Honramos hoxe na Semana de Cine de Lugo, que vive a súa XLVIII edición, á vilalbesa Cristina Castaño, por vilalbesa, por actriz, por muller que representa á nosa terra polo mundo adiante, e á que queremos facer presente o noso agarimo, admiración, e agradecemento pola compañía nesta penúltima xornada da nosa anual celebración cinematográfica.
Nestas 48 edicións, 47 anos, tivemos unha longa etapa na que atendemos especialmente ao cine, á programación primeiro de cine especial que tardara en entrar en España; con producións largamente esperadas polos cinéfilos lucenses.

Chamabámonos Semana Internacional de Cine de Autor, pero rematamos por simplificar: "Semana de Cine de Lugo", sendo internacional a procedencia das máis de 1.400 películas recibidas este ano, e as 135 seleccionadas para proxectar.
E tivo que empezar este século para que deramos en pescudar en temas e persoas, para honrar cineastas, actores e actrices de noso. E comezar a construir un PASEO DO CINE, que se outros paseos son da sona, da fama, o noso é cordial, de corazón, de amizade, de patria pequena.
Hoxe ese Paseo vai inaugurar a placa número 18 con Cristina Castaño, vilalbesa da colleita de 1978, que triunfa nas pequenas e grandes pantallas, e recentemente mesmo no mundo da canción. E o pasado luns, abrimos a sección de homenaxes, proxectando "NACIDA PARA GANAR", na que ela é protagonista.
Neste desexo de honrar xentes do cine, fomos situando fisicamente no noso paseo a grandes galegos -ahí están María Casares, Enrique Muiño ou Eduardo Fajardo-; a institucións como Baños Films e Festival de Astorga; lucenses capitalinos como Fole, Melania Cruz, Antonio Mourelos e a gran señora que foi do cine mexicano, Prudencia Grifell, que naceu en Lugo onde seus pais ofrecían representacións teatrais...
De Baleira, honramos a Carmen Correa; de Riotorto, a Luis Iglesia; de A Fonsagrada, a Frank Braña; de Chantada, María Vázquez e de O Corgo, Benedicta Sánchez. E, desde hoxe, son catro os chairegos do Paseo: Luis Tosar, Margarita Ledo, os Irmáns Coira, e Cristina Castaño.
E falo dos Castaño. Desde 1975, son membro do xurado do Certame Literario de Vilalba, e -quizais foi en 1977- cando na cea do certame me presentaron unha parella de rapaces, a familia Castaño, que viñeran residir a Vilalba onde o pai de familia dirixia unha entidade financieira.
Cando nos presentaron, sabendo que eu traballaba radio, indicáronme que el era irmán de Pepe Domingo Castaño, xa daquela coñecido e querido en Galicia e en todo o estado.
Tardaría anos en saber que aqueles rapaces tiveran fillos, e que Nacho aparecería nas pantallas de Galicia mentras Cristina voaba máis alto, dominando pantallas pequenas e grandes a escala nacional.
Pensaba que Cristina se fóra moi axiña de Vilalba, pero aínda hai un par de días que Carmen, que foi da Cope de Vilalba, agora en Lugo, algo maior que Cristina, a coñeceu sendo noviñas en Vilalba, onde pasou boa parte da sua nenez.
Ben saben os que me coñecen que eu coxeo de pé chairego e de vilalbesía, polo que saber que en Vilalba nacera unha gran actriz da imaxe nacional á que aínda non tiñamos honrado me reconcomía, e por iso tiven interese -compartido por todos os meus compañeiros- en que este setembro Cristina estivese na Semana de Cine de Lugo.
As xestións comezámolas a primeiros de ano, cristalizaron a metade do ano, e por fin fixouse o día de hoxe para celebrar este encontro.
Neste tempo moitas cousas nos pasaron a todos, especialmente a Cristina, que foi nai, traballou intensamente e fixo unha incursión triunfal no mundo da canción, na que puidemos seguila moi de preto.
A miña admiración, nos encontros semanais de "Tu cara me suena", culminou cando interpretou espléndidamente LELA, un texto de "Os vellos non deben de namorarse", de Castelao, nun perfecto galego, brillando á altura que só os grandes saben como se alcanza.
Como vilalbés, sentinme pletórico. Resulta -e eso sábeo ben o meu paisano e amigo Eduardo Vidal- que o poema "Lela", de "Os vellos non deben de namorarse", escribuno Castelao, e non se lle puxo música para a súa estrea en Bos Aires en 1941, pero si vinte anos despois cando se estreou o 25 de xullo de 1961 en Santiago, nas festas do Apóstolo.

En Vilalba temos unha xinea importantísima de poetas e músicos apelidados Mato, houbo en tempos a Banda dos Mato, e durante moitos anos a Orquesta Mato. Entón, tiña que ser un compositor vilalbés, Rosendo Mato Hermida, radicado en Santiago, o que lle puxera música. Escoitar a Cristina Castaño, vilalbesa, cantar a Castelao con música vilalbesa, para min foi un placer indescritible.
Pido perdón por tanta mención vilalbesa, pero pídoo sen arrepentimento, porque me parece de xustiza destacar o papel da nosa vila -de Cristina, Eduardo e miña- no acto que celebramos hoxe.
Antes de rematar, pidolle a Manuel Curiel, Director da Semana de Cine, que lle entregue a Cristina un modestísimo agasallo que lle lembrará estea homenaxe, este día.
Remato cos agradecementos de rigor: a Cristina, por ser e por estar aquí; ás institucións e ás autoridades que as representan polo continuado apoio; aos cinéfilos lucenses, por ser a nosa razón de existir, e a todos en definitiva, por escoitar estas palabras que só pretenden demostrar o noso agradecemento, a nosa ledida, e o desexo de que o cine -que mergulla a Lugo cada setembro- siga a ser ese aire que respiramos, e o elemento (alimento) que nos fai vivir.