, vostede terá as trapeiras, ben guapas e ben floreadas! Inefable, ¿non si? Con aquelas tecedoras, hoxe non teríamos que importar da China, pero..., non quedaron alumnas!
-.-

¿Ateos os da República? ¡Na miña parroquia, non, e fusilaron 15, por..., ¿roxos? Ateos non hai; rebeldes, si, pois o rebelde éo porque non acata, porque, na súa soberbia, amólao ter alguén enriba, e se o de Arriba é Deus, máis aínda! ¿Queimaron igrexas? ¡Pero foi nas cidades, e tamén nalgunha vila, pois é nas urbes onde se dan eses borregos que presumen de lobos. Na aldea os lobos son lobos; e os borregos, borregos!

Nesa parroquia dos 15, ¿roxos, ateos?, naquel 36 fomos ao Calvario, que é como daquela se dicía, novos e vellos: eu, da man; e meu avó, dada a súa coxeira, na egua. Nós, polo Ribón; e o avó polo camiño real; pero todos con devoción. ¿Das outras casas? Nas outras seguro que só quedaron os impedidos. ¿Que algúns, coma no romance de Riello, ían, “por ver las mozas, las que van guapas y frescas”? ¡Iso, tamén; ou é que Deus está arrepentido do seu, “Creced y multiplicaos”? Ordenouno en xeral, pero houbo un Concilio que opinou que os cregos, non, que por algo levaban saia. Daquela terían razón, dadas as circunstancias; ¡daquela! ¿Nas de hoxe, que? ¡Veremos!

As vacas quedaban pacendo, ¡rezando á súa maneira, pacificamente, máis pacíficas que aqueles escribas, ou aqueles fariseos, de Xerusalén! Pacendo, paz facendo, exercitándoa, no Prado da Faladoira, así chamado porque foi comprado a unha muller dese oficio: Faladora, que non é igual que falangueira!

Como había, como se andaban, dous ou tres, Calvarios na tarde dos Xoves Santos, precisamente para que ninguén quedase sen cruz, para que se relevase a xente das casas, meu pai “andounos”, de xeonllos que así se dicía, “andar”. Trabada do Gruñedo, o morgado da casa “das trabes”, que “travar” é outra cousa, dixo o enésimo, pero, ¡en castelán! ¡Era irmán dun crego! Para o último daquela tarde, tamén meu pai, que despois de retirar o correo na casa do Carteiro, Ignacio, ¡nunha aldea, o carteiro é/era, unha institución!, volvemos a entrar na igrexa, por se non había quen “o andase”. Haber, había, pero a xente estaba afeita á voz pausada e grave de meu pai, que lle daba unha especial solemnidade a todo o que fose actos públicos. A xente sentíase no Calvario, no auténtico, oíndo a meu pai…, en galego! Seguro que non quedaba ningún pecador sen arrepentirse cando o escoitaban; todo contrito:

“Meu Señor Xesús Cristo, cando caia desfalecido e sen ánimos para cumprir co meu deber de bo cristián, e por ende, de bo fregués, suplícoche que me levantes e me reanimes coa túa graza para seguir coa miña cruz, así sexa por estes montes do noso Montecubeiro, ¡outro calvario polas súas costas! Con iso e con todo, quero cumprir a túa santa vontade, por días de vida…”.

¿Era perseguible un home así, un cristián de boa fe, un home que aplicaba o lema Libertade, Fraternidade e Igualdade, con toda a grandeza da súa alma? ¡Pois claro que si, que por algo se parecía a Cristo, ou se parecía ou quería parecerse, así que, fose Xudas, ou os seus fillos, sentíanse incómodos con aquel mestre “de a ferrado”, que cobraba en trigo ben suado, merecido, e non en xamóns caciquís, como facían aqueles xudas da bisbarra!

Avoíños, educando a meu pai, a min me educastes, así que, grazas, aínda que nos as precisades pois arestora ben as tedes recibidas, e gozadas, que volas deron por min, aí arriba, no Ceo, descantiá!
-.-

Saltei a celebración do San José daquel ano, ¡José e Josefa!, porque merece un capítulo especial, detido, detido e agradecido, pois, sinaladamente daquel día, daquela reunión familiar na que me medraron as orellas un palmo, ¡unha tarde de historias, man a man!, teño claro de onde me veu unha certa afección pola Historia grande, pola de maiúsculas. Aquel día foi, para min, para a atención do cativo, a inicial, pero non a última pois, cada vez que se vían os consogros, de non ter présa, recapitulaban, feitos e personaxes; de par seu, o neno, que nin que dicir ten que volvía a poñerse de antenas.

Os catro tiñan moito que ver coas cousas e cos personaxes da Corte; os de Pousadela, por vivilas de cerca, e os de Montecubeiro, por referencias de seus cuñados. E logo que posuían, en común, unha certa capacidade de análise que os levaba a estudar os personaxes partindo das súas circunstancias concomitantes. Para o materno, o central, o nefasto, era, fóra, aquel Romanones, aquel bon vivant, aquel especulador, que tanto, e tan ben cociñado, papara das mans da avoa Carme. Coñecíalle todo o historial, vida, casamento, herdanzas, chanchullos, tanto políticos como económicos: Un bo avogado, de si mesmo, un escravista que non tivo escrúpulos en afundir ao marido da propia cociñeira, unha ducia de fornos, en cadea, contra as ataduras, contra as limitacións daquel panadeiro de Pousadela, atado a unha simple e mínima artesa. Ao avarento non lle chegaban as posesións de Guadalaxara, as minas de La Unión (Murcia), intereses nas do Rif, ¡pobres soldadiños galaicos, esfolados polos mouros na defensa daquelas minas! Cen casas no barrio de Salamanca… Tivera un bo mestre, aquel Manuel Alonso Martínez, o da gran praza madrileña, seu sogro, que lle ensinou a ser político, ¡17 veces ministro, e 3 presidente do goberno para aquel niñato Alfonso XIII, do que tamén falaron os avós, e non precisamente ben!

Daquel Rei, que en vez de Alfonso debera levar o nome do seu émulo, aquel Tenorio…, contou o escritor Benavides, ¡outro que ía ao fondo das virtudes históricas!, que cando o levaron a Marsella, no “Príncipe Alfonso”, na madrugada do día 15 de abril do ano 1931, o Rei destronado díxolle ao Comandante Fernández Piña: “-¿No tendrás la pretensión de que desembarque a estas horas?” O mariño torceu a cabeza, desentendéndose de explicarlle as ordes recibidas, así que o defenestrado insistiu: -“¿Y qué hago a estas horas, en un pueblo como Marsella?”. O mutismo do Piña seguía resistindo, así que o golfo, ao no obter resposta, volveu ás golfadas: “-En este caso, me iré de golfas!”. Fixérono desembarcar ás cinco e media da mañá, hora solar, que era a de daquela, e a continuación o buque virou en redondo, izando a bandeira republicana!

De Alfonso falaban os avós, pero do Alfonsiño facíao a avoa, que ben veces lle teño oído o que ela, á súa vez, tiña escoitado: que naqueles tempos de miseria extrema, as nais desa parte de Neira de Xusá e de Becerreá, desde que os seus nenos comezaban a nutrirse da vaca marela, e a toda présa, antes de que lles secase a ubre, íanse para Madrid, aleitar madrileños! Seica tiñan bo coidado de deixarlles as criaturas aos pais e ás avoas, que nin a primeira os levou consigo a Madrid, onde era público e notorio que, dos nenos deixados no hospicio, extraíase o sangue das transfusións do príncipe, do Alfonsiño, ¡por vía oral!. Meu pobre, tan serodio que naceu!

O avó retomaba o tema: ¡Aquel estúpido, aquel Silvestre asilvestrado, aquel africanista obediente, que lle fixo caso ao Alfonso, ás fantasías daquel mullereiro, confiado nos seus subministres, de víveres e de armas, así que avanzou leguas e leguas, en busca dos cumes do Atlas, deixando, esparexendo, reténs mínimos, que foron acoitelados, por milleiros, na noite do 21, do 7 do 21!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES