
O que dubide da categoría profesional de meu avó, (José María Gómez Carballedo), menciñeiro-albeite, que se dea unha volta polo museo da Fonsagrada onde conservan o número 1 do seu periódico O TÍO PEPE, que na súa páx. 2, do 31-1-1913, dedicoulle unha loa exultante O MENCIÑEIRO VERLAN. Só ten un erro, que confundiron o B de Bergland co V de Verlán, pero, no resto, cum laudem! ¡Pobre cabalo o de meu avó, sen estradas, daquela, desde Berlán á Fonsagrada!
Meu padriño, no seu afán de servir a todos, e para todo, papouse un libro de menciña popular, medicina e cirurxía, traducido do alemán, que llo regalara súa cuñada Ramona, a nora de Salmerón. Aqueles coñecementos rudimentarios tanto lle serviron para as persoas como para os animais, ¡máis ben para os animais!, así que, sempre montado na súa torda, pasou a xuventude traspasando o Miradoiro, máis ben de feira en feira. Aquel menciñeiro, o tal "Verlán", debía ser moi bo xa que mereceu aquel artigo inicial. ¡Bo e sacrificado, pois mira ti que ir desde o seu Montecubeiro á Fonsagrada, por boa besta que tivese, curando animais, e de paso algún que outro cristián
! Igual debera poñer, "persoas e animais", pero, nos tempos que corren, hai veces que resulta difícil distinguilos.
-.-
¿De miña madriña, qué? ¡Unha santa, así que, falar dela é, debe ser, igual a facerlle un panexírico; qué menos!
Nesta fotografía está calzando unhas zoquiñas, que llas fixera eu, neto e afillado; hoxe en día, coa ferramenta de zoqueiro enferruxada, pero co ordenador a punto, o que lle fago, co meirande dos praceres, con toda devoción, é este panexírico. ¡Pasaches desapercibida dos humanos, non acadaches celebridade, como lle pasou, por poñer un exemplo, ao teu fillo, Xosé María, meu pai, pero a ti deucha Deus aló Arriba, no Ceo! Daquela, ¿volverás a collerme no colo, como fixeches no meu bautizo, cando suba, cando me perfeccione Deus no seu purgatorio? ¡Nada me faría máis feliz, eternamente feliz! ¡Grazas, madriña, de antemán!
-.-
Non me importa que algún, posible, lector, me chame, e me teña, por retrógrado, carca, ou similar. ¡Tamén o comprendería, pois non ignoro que non viste, non loce, non está de moda, evoca-la aldea nas inmediacións dun obelisco futurista, por máis que a maioría dos coruñeses, dos aínda vivos, nunha aldea nacésemos e mamásemos! A min gústame paga-las débedas, que nada me ten quitado o sono tanto coma os morosos do meu Banco
; ¡perdón, quixen dicir, os morosos daquel Banco dos meus amos, aquel Exterior de España!
Se tanta atención, se tanta evocación, lle prestamos á Herculina, ¡dúas, dúas eran as columnas de Hércules, ou iso din!, por qué esquecer un pasado de onte mesmo, noso, absolutamente noso; este si? ¡Non se me diga que só eu, servidor, tiven avós; daquela, por que tan pouco se fala deles! ¡Ah, xa sei, xa me decato: pervivencias do autoodio galaico, referido concretamente ao rural! ¡Que vergoña isto de non ter sangue azul, pero aínda será peor non ter entregos, non recoñecelos; ser un señorito sen antecedentes, séxase, fino e
, baleiro!
-.-
Volvendo, indo, ao rural: ¡quen nos dera, hoxe en día, aqueles produtos, inxentes, saborosos, nutritivos, sen química, dos nosos campos, regados coa suor daqueles avós, e dalgún pai, tamén, pero, sobre todo, das nais! Se fósemos valentes, a nosa resurrección podía comezar na corta dos salgueiros, dos pinos e dos eucaliptos, ¡reconverter!, labor que daría traballo para o noventa por cento dos parados galaicos, ¡e xa non estaría mal! Eu, servidor, como non teño salgueiros, nin pinos, nin eucaliptos, fago o que podo, escribo, escribo ao ditado do meu corazón! ¿Que non fan falta as hortas? ¡E ata será certo, pois, hortas sen horteláns, ortigas e silvas como moito, xa que, debaixo dos eucaliptos, nin fentos!
Ao que íamos...; ¡se é que non vou só!
Eu, coma todo o mundo, tiven avós, catro, ¿e ti? ¡Coñecidos, ou non, sen avós
, nin coa fecundación in vitro! Se o lector me falase dos seus, eu encantado de oílo, pero, mentres, isto é o que lembro dos meus, así que, sigo:
Dos maternos. Meu avó Antonio, nacera en Pousadela, pero como a casa, a propiedade, tiraba a pequena, unha de dúas: emigrar, ou entrar de criado dos señores da Grande, alí ao lado, que daquela xa tiña capela, escudo e ciprés
; ¡séxase, pazo!
