Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (3)

Gómez Vilabella, Xosé M. - miércoles, 21 de octubre de 2026
Seguindo co avó Antonio, Antonio Vilabella Freire: Mentres a avoa cociñaba aqueles Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (3) pistos tan saborosos, ¡cociña de Romanones, coa diferenza de que ela, agora, escasa de medios, e sen a Cava Baja para surtirse, facía boa comida, dáballes sabor a unhas simples patacas!, el, esperto e traballador que era, ¡seu avó procedía de Cataluña, onde seica facían milagres nas súas masías!, fíxose amigo do Cura da Azúmara, que tiña a Comarcal dos Tabacos, así que, viño con tabaco e tabaco con viño, negocio seguro!

As primeiras moedas que tiven, ao avó Antón llas debo; tiña o hábito, cada vez que me vía, de pagarme as apertas con un real..., ¡con un real, nada menos, daqueles do furado! De aí, de aí me viña o costume de chamarlles "Avoa dos Pistos" e "Avó dos Furados". ¿Quen dubida de que o agradecemento é privilexio da infancia, que despois, por veces lentamente, e outras de súpeto, váisenos o santo ao Ceo, que nin as grazas damos, as máis das veces? ¡Nin llas damos a Deus, canto máis aos amigos!

O avó dos furados deu en tusir, e facíaselle incómodo aguantar horas e horas aqueles delirios dos bebedores, así que deixou os bocois, pero seguiu cos mataquintos, que tamén mataban, pero daquela sabíase pouco do cancro, ¡e de algo había que vivir, ou polo menos, malvivir! Como meu tío destacaba dirixindo obras, ¡tan ben, que ata lles falaba aos canteiros en barallete, apreso dos seus mestres pontevedreses!, a economía familiar non se resistiu demasiado: os cartos pasaron do viño ao barro! ¿Quen se lembra de que a pedra se asentaba en barro, en barro amasado, lográndose un illamento perfecto? ¡Pois si, por incrible que vos pareza, mais para incrédulos aí están, inmorrentes, as casas vellas!

O que levo dito destes avós veume por referencias, pois, por máis que pareza imposible tal anacronismo, a miña lembranza máis nítida, tanto que vexo a escena con só cerrar os ollos, arranca de meu tío Pepe, e foi así:

Unha pedreira de chantos no monte de Sarille. Meu tío dicíndolle a meu pai cómo debía facer para furar con aquel cicel grandísimo, grandísimo e tan pesado que non mo deixaban coller por se me mancaba; "...vaiche caer en riba dos peíños!", miña nai, apartándome para encima dun montón do rebo. De feito o furado, o cartucho da dinamita, a mecha..., pegarlle lume con un chisqueiro, e..., fuxir, que me colleu meu tío en brazos, un forzudo incrible! A continuación un estrondo aterrador, fume e pedras voando. ¿A fin do mundo? Máis ou menos, ou algo parecido, debeu sentir aquel neno con aquela sorpresa; o que si lembro é que me acalou miña nai, e aínda non acabara de tremer cando lle berrou a seu irmán: -¡Es un bruto, que me deberas avisar a tempo para que lle tapase as orelliñas ao neno, ou taparllas ti!

Despois daquel experimento meu tío foise, pero meus pais seguiron, por días, metendo cartuchos e arrincando chantos. Os cartuchos, obviamente, eran para afrouxar as vetas da pedra, e despois, con cuñas de ferro, escachaban os chantos. Todo isto comportaba perigos para o neno, por suposto, así que ben razoable foi que, despois da primeira explosión, cadora me tivesen máis apartado da cavidade pétrea; quitáronme dun perigo pero eu púxenme noutro, eu mesmo, a min mesmo, pois, segundo me referiron tempo adiante, o cativo, en vez de correr e de saltar polos arredores para escorrenta-lo frío daquel monte aberto, sen árbores nin outro abrigo, o que fixen, día si e día tamén, foi coller lousas e con un chinasco doutra veña debuxar casas! Lóxico, non si? ¡O propio naquela canteira: imaxinarme a aplicación daqueles chantos, pero niso errei, que non eran, non os querían, para facer casas, nin para cerrar leiras senón para algo máis orixinal, que xa o direi despois.

As miñas excursións pola periferia da louseira foron premiadas con unha bronquite inesquecible, tanto, que a lembro cada vez que dou en tusir, maiormente nos cambios de estación. Pero estou vivo, non si? ¡Xa que escribo, xa que podo facelo, debe ser que aínda estou, iso, vivo! ¿Foi de milagre? ¡Foino, pero á costa dunha bota de viño, e logo din que o viño de botella...; coma as botas, nada, e vóuvolo explicar!

