250 anos e a Estatua da Liberdade
Pinto Antón, J.A. - viernes, 23 de octubre de 2026
Agasallo de Francia en 1886, no centenario da Independencia. Século e medio despois continúa a simbolizar os principios da liberdade e a emancipación. Unha placa cos versos de Emma Lazarus recolle o fermoso soño: "Dádeme os vosos cansados, os vosos pobres / as vosas masas apiñadas que ansían respirar en liberdade. /
Ergo a miña lámpada xunto á porta dourada". E acudiron millóns de marxinados. Chegaron tantos que construíron un país a lombos da inmigración. Pronto será un país de minorías, negra, latina, branca. Esa mestizaxe asusta tanto que a pandilla MAGA cambiaría a G de great pola W de white.
A Constitución é unha luzada poderosa: "Todos os homes son creados iguais" escribía con convicción Th. Jefferson e 600 escravos na facenda de Monticello. Os Pais Fundadores rebeláronse contra a tiranía do rei inglés. Culpábanlle de que "desapiadados" indios asasinaran aos "bos" americanos que lles roubaron a terra. As nacións indias quedaron reducidas a xente sen esperanza estabulada en reservas.
250 anos despois EEUU ten asignaturas pendentes. Exerce un capitalismo sen freo que mide a democracia en dividendos. No s.XIX apropiouse da metade de México. O racismo é ferida aberta. "Iguais, dotados de dereitos inalienables como a vida, a liberdade e a busca da felicidade" di o texto fundacional. Hoxe, co presidente excesivo, xorden novos dogmas. America First no país de migrantes. Detidos, maltratados polo ICE, expulsados con crueldade mediática. Mentres a luz da antorcha de cobre ilumina os ollos dos que non perden a esperanza.
O texto redactado en Filadelfia é un sopro de liberdade, palabra desgastada por un matón do barrio planetario. Con xogos de guerra. Apostando no casino aconómico con cartas marcadas. Impoñendo peaxes á xeografía. Apoiado na escura arañeira de señores tecnofeudais. Alérxico a contrapesos ata converter o país nunha democracia iliberal. Aliñado na desmesura do poder cos outros "emperadores" e con epígonos menores que miran de esguello ao "xefe de orquestra".
Desde o seu illote ergue a vista a Estatua da Liberdade. Luz e bágoas nos ollos de pedra. Tanto que lamentar, tanto que celebrar. Porque o presidente excesivo debilita as institucións democráticas. Coa popularidade baixa, inflación alta e unha guerra a absurda tenta deslexitimizar as eleccións. Na memoria, a vergonza do asalto ao Capitolio en 2019. A vontade autoritaria que controla os tres poderes do Estado. O revanchismo atacando Universidades, bufetes, medios, cidades da oposición. Cheiro a corrupción nos negocios da familia, amigos e aliados. A ominosa sombra da tiranía ameaza a democracia que cumpre 250 anos. Os beizos dos desherdados len os versos de Lazarus como unha oración prohibida. Treme e cala a Estatua de Liberdade.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora