Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manuel Rivas e os vagalumes. Un comentario

Cabada Castro, Manuel - miércoles, 21 de octubre de 2026
Manuel Rivas Barrós non é ningún descoñecido nin no seu país, Galiza, nin no resto do mundo como grande entre os grandes. Nada máis anunciarse a presentación no pasado 17 de outubro deste ano 20026 na Coruña do seu novo escrito 'A revolución dos vagalumes. O dereito a soñar sen medo' alá me fun para saudalo cordialmente. En amable recompensa asinoume un exemplar da súa obra na que podo ler: "A Manuel Cabada Castro, que leva no peito un vagalume". Para min un grato eloxio, pois boa parte do que nos une son xustamente os vagalumes. En calquera caso, coñeciámonos xa dende outros encontros anteriores, tal e como seguidamente indicarei.
Dito isto, mergulleime axiña na lectura do seu escrito, pan quente aínda saído do forno aldeán tradicional. Ese pan saboroso que xorde milagrosamente tras pasar toda unha noite alá dentro e darse así enteiro a cantos por el alangrean. Cando o pan está aínda no forno, precisa non só durmir, senón tamén e sobre todo soñar. E é xustamente isto o que Rivas en definitiva nos vén dicir: unha vida sen soños non é en realidade unha vida. Quen ten pesadelos subsistentes no canto de soños non ten, ao final, unha vida que poida caracterizarse como humana.
Dínolo el nidiamente cando rexeita toda postura conformista, máis ou menos soterrada: "O de afacerse repítese moito. Xa non só en conversas triviais, ao estilo: 'Hai que ir tirando' ou 'É o que hai' [...] 'Hai que afacerse' é a ladaíña de non poucos políticos" (p. 16). E todo isto facendo el explícita referencia aos "plutócratas" dos nosos tempos (p. 18): "Niso andan. Mentres, na terra extínguense os vagalumes".
Obviamente veume á mente o titulo do poemario do meu tío Xosé Manuel Cabada Vázquez 'Vagalumes. Versos galegos' (1931), que finaría fóra de Galiza sendo aínda un mozo no ano 1936, pouco antes do comezo da nosa incivil guerra civil. Facéndome eco dese título non puiden tampouco eu mesmo esquecerme de cantar hai un par de anos (no meu libro 'Versos para soñarmos espertos', 2024, p. 120) os vagalumes. Velaquí van eses versos, só algo modificados agora, baixo o título de 'Quérote así, vagalume':

Lonxe do balbordo, muda estrela,
do alto firmamento caída un día
ó pé da silveira da casa miña
queces ti, vagalume, á miña beira.

Da estrela irmá que tremeluce arriba
cóntame os contos que no alto se contan
sobre unha terra que os meus abandonan
sen saber canto perden coa fuxida.

Eu non, vagalume! Eu onda ti quedo,
pois o que máis quero éche compañía.
Moi preto de ti, de noite e de día.
Ti tamén preferiches terra a ceo.

Vagalume, onda ti botei raíz.
Onde canta o galo, voa a anduriña
e a figueira me ampara na ardentía.
Non, meu vagalume! Eu fico onda ti!

Quen sabe, vagalume, se algún día
o ceo baixar decide onda nós?
Festa haberá nas rúas e galpóns
e ti, vagalume, serás raíña!

Expresárao xa previamente en humilde prosa no 29 de xullo de 2021 no 'Faro de Vigo' deste xeito. Introduzo agora algunha leve modificación:

Un tenro vagalume

Vinte onte levemente pousado no colo protector da noite calma. Había tempo que non te observaba á miña beira e menos aínda entre o andar apresurado dos que vivimos nunha cidade na que a présa habita. De entrada eras un ninguén. Só sorprendente e cativo lume verdeal, manso, diminuto e engaiolante á miña vista, cando o día estaba case todo engulido pola serpe escura da anoitecida. Tenue, puntual, sen ferir con estraños ou ferintes resplandores a miña sorprendida e agradecida ollada. Volvías ser incomprensíbel e ó tempo lembrada e amiga presenza. Onde ninguén te esperaba, alí estabas ti, humilde e á espera. Recoñecinte axiña, antes aínda de me achegar a ti. Pois entraras, con boa nota, naquel emotivo catálogo de tantas vivencias sorprendentes dos sosegados tempos infantís, madurecidas ao ritmo lento e suave do envexábel aldeán vivir no seo da natureza.
O Teis vigués xa durmía. E á beira daquel camiño estreito que non leva xa a ningures, entre mansas herbas de refugallo e un descoido de pallas aldeás temerosas dos ritmos cidadás, alí, alí mesmo, estabas onte ti. Sen ínfulas nin pretensións, á espera dun amor nocturno que por un azar do destino prolongara a leve existencia do estraño e fermoso vivir da túa proxenie. Tampouco eu -levado lentamente polas fantasías dos meus pensamentos, que viñan, volvían ou desaparecían ao seu aire- estaba naquel intre en apresurado tránsito. Ao caer o día e se deitar o pai sol, antes aínda de que os morcegos, inquedos raparigos, comezaran en vibrante xogo aéreo a acocharse de nós, alí estabamos ti e mais eu, en mutuo e desigual abraio, sostendo o universo coa nosa mutua e muda contemplación. Viñéronme á mente, como lene guía emocional, aqueles versos do lucense Crecente Vega: "Bendita a luz da mañá / e o lume do vagalume / que aluma na escuridá".
E así, con devoto sosego, puiden admirar de preto a fermosura e sorpresa daquel agachado diamante verdeal que ti eras. Tenro e humilde orballo das altas estrelas ou mesmo refulxente estrela do firmamento que decidira habitar en humilde e nocturna morada á nosa beira, en compaña das fadas misteriosas que agarimosamente coidan da nosa terra. Ou non serás ti quizais, feble vagalume, bágoa escintilante dun universo ferido? Cando decidiremos entre todos respectar e coidar, eficaz e durabelmente, tantas humildes (e ameazadas!) criaturas que silenciosamente nos coidan, agariman e se deixan tamén agarimar?

