Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

84, Charing Cross Road

Pinto Antón, J.A. - viernes, 16 de octubre de 2026
Corren malos tempos para o silencio, o sosego, a lectura nestes tempos de ruído político e furia de titulares. Co balbordo na DANA das redes, a X do bufón excesivo, instagram, tiktok, esa arañeira que nos converte en insectos, que nos atrapa. Cousiñas que asombran nun país con más influencers que fontaneiros, con máis youtubers que electrecistas.

Así que pode ser boa idea, éche unha moi boa idea, embarcarse no tempo demorado da correspondencia entre unha escritora norteamericana e un libreiro inglés. E mergullarse nunha época na que as cartas aínda tiñan significado antes de seren varridas por emails e whats.

O libro "84, Charing Cross Road", que pasou sen pena nin gloria no momento da súa publicación, foise convertindo nun libro de culto. Sen drama, sen ficción, sen emocións desaforadas. Só cartas entre unha muller norteamericana coa paixón de conseguir libros e un libreiro inglés coa paixón venderllos. Ao fin, unha correspondencia chea de quentura que atrapa. Onde as distancias entre as dúas beiras do Atlántico son nada co cordón umbilical de papel.

Van e volven as cartas a través das páxinas deste libriño conmovedor. A linguaxe é, en cada carta, por veces máis íntima e destaca o lugar sagrado que ocupan, que ocupaban os libros nas nosas vidas. Sobre todo e desta volta, eses clásicos da literatura inglesa, inencontrables nun país onde predominan as présas, a biblia como arma e as pantallas.

Sorprende que vinte anos despois do inicio da correspondencia aquela escritora tan nova Helene Hanff e o libreiro Frank Doel sigan escribíndose cartas, construíndo un universo de intimidade e libros con primeiras edicións e encuadernacións decentes. Son libros de segunda man con moitas mans na súa historia, e co arrecendo do tempo detrás.

A escritora móstrase como un personaxe directo, que di o que pensa. O libreiro, educado e tranquilo. Vai evolucionado o sentido das cartas. A literatura, ao fin, tamén é vida e o libros, vellos compañeiros. Mentres a cadencia da correspondencia é irregular. Poden pasar meses de silencio. Nunha época de posguerra que petou con dureza en Inglaterra os libros sempre viaxan na mesma dirección. Na contraria, ás veces, volven caixas de comida: o contexto histórico mostra as arestas máis veciñas da vida.

Hai unha certa nostalxia no feito de volver a unha época onde o tempo era máis lento. Onde a xente detiña o reloxio para sentar e escribir cartas. O móbil, as redes sociais, internet é un tsunami que arrasou todo un modo de vivir, de mirar, de relacionarse.

Queda este libro que nos fala da paixón polos libros e polas librerías, do amor pola lectura e pola literatura. "84, Charing Cross Road". De Helene Hanff.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES