-¿Vostede non me falou do pau? -Así, de vostede, que era o usual daquela.

-Ese pau..., ese está aí para suxeitar a bandeira, pero, se eu fose o Fiscal da República, utilizaríao para escorrentar aos mangantes, para mandalos ao exilio, que traballen, tal que en América, coma os nosos emigrantes..., xa que non recoñecen o traballo, o traballo, pero tamén os traballos, da xente explotada!
Calei, por anos, pois, ¿que outra me quedaba, xa que aquela lección era das que precisan de media vida para asimilalas, para entendelas; si, ou non si?
-.-
¿Fillos bravos? ¡Bravo, salvaxe, foi o pai que os fixo! O primeiro que coñecín, Daniel, primo irmán de meu pai, era boísimo, unha malva, así que, de malvado, de bravo, cero, nada, en absoluto! Era eu ben neno e xa me doía del, aínda que non tanto como meu padriño, o avó paterno, que tanto se doeu de súa irmá, que ata compartiu a casa troncal con ela, de por metades.
-¿Padriño, cómo é que esta casa ten dúas portas e dúas eiras, e non unha soa, coma as outras do lugar?
-Meu neno, miña irmá tamén é de Deus, e xa que naceu nela, o humano é que teña a súa metade!
Daquela non o entendín, pero agora si, pois os pisos da capital tamén teñen dereita e esquerda
, aínda que non sexan da familia! O de partir as casas debeuno inventar meu padriño, tan inventeiro que era! Como os nenos se cansan de andar, pero nunca de preguntar, insistín:
-Padriño, o outro día veu ese señor que compra carneiros, e preguntoulle á madriña se vivía aquí Daniel Gómez Carballedo
A madriña sinaloulle a porta do primo Daniel, pero debeuse equivocar, pois Gómez Carballedo es ti, non si?
-Meu neno, a tía María é tan boa que lle deu ao fillo os dous apelidos, os dela, pois, como irmá miña que é, leva os meus, e agora, o fillo, ten, e conserva, ámbolos dous!
A resposta non era satisfactoria:
-A min dixéronme que son Gómez Vilabella; o primeiro polo pai, e o segundo pola nai. Con b o dela, o de -bella porque temos a orixe en Cataluña. ¿Daquela, por que ao primo Daniel non lle deu seu pai o primeiro dos apelidos; ou é que morreu antes de nacer o fillo?
-Mira, neno, isto non é doado de explicar, e menos para un neno, por listo que sexa: O pai de Daniel púxose a brincar con miña irmá, e tanto brincaron que se lle foi a semente; ¡iso, fóiselle a semente, pero o apelido gardouno para outra muller, para os fillos da segunda!
-Non entendo cousa: Cando ti sementas, nace o trigo, e o trigo é teu; non dos veciños!
-¡Vai calando, e vaite á cama, pero reza; ¡pídelle a Deus que non che dea fillos bravos, e de telos, non lles regatees o apelido, como fixo
, como fixo ese veciño, máis bravo có fillo, e iso que a el non llo chamaban!
Aquel día, tras dos pensamentos veu o sono, pero, nada máis espertar, que igual foi o diabro tentándome, e iso que eu era un anxo, ¡daquela!, veume outro inquérito. Conserveino na memoria para exporllo ao avó despois de persignarme e de lavarme:
-Padriño, onte, estando na cociña da tía, cando Daniel chegou con un feixe de nabos ao lombo, preguntoulle á súa nai onde os botaba, e a tía ordenoulle, moi seria, así que non debía estar de chanzas: -¡Onde sempre, na cama do Cura! O Cura, despois da Misa, pasa á sancristía, e da sancristía ao convento, que é onde vive, así que Daniel mal podía levarlle aquel feixe á súa cama! ¿Sería que estaba de mal xenio, acaso por culpa de
, do seu sementador?
-Neniño, a tía María non pode mentir, porque non sabe! Esa alcoba, esa cambariña, que teñen na cociña, debaixo da escaleira, era a cama, o dormitorio, dos nosos avós, e cando morreron, para estar quentiño, cerca do lume, ao pé da lareira, deu en usala meu tío, o Cura Gómez, cando viña á casa natal
, que de aí lle quedou o nome, aínda que non o uso!
¡Canto aprende un neno de seus avós, e iso que nos contan as cousas á súa maneira, coidando que aínda somos inocentes! ¡Que va, se todos vimos manchados do pecado, e menos mal que tivemos uns padriños que nos lavaron a alma! (Cando suba, se me deixan entrar, voulle dar uns azoutes á señora Eva..., para contribuír ao seu castigo por..., por soberbia! Aquela avoa tiña que facer os fillos antes de pecar ela, que desa maneira non teríamos herdado o seu veleno).
-.-
¿Viñeron os Reis? ¡Non; a que veu foi a Raíña, aquela raíña da II República, miña tía Ramona, irmá de miña madriña! (En Lugo, cando o desterro, ao seu sogro, Salmerón, seica lle chamaban O Rei da República, e tiñan razón, non andaban descarreirados aqueles, lúcidos, lucenses!).

Con unha tía así, dúas madriñas! Nada máis chegar, pagándome aquel bico, e despois de pousarme no chan, o primeiro que fixo foi mete-la man no bolso, retirando, dándome
, un peso de prata!
-Niñito, dáselo a tu madre, que te lo guarde para
, para ropita, que te tienen tan mal vestido que luego pareces de aldea! Aquela señora tan aseñorada, toda de negro, e con un gorro rarísimo, tamén negro. Pero a continuación pasouse ao galego:
-Estoulle falando ao neno en castelán para que aprenda
, que lle fará falta cando veña a Madrid, pois a este rapaz, se sigo viva, vouno estudar eu!
Non houbo tal cousa, que a mataron os desgustos da guerra, na guerra, e iso que a II República tíñaa en alta estima. En Berlán soubémolo por unha carta que lle chegou a meu pai
, ¡a través do Alcalde de París! Os nenos virían, ou non, de París, pero as cartas de Madrid, daquela, si! ¡Ou iso, ou darllas á sentinela do outro bando
, para que acendesen o lume con elas!
Non vou falar da guerra, que aínda estaba lonxe; estaban aparellando nela
¿Quen? ¡Aqueles cabaleiros do 18 de Julio
, de Xullo do 36, pero, á chegada da nosa tía aínda estabamos no 1935, no verán do 35.
-¿Onde deixastes o coche de Alfonso? ¡Supoño que en Mosteiro! Preguntoulle meu avó. Pero foi a súa filla, miña tía Ermitas, tan falangueira que era:
-Papá
, deixámolo en Veiga!
-¿En Veiga?
-Si, en Veiga, pois Alfonso atreveuse a meter o seu Ford T polo camiño dos carros
-¡Se non vos vexo aquí, se mo contan, non o creo; pero di, cómo foi, cómo o lograstes?
-Todo ía ben ata chegar á casa do Mazo, que alí tiñan toxos no curral, ¡o camiño cheo de espiñas!, pero aquí nosa tía, que sabe utilizar a prata, tirou de bolso, e deulles un peso, coma este do neno. ¡Se vises aquela xente, dándolle á galleta: en menos dunha hora, fóra toxos, e con tal limpeza que ata varreron o camiño! ¡Os milagres da prata! A continuación todo bastante ben, ata Veiga, onde deixamos o Ford na casa do Pedro, que por certo, sente tal adoración aquí pola tía Ramona, que ata se axeonllou para darlle as grazas..., por outro peso, tamén de prata! Ese Pedro debe estar a chegar, que el sobe polo camiño da Pumarega, co seu carro, e no carro as nosas maletas!
¡A de cruces que alí se fixeron, e iso que aínda estabamos en tempos da República, unha República tida por incrédula!
Tantísimas cousas se falaron, aquel ano, aquel verán, cos madrileños, tantas novidades contaron, que, de ter daquela unha gravadora, con só transcribir aqueles datos, aquelas novidades, aquelas informacións..., eu, hoxe, Profesor de Historia!
Gómez Vilabella, Xosé M.