Fronte ás frontes avasaladoras ergue, pois, pola súa parte Rivas o que el denomina "O dereito a ir contracorrente", tal e como el o formula nun dos títulos deste seu libro. Isto significa que "vivimos nunha época que podemos caracterizar como a do neoimperialismo do medo [...]" (p. 88). Consecuencia?: "Necesitamos limpar o medo para estar vivos. Para ir contracorrente" (ib.). Quen axuda nesta laboura? Rivas sostén que a que aquí axuda é a poesía: "A poesía protexe os seus. Como no tear, a colcha que tecen a urda e a trama" (p. 89). Por iso o capítulo que el titula "O dereito á verdade e á beleza" rematará loxicamente deste xeito: "Con Joseph [Brodsky], con René [Char], co neno que fun, non podo deixar de pensar nun vagalume nas tebras. Todo o sitio é para a beleza" (p. 90).
Aínda hai outro capítulo co título de "O dereito a unha penumbra tocada de alegría" onde o vagalume continuará a mandar no pensamento literario de Rivas en relación con especialistas da arte filosófica como María Zambrano, Ortega y Gasset ou Xabier Zubiri. Rivas remata este capítulo deste conmovedor xeito, clave hermenéutica tamén do seu pensamento literario:
"Que marabilloso vagalume. Ese xeito de andar a razón poética, sentindo e pensando á vez, a aura das palabras, o rumor irisado.
Habitando a penumbra, con elas. Vagalumes como Rosalía de Castro e Emily Dyckinson. Falan do que Emily chamou "razas criadas na escuridade". Falan delas. Todo acto creativo é rebeldía adoita xermolar na escuridade. A historia das mulleres que desaprenderon a submisión.
Gustaríame vivir aí. Na penumbra tocada de alegría" (p. 95).
Referireime seguidamente ao capítulo de Rivas que leva como título "O dereito á tradición inconformista" (p. 104) e que remata deste xeito: "Falando de identidades, en España debería reivindicarse a tradición liberal. Unha palabra que naceu nas Cortes de Cádiz, en 1812, e que axiña se expandiu polos portos do mundo. O mar é así. Liberal. E para tradición, Cervantes. Sucede tamén algo estraño. O pouco cervantina que é a literatura española" (p. 106).
Respecto disto último comentarei que hai algo máis de seis anos (o 18 de xuño de 2020) publiquei en "Terra e Tempo. Dixital galego de pensamento nacionalista" un amplo artigo co título "Don Quixote e o seu humus galaico de fondo" (publicaríase tamén no día seguinte en "Galicia Digital-Opinión") no que puxen de relevo xustamente esa estraña "galeguidade" no modo de dicir e de narrar Cervantes na súa obra inmorredoira. Non foron poucos os que se sentiron sorprendidos.
De algún modo en relación con todo isto, hai no escrito de Rivas un parágrafo no que se nos di: "En España tivemos un longo período no que se impuxo a lei da involución. Os resultados foron tráxicos. Con algún episodio esperpéntico, ao xeito de Trump, como cando os censores eclesiásticos de TVG, que os había, lle prohibiron a Félix Rodríguez de la Fuente utilizar nos seus documentais sobre a natureza o termo 'evolucionismo'. Unha das frases censuradas dicía: 'O mar, berce da vida'. E é que o mar dá de todo, até dá que pensar." (p. 125). Cando agora leo isto, o de que o mar "dá que pensar", veume coma un lóstrego á mente a lembranza de cando hai agora case trinta anos me acheguei en Madrid a presentar o manuscrito dunha obra miña para propoñer a súa edición na B.A.C. O título era e continúa séndoo "El Dios que da que pensar. Acceso filosófico-antropológico a la divinidad" (Madrid, 1999). Accedín, pois, ás dependencias desa editorial case con "temor e tremor". Non pensaba eu daquela que o de "dar que pensar" podería presentar especiais problemas. Visto dende agora, se o mar -no dicir de Rivas- "dá que pensar", canto máis o fará un "Deus", ese Deus que -como din poetas ou pensadores- se reflectiría tanto no mar, coma nos ceos estrelados e tantas outras refulxentes entidades deste misterioso mundo noso.
Mais volvamos ao ocorrido naquel día nas dependencias da B.A.C. Accedín en primeira instancia ao secretario do director da editorial e ao este ler nun tal título o "da que pensar" advertín ben que iso non lle compracía. Accedemos seguidamente ámbolos dous ao director da acreditada editorial e ao el ollar o título (sen el estar ao tanto dos precedentes inmediatos) expresouse deste xeito antes os dous: "Ai que título tan bonito!"... (Trágame terra!, pensei sobre o meu acompañante...). Era daquela director da B.A.C. (desde o ano 1970: só un ano despois do comezo da miña docencia na Universidade Comillas de Madrid) José María Sánchez de Muniain, quen previamente exercera desde o ano 1945 como catedrático de Estética na Facultade de Filosofía da entón Universidade de Madrid.
Posibelmente saiban máis os videntes, literatos ou poetas sobre filosofía ca aqueles filósofos que só o son de nome ou pola obriga que se deriva dunha profesión que gañaron un bo día...Todo depende do que se é ou non se é.
Nun feliz día presentei, hai xa algo máis dunha ducia de anos (no 5 de abril de 2016), Manuel Rivas no salón de actos do Colexio Apóstolo Santiago de Vigo trala invitación recibida a tales efectos dos responsábeis desa ben coñecida institución docente. Alumnado, profesores etc. enchían o recinto. Rememoro agora para o lector curioso algo do alí dito:

