Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dálle ó teu irmán o que é de Deus

Cabada Castro, Manuel - domingo, 18 de octubre de 2026
Se metedes a man no peto, igual atopades algunhas moedas. Xunto ás moedas de varios céntimos, podedes se cadra atopar algunhas moedas máis xeitosas. Poden ter a figura dunha gran raíña ou dun rei, tanto nacional coma estranxeiro. Dende hai séculos os países gravan nas súas moedas as imaxes dos personaxes de máis sona e sobre todo as dos seus actuais gobernantes, democráticos ou non. Pois ben, cando os emisarios dos fariseos foron onda Xesús para lle poñer -tal e como acostumaban- a consabida trapela, Xesús non debía de levar ningunha moeda no peto ou fixo polo menos como se non a levase. É lóxico que, dos poucos cartos dos que disporían conxuntamente el e mailo grupo dos apóstolos, alguén se encargase deles en nome dos demais. Sabemos concretamente que Xudas, nalgún momento polo menos, cumpriu mellor ou peor con esa función.

En calquera caso, Xesús, que axiña se deu conta da trapela que lle querían montar, soubo tamén a maneira de se comportar pola súa parte como cumpría. Poderiamos dicir que se comportou dunha maneira -segundo polo menos se adoita pensar- moi galega, é dicir, intelixente. Xesús iniciou a súa resposta desenleándose da trapela que lle acababan de tender con estas palabras: "Mostrádeme a moeda do tributo". No tempo de Xesús, a moeda que circulaba no país de Xudea era a moeda dun imperio colonizador e asoballante, o de Roma. Se hoxe en día algunha das nosas moedas teñen gravada, por exemplo, a efixie de Filipe VI, o actual rei de España, o denario que lle presentaron a Xesús tiña gravada por un lado a face de Tiberio, o emperador romano, acompañada destas palabras: "fillo do divino Augusto, digno de veneración, pontífice máximo”.

Como vedes, a teor desas palabras da moeda, o emperador romano aparecía perante os seus súbditos, cidadáns romanos ou colonizados (e a estes últimos pertencía Xesús e mailos seus apóstolos), como alguén sobrehumano, divino, aureolado con poder civil e mais co relixioso. O dilema no que Xesús se atopaba viña ser o seguinte. Se dicía que estaba ben pagarlle o tributo ó César, entón quedaba moi mal co seu propio pobo asoballado e, sobre todo, coa súa propia relixión xudía, que sostiña que só a Deus se ha de adorar e render tributo.

De feito, no espazo interior do templo de Xerusalén circulaba outra moeda propia (non a moeda romana) para simbolizar polo menos dese xeito que a estrutura relixiosa do xudaísmo no podía estar sometida ao poder romano. Os encargados do cambio era xustamente aqueles que Xesús noutra ocasión botara fóra do templo derrubándolles as mesas nas que exercían esa función. Viñan sendo algo así como modestas entidades bancarias no templo de Xerusalén coa función de cambiar ese diñeiro relixioso polos denarios romanos.

Dito isto, se no referido dilema Xesús se inclinaba pola outra alternativa, a de dicir que non era lícito pagar tributo ó emperador romano, entón Xesús convertíase de súpeto nun revolucionario ou nun activista político contra as forzas ocupadoras de Xudea, as dos romanos.

Non se trata aquí propiamente de que Xesús non quixese enfrontarse coas forzas de ocupación (os romanos), mais a súa misión -tantas veces posta de manifesto por el- non era estritamente política, senón incomparabelmente máis fonda, eficaz e universal. A resposta de Xesús ós emisarios dos fariseos manterase en tódolos tempos como algo que servirá de eficaz orientación e faro de luz para cantos a escoiten ou lean sen prevencións: "Dádelle ó Cesar o que é do César, e a Deus o que é de Deus".

Deste xeito separa el netamente, contra calquera tipo de posíbel confusión, Deus de toda autoridade ou instancia política. O mando ou poder de Deus non é para asoballarnos ou converternos en escravos, senón para construír fraternidade e igualdade entre todos. Un reino –tal como adoita proclamar a liturxia- de xustiza, de amor e de paz. Por iso tamén toda a nosa xusta dependencia do poder político ou relixioso non ha ter outro motivo nin outra finalidade senón colaborarmos ó ben de todos. "Dar a Deus o que é de Deus" redúcese así en último termo a esta outra fórmula: "dar ao próximo, ós demais, o que eles esperan de nós". Deus non precisa dos nosos dons. El teno xa todo. En cambio, os demais si que poden precisar e precisan a nosa atención. El quere que amemos os demais como nos amamos a nós mesmos. Só así daremos de verdade a Deus o que é de Deus.

Finalmente, como hoxe celebramos a “Xornada Mundial da Evanxelización dos Pobos”, é isto unha boa ocasión para lembrarmos na nosa oración e no noso compromiso persoal de tantas persoas, elas e eles, que se dan ou entregan de por vida a anunciar a boa nova de Xesús por todo o mundo.

Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal).Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES