Que deixasen de ter viño, para un neno, peccata minuta; e se fumaban, tróqueles que fosen, aló eles, que meu padriño, o outro avó, o da casa natal, tamén fumaba, e para iso, en cachimba, que sempre o tomei por luxo, un luxo da xente de Lugo! Tempo adiante, para quitarme do erro, para evitarme a tentación, díxome que lle cauterizaran aquel labio partido, queimado con un ferro quente, por causa e por culpa dun cancro de fumador. ¡Se sería valente, que se deixara queimar os beizos, e seguía fumando, coma se nada!
Na miña mente infantil, no meu discorrer: Se o propio Cura, aquel da Azúmara, do tabaco tiña a exclusiva
, aquilo de fumar, máis que pecado virtude sería! Seica deixou unha fortuna, para os sobriños, que criada non tiña, ou non se lle coñecía, así que, ruína duns, herdo doutros!
Máis culpa, ¿ou máis mérito?, tiñan aqueles cubanos de Vuelta Abajo, aqueles dos cigarros puros, ¿eran puros, de verdade?, por aledar as vodas cos cigarros do padriño, do da voda, pero tamén a tivo, máis grave porque o tabaco do seu contrabando era veleno puro, aquel March de Mallorca, ¡don Juán, o das Fundacións!, aquel que lle pagou a Mussolini, do seu peto, os primeiros avións que zumbaron na Guerra de España
, pero fixo ben, pois, para morrer dun cancro pulmonar, mellor e máis rápido é diñallas dun bombazo, fose en Asturias ou no Ebro! Os soldadiños de África, meus pobres, como alí non se cavaba, agás trincheiras, terróns non queimaban, así que os fumes do March, gloria pura, e, ¿que máis quería aquel Borbón, antes do seu exilio, que telos afumados, pois, mentres fumaban, a fame quitaban? ¡Con iso, a conta B engordaban
, para poñerlles estrelas ás bocamangas!
Un pouco máis abaixo estaban os franceses, ¡uns envexosos!, co seu, Allons enfants de la Patrie, allons gaiement vers le destin
Vamos, fillos da patria, vamos alegremente en dirección ao destino... , así que había que demostrarlles, coa nosa fumeira, que, onde hai fume, lume, ardor guerreiro, hai, ou ten habido! ¿Que eles controlaban o Magreb costeiro, o mellor? ¡Pois, nós, o Rif, máis montañeiros cós propios de Montecubeiro, que por algo morreron tantos nese Rif dos rifeños, por rifar, por pelexarse no dominio, no control, daqueles riscos, tan altos ou máis có Miradoiro do noso Pradairo!
Pouco a pouco funme familiarizando coa casa do Taberneiro de Luaces, tan coidada que a tiñan, e logo que nin case a manchaban ao ter pouco gando, pois, entre o estanco e mailas obras, para ser señoritos pouco lles faltaba. Aínda teño diante dos ollos aquela cama metálica, torneada, traída de Madrid no seu carromato, pois outra igual non había, que eu soubese, en toda a rodeada. O que me facía chorar era o marco coa foto da tía Carme, ¡para min, un panteón, outro!
Tempo adiante pouco nos faltou para desfacérllela; a casa, digo: Meu primo, o máis vello, pois o outro con iso aínda no argallaba, presentouse na cociña
, con un mazo de cartuchos, dinamita pura, que lles atopara o seu acocho, nin sei onde! Eu sabía do seu efecto na canteira, e iso que só meteran un, pero, ¡nin lle vin facelo! Menos mal que, desde que os meteu no fogón, enriba da leña, saímos para fóra, ¡casualmente, providencialmente!, pois aos poucos estoupou a cociña. ¡A de lapotes que lle deu seu pai, mentres a avoa choraba pedíndolle que parase de zurrar no cativo, pois o mal estaba feito, e a xente salva; de milagre, pero, salvada!
-.-
Por aqueles días así andaban as cousas de portas a dentro, pero, de portas a fora? A bandeira volvérase tricolor; en Luaces, tamén! ¡Absolutamente, maiormente na reitoral, non si, señor Cura? Un dos cabreos do párroco tiña como diana a cara de meu tío, do que se dicía que vivía maritalmente coa cubana, coa cuñada, traída para coidarlle dos fillos, dous, habidos con miña tía Carme. Se cacholán era aquel Cura, meu tío competía; ¡se cadra, un empate, un empate de pouca empatía! Pero a excomuñón non chegaría ata o 36. ¿Chegou? ¡Vaia se chegou!
Os labregos de Pol fundaran, en Mosteiro, unha Sociedade, unha especie de cooperativa agro gandeira. ¡Estaban aprendendo a defenderse do caciquismo tradicional! Iso, os labregos, pero os canteiros, tamén, que ben o recoñeceu, de morto Franco, ¡que antes ninguén se atreveu!, o propio Felipe González Márquez, alí mesmo, no propio Mosteiro, restaurante Saleta, que explicou cómo, nunha bisbarra cativa, aquela de Pol, se inscribiron no sindicato U.G.T. unhas cantas ducias de operarios, de varios oficios, abundantes entón debido a que a propiedade nas terras de Luaces estaba controlada por catro familias, e o resto
, ao xornal!
Na Galipedia, unha Wikipedia en galego: Antonio María Palmeiro Pérez, nado en Mosteiro (Pol) (Pol, si, pero a casa dos Rielo pertence a Luaces), o 26 de novembro de 1884, e finado (¡fusilado!) o 25 de xullo do ano 1936, foi un mestre e sindicalista galego. De ideas socialistas, fundou en Mosteiro a Sociedad de Trabajadores de la Tierra de Pol y sus contornos, afiliada á UGT. Foi correspondente de La Voz de la Verdad, e escribiu o folleto pedagóxico Didáctica Modernista (1926). Mestre de Luaces, foi paseado. (Máis que paseado: Levado a sagrado, seica, ao propio Seminario Mayor de Lugo, cunha horta tan santa que lle serviu de foxa. ¿Onde o enterraron? ¡Como non o digan os couceiros!). O seu fillo, José Palmeiro Valcarce, tamén mestre, que estaba facendo o servicio militar cando estalou a guerra, ao saber a morte de seu pai, desertou ao volver de permiso, e tamén foi asasinado. (Estivo ben anos unha cruz de madeira, no monte, entre Sarille e a Graña, onde foi fusilado, pero esa cruz seica lle estorbaba ao dono daquela cavada; ¡igual non medraban aqueles toxos por culpa do sangue daquel mártir!).
Meu tío, ¡outro amigo daquel Cura!, contaba a historia desta maneira: O Crego chamoulle a atención ao Mestre, censurándolle que non ensinase catecismo na súa escola; e Palmeiro argumentou que, se o especialista en relixión era o párroco, que a dese el, reservándose o mestre as matemáticas
, para que se acabase en Luaces iso de que os pobres contasen polos dedos! ¿Non queres ensinar Catecismo? ¡Daquela ao Seminario, ao Mayor, nada menos! Pasando do Mestre ao seu propio caso, meu tío dicía que aqueles ¿inquisidores? estaban mandados, comandados, ou desmandados, e que, a continuación do Palmeiro, dirixiron os seus fusís polo camiño de Pousadela, pero o avó Antón viunos de lonxe, e advertiu ao fillo, que botou a correr pola veiga dos prados, en dirección a Sarille. Falanxistas e Gardas, que o ventaron, ou o viron, de lonxe, tamén se encamiñaron pola Veiga da Silva arriba, seguindo o Rego dos Corzos, pero meu tío, listo coma un raposo, apertuxouse na cañota dun castiñeiro vello, ¡que ma ten ensinado cen veces!, con tal discreción que os fusileiros pasaron de largo!
A astucia de meu tío tivera un ensaio, que tamén mo ten contado, con todo luxo de detalles: Chegara un aviso á Sociedade de que se requiría a presenza dos canteiros de Luaces en Lugo, para enfrontarse aos militares, que se dispoñían a saír á rúa co couceiro ¡sobre el hombro, ar! Aló foron, e reunidos na praza de Santo Domingo, un de Luaces, ¡díxome o nome, pero neste intre non me lembro!, advertiunos de que estaban bloqueando as portas da muralla un fatado de camisas azuis, ben armados; ¡ben armados, e coa bendición previa do Abade de Samos, que lles tivera gardadas un arsenal de armas, para cando a ocasión chegara, que non se fixo esperar! A todo isto, -literal, segundo mo contou, así que, relata refero-, uns cagáronse e outros envalentonáronse, pero, de armas, só levaran algunha que outra caiada! Un tal Anes, que dese nome si me lembro, chamounos a un lado, no recodo do Café Mercantil: -Eu coñezo unha casa de putas, a da María dos Quintos, na Rinconada do Miño, que ten, no segundo, unha porta

que dá á muralla
Se imos aló, arrastrándonos polo tellado das casiñas que están pegadas á muralla, baixaremos á Ronda!
Así o fixeron, e así se salvaron, grazas a Deus, pero tamén á María dos Quintos, que se aquel día non mereceu o Ceo, nos outros coido que non!
A Sociedad de Mosteiro, ¡e iso que a tiñan por laica!, fixo milagres: abaratoulles os prezos da compra, sementes, abonos, bacallau para a Coresma
; por se fose pouco, ¡unha báscula! Neniños, non vos riades do avó, que é moi serio isto que vos relata: Os nosos labreguiños, os nosos gandeiros, viñan afeitos, ¡iso, afeitos!, a que os xateiros os enganasen ¿coma chinos?, dicíase así, pero máis, máis aínda, comprándolles os xatiños, ¡a ollo! ¡Si, a ollo, sen pesalos, co cal pagábanlles a metade do seu valor real! O xatiño, daquela, era a lotería do labrego: paga-los Consumos (Imposto), mercar a cómoda para a filla casadeira, pagar a pasaxe para os fillos segundos, sempre en vésperas de coller o barco naquela Coruña portuaria
; ¡e os xateiros, a medrar; os catro, que catro eran, daquela, os ricos do lugar! Por algo lle colleron tirria á Sociedade aqueles ricos, aqueles caciques, os tendeiros, os xateiros
, daquel señorío de Luaces, dos Luaces.
¿En Montecubeiro, aló arriba, do o Azúmara nace, que? ¡Os de Montecubeiro naceran augas arriba, pero tamén os tiñan debaixo! ¿Quen, quen os tiña?

¡Quen ía ser, os caciques da bisbarra, que eran poucos pero irmandados, herdeiros do Rei Silo, vitorioso contra os de Montecubeiro e demais
, ¿indignados? ¡Si, indignados, que sempre os houbo! Os indignados son os descendentes de Set, debaixo do pé dos fillos de Caín, caínicos todos eles, como lles compre por herdanza, por herdanza criminal! Da batalla de Montecubeiro, da Fonte de Matahomes, do Rego dos Ósos, etcétera, volverei a falar, segundo mo pida o desenrolo desta charla
¡Perdón, que non estou charlando, senón historiando!
O que non sei, e agora non queda a quen preguntarllo, é, ¿cal foi primeiro, a Sociedad de Mosteiro ou a Unión de Montecubeiro? ¡Ambas son, naceron, máis ou menos coma min, a primeiros dos Trinta! Pero a de Montecubeiro, ademais de Cooperativa de Consumo, foi un Ateneo cultural. ¿Si? Ás probas me remito: ¡Unha biblioteca circulante, cos libros prestados por quincenas, dun domingo dos de feira en Meira, ata o próximo; charlas de formación agropecuaria, e tamén de cultura xeral; unha obra de teatro, dirixida polo Mestre Rico, do San Bernabé; etcétera, etcétera! De favor volo pido: ¡Descubrídevos, que non é, non era, para menos, e máxime naqueles tempos da ignorancia supina en medio Galicia!
¿Descubertos? ¡Si, que non é para menos, insisto! Tamén se descubriu meu pai, aquel día do teatro, entrando no adro de Montecubeiro, pois
, no corredor da Casa de Córneas, sede da Unión, onde se ía representar unha obra do mestre Arximiro Rico Trabada (Rico do San Bernabé)
, un trapo grandísimo, colgado dun pau tan longo coma a panca dun palleiro! Meu pai descubriuse, que xa o dixen, ¿e o neno? ¡O neno, na súa inocencia, preguntou: -Papá, mira onde puxeron a secar unha saba de colores; e non estaría mellor tendida, tal que na varanda dese balcón? Meu pai, tan serio, ou máis aínda, do que sempre se poñía cando me falaba, cando me instruía en cousas importantes: -¡Neniño, un respecto, que non se trata dunha saba de colores senón dunha bandeira, o sagrado símbolo da nosa España. Advirte que ten tres cores: O de arriba, o roxo, representa e recorda o sangue daqueles que, enfervorizados polo seu patriotismo, deron a vida pola Patria; o do medio, o amarelo, representa o ouro que lles roubamos aos americanos para enriquecer España, aínda que, en definitiva, pola nosa preguiza tradicional, aquel ouro máis ben se utilizou para pagar importacións, séxase, mercadorías procedentes de países máis traballadores cá nós; a de abaixo, a franxa de abaixo, que, ao meu ver, debía estar arriba, a primeira, é morada, coma os lenzos da Semana Santa, porque
, porque está aí para lembrarnos as penalidades da plebe española, o calvario da pobreza ao longo da nosa Historia!
Gómez Vilabella, Xosé M.