[...] Voulle contar a Manuel Rivas quen vén sendo el para min [...] Hai xa algúns anos puiden saudar persoalmente a Manuel Rivas cando veu á Rapa das Bestas de Sabucedo, a miña aldea natal, e subiu comigo e con outros moitos ó alto dos montes na procura de bestas para baixalas ata o curro, aproveitando el tamén a ocasión para encher os seus pulmóns das forzas telúricas do noso país, esas que moven e conmoven a súa pluma. E tiven o pracer de agasallalo entón tamén cun libriño meu que trataba xustamente sobre esa coñecida festa nosa. Outra vez foi en Madrid, aínda que o encontro ocorreu a una certa distancia física. Eramos milleiros de persoas os que alí nos manifestabamos o 23 de febreiro do 2003, clamando "Nunca máis!", e reclamando e protestando contra a desfeita do "Prestige", que enzoufara de chapapote as nosas praias galegas. Na madrileña Porta do Sol non podía faltar Manuel Rivas. Sobre o palco alí instalado dicía el, no manifesto final daquela clamorosa manifestación, cousas coma estas: "Aquí está o mar. El é o primeiro manifestante desta marea humana... Non somos un país de servos" [...] Porque, amigas e amigos, se por algo cómpre loitar na vida é pola liberdade, por esa liberdade que xera dignidade. Pola liberdade a tódolos niveis, social, político ou individual. Quen hoxe está connosco aquí é e pretende ser un home libre. Por iso é, ó mesmo tempo, moitas cousas: escritor polivalente (poeta, xornalista, novelista, ensaísta etc.), patriota e comprometido coas cousas e as causas nobres, home do seu e do noso tempo e, ao tempo, auscultador dos tempos idos, das nosas tradicións, da nosa ubérrima nai natureza. Por todo isto e por outras cousas máis que o acompañan -como o seu fino, humano e humorístico xeito de escribir- non é nada estraño que sexa un dos escritores más lidos e premiados do noso país. Manuel Rivas no é só un profesional das palabras. El sabe ademais agarimalas e quentalas coa súa propia riqueza interior. Un vello artigo seu que publicou no xornal "El País" hai vinte anos, cando un desalmado matou nos montes de Sabucedo un famoso garañón dunha das greas de bestas, chamado "O Neghro", comezaba así. Traduzo ó galego o texto de M. Rivas:
"A pedra máis querida da ourivería galega é o acibeche, que se ofrece engarzado en prata. Así era O Neghro. Puro acibeche. E tiña tamén O Neghro unha estrela de pel branca na fronte. A derradeira vez que foi visto relucía no alto da montaña, pulido polo sol de inverno, coma un soño mouro. Era o garañón máis célebre, o rei dos cabalos que se crían salvaxes en Galicia". Benquerido Manuel Rivas, cando quero deixar voar ou fecundar a miña imaxinación, case sempre boto man dalgúns dos teus libros. Nestes cinco anos que levo en Vigo lin estes catro escritos teus: "Todo é silencio" (2010), "O máis estraño" (2011), "As voces baixas" (2012) e "O último día de Terranova" (2015). Non son moitos, claro, mais sabes ben que da dozura do mel tampouco se pode abusar. Teño agora a intención de me facer con outro libro teu que leva como título "A boca da terra", pois lin nalgún lado que publicas nel un fermoso poema que leva como título "Sabucedo" e ese é xustamente o meu recuncho natal. E ti, claro, coñécelo ben tamén. Xa ves. Seguiremos xuntos, irmandados na palabra, esa grácil e misteriosa bolboreta que busca sempre a luz e non coñece fronteiras."
No libro de M. Rivas hai aínda finalmente un capítulo que leva como título "O dereito á tenrura" que el dedica a loar as ideas e prácticas fundamentais de Juan Rof Carballo. Coñecín pola miña parte Rof Carballo e trateino persoalmente non poucas veces durante a miña estancia en Madrid, con mutuo afecto e intercambio de ideas, pensamentos e escritos. Nunca o esquecerei. Por suposto alí estaba eu tamén no centro de Madrid o 11 de outubro de 1994 co gallo da súa inhumación. Mais sobre esta miña relación con el e para non alongar indebidamente este texto limitareime a aludir finalmente á miña colaboración "Juan Rof Carballo, una visión del conjunto de la realidad desde la inmersión en el humus natal galaico". En: "Juan Rof Carballo: medicina, psicología, antropología" (ed. Antonio Piñas-Mesa e Belén Poveda García-Noblejas), Madrid, E. Dykinson, 2023, p. 117-124.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES