'A derradeira lección do mestre' chegou a Pontevedra. A filla de Alexandre Bóveda e a Mocidade Galega pola Memoria mostraron a súa postura. Esta vez non haberá relato deturpado sen resposta, como sucedeu cando se expuxo no Gaiás.

Unha pintada humilde na parede dunha casa abandonada nos arredores da Alameda compostelá reprodúceo en liñas coas letras na redondiña escolar. Estreméceste cando o ves.
Kiko da Silva, coa súa viñeta de humor en A Silveira de El Correo Gallego do 2 de xuño recolle o episodio no que un policía empuxa e tira a unha mestra xubilada que apoiaba a defensa do ensino público, en letras grandes e maiúsculas aparece PEGAGOXÍA. Iso é, xustamente, fronte á pedagoxía á pegagoxía. Días máis tarde, o 4 de xuño, reproduce o cadro de Castelao coa mestra vestida coa camiseta verde reivindicativa tirada no chan, o antidisturbios coa porra na man observando e o meniño chorando. "A derradeira lección da mestra" en letra cursiva, no ángulo inferior dereito.
Os ensinantes ensinan dicía unha profesora, teñen esa mala costume. Ensinan nas aulas e na vida. Ensinan con libros e apuntes pero tamén co que fan. Por iso, esa mestra, xa xubilada, non pode deixar de acudir á chamada dos compañeiros á reivindicación pola mellora do ensino. Non se deixa de ser mestra cando es maior e podes abandonar as aulas, segues a ensinar. Sábeo ben o policía que a empuxa para que caia e se magoe. Tal como o sabían os que asasinaron a Alexandre Bóveda: Sabíao Castelao cando titula así o cadro no que os rapaces choran ante o cadáver do home asasinado.
Alexandre Bóveda non traballaba no ensino. A mestra xa deixara de impartir aulas. A palabra mestre vai máis alá da profesión. Vai na imaxe da xente que pode dar leccións, que as vai dando pola maneira na que vive e actúa. Reclamando o debido, o que está no apartado do que se debe, dos dereitos de persoas e pobos, traballando na mellora da vida de todos, facendo política, exercendo de cidadán na rúa, non importa a idade.
Por iso é tan grave que alguén se atreva a enfrontar aos pensionistas coas novas xeracións, afirmando que uns cobran o que lle quitan aos outros, que os vellos ganan o que os novos precisan. Os maiores saen á rúa a reclamar pensións dignas, un sistema público de pensións para asegurar o futuro dos que están traballando. Entenden que lles toca o papel principal pero gustaríalles estar acompañados polos novos porque tamén a eles lles atinxe esa loita. Igual, exactamente igual, que eles os acompañan nas concentracións e manifestacións pola lingua, a sanidade e a educación pública, a dependencia e as residencias que unha vez perdidas será ben difícil recuperar. A defensa do público fronte ao mercado que busca negocio. Por iso é fundamental defendelo porque aí todos os beneficios son para a xente do común. Por iso é tan importante non permitir que se esboroen entre as subvencións á privada, as xestións que se privatizan, os negocios que substitúen os dereitos... pero tamén, e hai que dicilo, fronte ao funcionariado que fai todo o posible para acabar co seu posto de traballo ao non cumprir co deber, ese funcionariado que nos desespera cando nos atende mal, cando vemos que non desenvolve o seu traballo debidamente. Creo que o peor que se pode facer é calar tamén neses casos, unhas veces por corporativismo (como vas falar mal dos compañeiros?) ou por pensar que se o dis queres acabar co ese estatus. Eles son os que queren acabar con el, os que pensan que por aprobar unha oposición teñen dereito a cobrar cada mes sen render contas, os que cren que están aí para sempre, fagan ou non fagan, os que acaban co público facéndonos sentir vergonza.
Cando non se critican estas posturas (os que collen baixa sen necesidade, que os hai, e hai quen colle un seguro privado cando non atopa médico que lle dea a baixa na pública; os que como Baterbly "preferirían non facelo" e non o fan, porque non hai nada peor que non exercer as direccións con responsabilidade, que aproveitarse dos dereitos sen cumprir cos deberes, que agocharse detrás de colectivo para facerse co privado, que distribuír o público como se fose propio...).

Non pasa só no público, nos negocios privados tamén sucede, hai uns días preguntei por un restaurante ao seu antigo dono e contestou: non podía coas baixas e, neste caso non se trata dun empresario aproveitado, non. Sen ir máis lonxe, unha entidade coñecida tivo que pasar o seu servizo de limpeza a unha empresa porque unha das traballadoras enlazaba baixas (ata o punto de que ao final acabou créndoas).
Xente que non traballa, coñecémola, e cando se acostuma a non facelo teñen problema para volver. E non o esquezamos, por eles pagamos todos nós, non só aportamos ao seu soldo senón tamén somos castigados polo que eles fan. A xente cre que somos todos iguais. E non, hai policías que empuxan mestras xubiladas e hai mestras que, tamén no chan, dan leccións.