Estiven tan maliño, tanto, que nin se me gravaron aqueles recordos, pero contáronmo despois. ¿Quen? ¡Todos, da impresión que lles quedou! Meu pai colleu eguas, dúas, que seica lle pediu emprestada a súa ao señor Manuel de Brais, e montado nunha delas largouse para Serés. Comezaría ao trote para pasar ao galope desde que á besta se lle quentase o lombo. Á volta, xa con don José na besta do Brais, viñeron ao paso. ¿Ao paso, coa urxencia do caso? ¡Si, ao paso, pois aquel médico tiña dó dos animais, acaso tanto ou máis que das persoas! O neno non era seu; el non era meu pai, e por tanto, non se portaba como tal. ¿Eu era o paciente? ¡Que va; eu era o doente, e don José o paciente, un paciente pachorrento!

¿Levou fonendoscopio? ¡Non o sei, que nin mo dixeron nin o preguntei, pero tampouco lle fixo falta pois aquel neno nin case respiraba, cos bronquios apagados! O que non estaba apagado, seica, era o lume, pois para xunto do lume se foi, coa bota que lle pedira a meu padriño. ¿Tomarse un lingotazo, un trago previo? ¡Non por certo! Despois de baleirar aquela xerra da auga, que sempre a tiñamos no vertedoiro, pasoulle o viño, e de inmediato pediulle a meu padriño o coitelo de matar os porcos… ¿Un coitelo, ben afiado e grandísimo? ¡Menos mal que o neno estaba na cama, e non o viu, pois, daquela, entre a bronquite e o medo ao coitelo…, adeus cativo! Non foi así, senón todo o contrario: Co coitelo abriu a bota, facendo dela dúas follas, e quentou ambas enriba do lume, ata que a pez comezou a derreterse… Despois diso pediu dúas cintas, ou máis exactamente, pediulle o mantelo a miña madriña…, para cortarlle as atumes! Segundo ían de quentiñas aquelas follas da bota, aplicoumas! Unha, no peito, e outra, nas costas, atándoas coas cintas do mantelo. ¡Deus, non me mandes para o inferno, que xa o tiven aquel día, abrasadiño con aquela pez da bota, e menos mal que daquela aínda non tiña pelo polo corpo, fóra da cabeza!

Non debe ser tan malo o inferno, nin malo nin eterno, pois daquel ensaio saín…, curado! A incomodidade está en que agora, cando os médicos me preguntan polas enfermidades fanme lembrar aquel inferno, e de referido, bótanse as mans á cabeza, de tal xeito que a un deles ata se lle escapou esta sentenza: ¡Animal! Eu tiven que corrixilo, ¡a un médico! Doutor, non tanto, pois grazas á pez da bota aquí estou, medio vivo, aínda, así que, se vostede me cura con igual efectividade, cansaranse de esperar por min no Purgatorio!

¿Que pasou cos chantos? ¡Ah, si, que se me fora a alma ao Ceo; claro, despois daquel inferno…! Meu avó, o padriño, o paterno, que en imaxinación…, ¡un portento!, discorrera que, para abeirar a leña, nada mellor que quitarlle as patas ao hórreo e substituílas por paredes. ¡Xa; pero, aqueles tornarratos das patas…? ¡Cousa sinxela: cubrir as paredes con chantos lisos, que así, escorregadizos os chantos, e patas arriba os ratos, aqueles ladróns iríanse…, a comer moscas!

¿Das paredes, que? ¡Pois nada, que veu o mestre das obras, meu tío de Pousadela, para facelas! Nisto tiven outro…, ¡outro inferno! Meu tío falaba cos canteiros en…, na lingua dos arxinas! ¡Pero qué tío aquel tío, como din agora os rapaces! A diferenza está en que aquel, aquel mestre, aquel si que era tío, tío auténtico, irmán de miña nai! O neno estaba afeito ao galego, e de castelán algo sabía, aínda que só fose de oírllo ao Cura, e tamén a miña tía Ramona, aquela Ramona de Salmerón, que tanto gozaba nos veráns deixando a Corte grande para achegarse ás cortes minúsculas, ás de súa irmá, pero, o verbo daqueles homes…?

Con meus avós, ou, da terra ao Ceo (3) Tempo adiante, nun permiso meu, que daquela xa ascendera a mecanógrafo, ¡do Supremo!, (Consejo Supremo de Justicia Militar), ocorréuseme preguntarlle a meu tío se esquecera aquelas lerias, e respondeume cantando, para que non se me esquecese a min. Mal que ben, esta foi a canción:
Jina racha, jina racha, jina si queres jinar; si foras lus de keikoa, nexo xerias esperar.

Ben ou mal traducida, sería algo así como:

Chega noite, chega noite, chega, se queres chegar, que se fose día de festa, non te farías agardar.

Pero estame quedando no tinteiro, digo, na punta dos dactis, algo básico, importante, transcendente: Referir o que me referiron cando lle preguntei á miña nai que como fora aquilo de ser elixida por meu pai, cando, segundo lerias que teño escoitado, fora un don Juán; ¡iso, un don Juán, só que en formal!

-Meu neno, da admiración, moitas veces, pero moitas, nace o amor, un amor que eu chamaría…, admirativo, aínda que non sei se esa verba existe; mais, de non existir, habería que inventala! Cando me criei, todo por aquí as escolas eran do ferrado. ¡Quitábansenos as ferraduras da ignorancia con ferrados de trigo! Meu pai, teu avó, pola xente que ía á taberna, ou ao tabaco, soubo que teu pai poñía escola no lugar da Nichela, que, por máis finura, dicían Nigela… ¡Iso das verbas…, que non ten emenda! Ese lugar viña quedando a media legua de Pousadela…, pero, ou ir, ou unha albarda! A escola de teu pai, meu neno, era fulminante: ¡En dous invernos, do Silabario á álxebra!

¡Velaí outra das causas remotas da miña existencia, e por ende, destas lecturas entregas, que non íntegras…, pola palla que teñan; e menos mal que vosoutros, estes do XXI, no tedes albarda!

De Pousadela teño os miolos abarrotados, ben amoblados, como agora din! Pero, furga que te furgarás na memoria, a lembranza máis remota foi aquel día da festa de Luaces… Con meu primo Antonio, o meirande deles, non me lembro de ter xogado; se eu era cativo, aquel día, el, cativiño! A claridade téñoa máis ben en miña tía Virtudes, segunda esposa de meu tío, e despois nai do terceiro. ¡Deus, qué deusa, qué vestido de seda, escotado, brillante, con unhas flores máis grandes cás daquela roseiras da Casa Grande! ¡Como que viña da Habana, desertando das rumbas para retornar ao país das muiñeiras! Bailaba mal, polo menos a muiñeira, ¡claro, afeita a rumbar coa rumba!, pero nos sobriños, nos fillos de súa irmá Carme, coidaba tal e coma se fose unha fada, unha fada das boas, desas que hai poucas!

¿A comida? ¡Non lembro os pratos, pero estou disposto a xurar sen velos, sen lembralos, que mellores non os tiñan, non os puxeron, en ningunha casa da parroquia, con todo ser das máis ricas da provincia, e, aldea por aldea, se cadra, de todo Galicia!

Pero a comida foi despois da Misa… ¡Deus, aquel Cura, aquel Ferreiro, que o era de apelido, só de apelido, e iso que ferraba a martelazos nas ferraduras dos fregueses! Non se cansaba de roñarlles, ou, ¿que era iso de ir á Misa o día da festa, e quedarse tras dos tizóns no resto do ano; é que o facían para que os forasteiros, os invitados, os tivesen por bos cristiáns?

Despois da Misa, un gaiteiro; tres ou catro pezas, para, de seguido, xantar. ¡Os pistos da avoa dos Pistos! Alí na mesa os máis falangueiros, en competencia co avó Antonio, foron os parentes de Lexo, cariñosos comigo, todos, a quen máis! Algo lles teño rezado, pero moito me temo que menos do por eles merecido. Aínda que tarde, fágoo neste intre, por máis que, de ben pensado, en vez de rezar por eles cómpre rezarlles, ¡a eles! Todos, todos eles, santos, uns inocentes, que xa o eran na terra, polo menos para min, comigo!

Á media comida, tan longa pero tan grata, que debeu durar media tarde, meu tío asomouse a ventá para tirar dous foguetes. ¡Soaron pouco menos que aquela dinamita da canteira de Sarille, pero desta non me asustei, que estaba afeito ás súas explosións! Ás del, non, que xenio tiña, pero tamén sabía controlalo; refírome á súa pólvora!

Á tardiña leváronme á festa, alí no adro parroquial. Daquela vin a meu pai por primeira vez quitarlle "os puntos" á muiñeira. ¡Deus, que ben o facía, que sempre o elixían para comeza-la danza! Sentáronme nunha parede; o que non lembro é se había nenas ao meu redor, mais seguro que si, que as había, co que abundaban daquela! ¿Volvéronme para Pousadela, no colo, por veces? ¡Tamén seguro que si, e iso que, en agosto, lama no camiño, nin vela!

Volver para Berlán era costa arriba; unha, porque o era, xeograficamente; a outra, porque mellor fonda, daquela, non existía, en cen leguas á redonda! ¿Unha taberna nunha aldea? ¡Gloria bendita, e máxime tendo, como eu tiña, aqueles avós que tanto me querían!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES