Para a festa do Santo, en Montecubeiro, grande, grandísima, pero setembrina, os madrileños xa se foran, así que, para nós sos, de festa quedouse en festiña.
A Gondel, San Cosme, o 26 de setembro, levamos a merenda, que a papamos cos outros avós, cos de Pousadela, nunha palleira de Cosme, ¡despois da Misa e da procesión, por suposto!
O que sinto é non ter unha fotografía da Ceguiña de Gondel, que recorreu as merendas, unha por unha, co seu violín, tocándonos copliñas improvisadas referidas á xente máis notoria, ¿notoria ou notable?, de cada unha delas.
¿Cómo o facía sendo cega? ¡Con inxenuo: primeiro arrimábaselle á orella súa filla, acompañante da cega, e pasáballe algún dato, poucos, que poucos precisaba para improvisar a súa alegoría! Tempo adiante, vinte ou trinta anos despois, o baleiro da Cega ocupouno Acevediño, o chuchado, que deste si que incorporo esta foto, ben expresiva.
-.-
¿Entre festa, e festa, qué? ¡Traballo, traballo e traballos, que diso nunca faltou, pero ledicias, tamén!
A todo isto que foi, como se criou, naquel rural do 1935, aquel escachapelo de cinco anos? ¡Pois, estupendamente, equilibrado, escachizando todo o escachizable, pero máis se escachizou o país aos poucos, ao ano seguinte, no 36! Brincando, subíndose ás paredes, fabricando xoguetiños caseiros e imaxinando canto podía derivarse daqueles contos tan complexos de meus avós, que non paraban de referirse aventuras cada vez que se xuntaban, e menos mal que non era acotío! De cotío eu si que asistía as clases de meu pai, na propia casa, no "cuarto novo", construído como continuación da

palleira, pois aquel ano, aquel inverno, pero nunca lle preguntei os motivos por que non fora escolar a Tras da Serra, como nos invernos anteriores, aquela lotería caeulles aos nenos, e tamén aos non tan nenos, do noso lugar.
Eran demasiadas horas de encerro para un crío de cinco anos, así que, cando o "pis" me apertou, e por suposto que sen pedir permiso, ¡eu tiña o privilexio de saír, de irme, sen o prace do Mestre; lanceime escaleiras abaixo, a todo gas, pero
, ¡o pero estivo en que, fatalmente, ao abrir, o empurrar a porta, coincidín con meu avó, que lle ía botar o toxo picado á besta da casa, albergada na corte de debaixo da escola! A porta retrocedeu, dándome nas nafres, e tamén na cella do lado dereito, que se abriu, enfadada, dous ou tres centímetros, con tanto sangue que non me deixaba ver. Meu pai baixou a brincos, de dúas en dúas, e tirando de pano envolveume a cara mentres o avó, eximio albeite da época, rastrexaba a corte da egua en busca dun feixe de teas de araña, que era a venda de urxencias máis recomendada naqueles tempos. O paso seguinte, desde que se estiñou o sangue, foi buscar celidonia, no horto, un feixe dela, a "mercromina" de entón", co cal quedei sinalado, con cicatriz pero cicatrizado!
¿A escola? ¡Aquilo si que era malabarismo: nenos do silabario, nenos aprendendo a facer a "o", na pizarra de lousa, con un pizarrín, tamén de lousa; nenos en polinomios alxébricos, mozos retornados do Servicio Militar chiscándolles o ollo ás mozas do outro lado da mesa...! E o ¿director? atendéndolles a todos, con paciencia suma, explicativo e didáctico con todos. Aínda queda alguén que se lembra del, con agradecemento, pero tamén os houbo que o perseguiron, precisamente ao ano seguinte, tillando de "roxo" ao cristián máis caritativo da parroquia! Tan relixioso que, por Semana Santa, andaba tres ou catro calvarios, e sempre de memoria; rosario na casa, etc., etc. Este mundo é tan variado, tan complexo, que nunca falta un Xudas..., con tal de que teñan ocasión!
-.-
¡Avoíños, que burra é a xente da cidade, tendeiros incluídos, que non distinguen entre nabizas e grelos, e vosoutros, ámbolos dous, que sempre diciades que había que deixar grelar o mellor curro do nabal..., para mellora-la nabiña! Por se volven á terra nai, da que moitos non deberan / ou non deberamos, ter saído, vóullelo explicar: as nabizas son as follas tenras, e iso do "grelo" xa o di a verba: ¡un nabo grelado, agromado! Eu son, procedo, da "terra do nabo", de Lugo, nabudo por tanto, así que, en materia de nabos, en materia de caldiño de nabos, ben untado con unto de tres anos, curado ao fume, que con menos non unta..., boccato di cardinale, que ben o quixesen para si, para a súa mesa, eses de Roma!
Relar os nabos para o caldeiro dos porcos, ¡tantos que teño relado!, require un coitelo grande, ben afiado, e un cepo de carballo, agarrando pola verdura, pero
, despois de ben lavados! Tamén require pulso, tamén, e que non pase por alí, a tal momento, unha garotiña, pois, nese caso, perigan as mans! Con bos nabos, landras e castañas
, ¡xamóns para os caciques! ¡Iso si, despois de capados os ranchos, pois, do que non, a carne sabe ao que é, ao que lle corresponde, a bravío! Tamén é grato atizarlle ao caldeiro, pois, como xa se fai de entrado o inverno, mellor é estar no inferno da lareira que na gloria do polo Norte!
Co que sei da aldea, e ninguén me contrata para esas granxas modernas! Se me contratasen, diríalles aos alumnos que se tomen a molestia de deixar cocer as terras, cousa dun mes, despois de arada a nabeira, pero nunca demasiado porque grelan as patacas, ¡as patacas tamén!, tan pronto como asoma a primavera, e se é recomendable capar os ranchiños, as patacas, non, que precisan deses gromos primeiros, dos fortes, para romper a terra, para asomar con brío, para defenderse das xeadas tardías. In illo tempore, daquela que se facían ben as cousas, para aforrar patacas as grandes partíanse pola metade, pero tendo un bo coidado encalarlles a ferida: unha, para defendelas do bicherío, e a outra para que non se desangrasen pola ferida. ¡O que non precisaban era das teas de araña, que iso estaba reservado para as feridas dos rapaces da miña bisbarra!
Despois das pataqueiras viñeron as vacacións de meu pai
, as zocas! Pasou un día afiando e poñendo a punto a ferramenta, bros, aixola, trades, legres, repenicos
, que ata foi ao ferreiro de Bascuas, e levoume consigo! Dixen, "de vacacións", e non minto, pois, se mentise, meu pai, desde o Ceo, é capaz de pedirlle a Deus que me poña de cara á parede, con un libro enriba. Este castigo fíxollo un día, unha novidade, que nunca outro castigo lle vira facer, a un rapaz que lle faltou un día á clase, e ao seguinte veu dicíndolle
, que estivera enfermo! O "mestre", non sei como, pero soubo que fora con súa nai á feira de Mosteiro, e de paso obviando un exame que lle ía facer de Xeografía de España, que non lle apetecía estudala alegando que para qué coñecer España se en definitiva non lles daba de comer, e tiñan que emigrar! Despois de explicarlle que antes cae un mentiroso que un coxo púxoo de cara á parede, coa enciclopedia na cabeza, prometéndolle que o facía para que lle entrasen os saberes na súa cabeciña, de paso que a parede lle servía de mapa, ¡de mapa mudo!, que é como son tódolos mapas cando se desprezan.
Para meu pai, vacacións eran, que o ten repetido mil veces, cambiar de oficio, cambiando de ocupación en toda ocasión na que o humano se sente canso ou aburrido; e mellor aínda, pasando do material ao intelectual, e á viceversa. Con esta alternancia, descansan, alivian, por veces, o corpo e mailo espírito. Outra sentenza das súas era que o dos cárceres era un castigo medieval, pois a redención das penas debía facerse compaxinando instrución con traballo, escola nos penais, cando chovese, e a facer estradas, polo país adiante, nos días de sol. ¡Outra alternancia!
Aquel día do ferreiro moito aprendín: ¡tanto, ou máis, que nun día de clase! Mentres agardabamos quenda, mentres o ferreiro atendía ao cliente que chegara primeiro, meu pai pediulle permiso para utilizar un encerado que tiñan alí na forxa, onde, seica, apuntaban, a orde dos encargos, pero aquel día estaba limpo, en branco, con un paquete de xiz, ao lado, aberto. Se non fose porque chamaría a atención, eu faríame de cruces, costume que lle vira á madriña, así, por calquera cousa que a escandalizase, ao ver a meu pai cunha daquelas barras de xiz: ¡Meu pai, de afeito que está a poñer escola, igual lle quere ensinar matemáticas ao ferreiro! Enganeime, pois a lección era para min, para o seu fillo:
-Mira, rapaz, aproveitando que estamos nesta forxa, vouche explicar o diagrama ferro-carbón, que así velo en teoría ollando para esta gráfica, e seguidamente na práctica, ollando a fragua. -(Como agora vén en mil libros, con máis detalle, máis científico, aínda que conservase aquela imaxe na miña cabeza, non tería obxecto abundar no tema, pero o certo é que aínda lembro, algo, daquela explicación, pois, o que ben se aprende...!)
Das zocas falarei outro día, que por aqueles anos o neno aínda non tiña pulso para manexa-la aixola. Un labrego sabe, ¡sabía!, tantas cousas, exercía tantos oficios, que nin con un ordenador se dá ordenado un extracto daqueles saberes, e máis, con iso e con todo, nas cidades chamábanlles "pailáns", "paios", "pailarocos", ou "paifocos"; daquela, de rapaz, iso moito me enfurecía, pero foi ata que descubrín que nas cidades tiñan espellos, e mirábanse neles!
Meus queridos avós, ¡que ben tiña eu, daquela, as bisagras, que facía delas o que quería; sempre lle pasaba diante á madriña, e iso que ela levaba un só rego, por cada dous dos meus! Agora bótanlles herbicida...; ¡deberon aprender do meu cirurxián, que tamén mo botou na vexiga, daquela dos pólipos! Coa sacha acabábanse as ruadas, as fiadas, que era moita historia sachar e fiar.
Gómez Vilabella, Xosé M.