O que non tiñan, ao completo quero dicir, era a lúa, pois os de Luaces conformábanse con media, que a conservan no seu escudo de Pol.
¿Media lúa? ¡Media, non, tres; tres medias lúas, pero, boca abaixo
, para velas mellor desde a terra, nada menos que desde Luaces! Os "haces", os feixes, non pasaron ao escudo, non cabían, pois primeiro, por lóxica, era o cáliz, o cáliz e mailas estrelas, un par delas, signo da súa reconquista!
O avó, despois de servi-lo Rei, ben instruído que ía niso de atizar ao forno, quedouse en Madrid, que era onde se precisaban os amasadores, cortesáns do pan trigo! Aforra que te aforrarás, segundo el mesmo contaba, meses enteiros a pan e auga, chegou a ter forno propio, ¡na Cava Baja, que daquela era de altura, maragatos e galegos, á competencia! ¿Quen lle compraba o pan? ¡Entre outros, a cociñeira do Conde de Romanones; co tempo, miña avoa, Carme, "A avoa dos pistos", que sempre lle chamei así, obviamente polo ben que os facía
, vindo de onde viña! As consecuencias de traballar, que por veces vén o diabro e
, copia! Aquel Romanones, de afeito ao pan ben feito, ideou
, que? ¡Ideou un plan diabólico: fíxose construír fornos por todo o centro de Madrid, practicamente en réxime de monopolio, montando un servizo de distribución a domicilio! Tan competitivo foi, que meu avó tivo que cerrar o seu: ¡Non podía amasar, cocer, e distribuír, asemade, que non era trinitario, así que, "Cerrado por cambio de actividade"! A Romanones, con tal de medrar, ben lle importaba quedarse sen cociñeira, que outras habería, galegas incluso, acaso algunha daquelas amas de cría, tan de moda por desgraza
, delas!
Pero non foi a única traxedia, que sabido é que o Calvario montouse con tres: Xa tiveran unha nena, Irene de nome; e un rapaciño, bautizado de José. Pero veu a peste, así que, apagáronse, á vez, os nenos e mailo forno. ¿Nova emigración? ¡Máis ben, retrocesión! No mesmo carromato no que meu avó subía ao Guadarrama para comprar a leña daquel forno, agora apagado, e co cabaliño aparellado, tira millas, retorno ao seu Noroeste!
De chegados a Becerreá discutiron: ¿Por cal imos, polo camiño da dereita ou polo da esquerda? O da dereita levábaos a Lugo, e o da esquerda, a San Xoán de Lexo, parroquia onde nacera a avoa.
Na disputa gañaron as razóns do avó; o que non sei é se foi por machismo, ou porque a súa proposta tiña máis lóxica; non se lles ocorreu separarse, que niso, os de daquela, casaban de por vida. ¡O matrimonio era matrimonio; os de agora, tamén, pero están pasando por unha crise, que espero, e desexo, sexa transitoria! Cansados de tanto carromato, durmíronse nel, pero o cabalo seguiu para adiante, e de chegados a Lugo capital, ¡sería co ruxido, pois o que é luces, farois, daquela
!, espertaron, dirixindo o ¿tractor? pola estrada vella de Meira. Seica volveron a durmirse, e aló adiante, diante dunhas casiñas onde o cabalo ventou eguas, parouse, e deu en rinchar. ¿Onde estamos, canto tempo pasou desde que por Lugo pasamos? Baixouse o avó, e coa caiada tornou dos cans, que estaban alertando nos veciños.
-¡Boas noites, e non se preocupen, que nin somos xitanos, nin vimos roubar!
-¿E logo, van para Meira? ¡Pois ata será mellor que durman aquí, que lles falta un cacho! ¿Cearon?
-¡Aínda non! Mentiulles o avó, cando o certo era que non lles quedaba nada, absolutamente nada, nin un anaco de pan. Os de Liñares, pobres si, pero xenerosos:
-Desenganchen ese cabalo, que lle imos dar toxo picado, que aínda queda do da nosa egua; e para vostedes, do caldo que sobrou
, mal sexa que non sexan
, dúas cuncas!
Cando o refería miña avoa, bagoaba co seu agradecemento por aquela xente.
-Nunca por aló volvemos, e mal fixemos, que eran velliños, e igual morreron.
Despois do caldo, despois de agradecelo:
-De Meira non lle somos, mais para vir de Lugo a Luaces o camiño de sempre é o que pasa pola Granda da Amorín, que é un sitio perigoso, así que optamos por coller a estrada de Meira, esta, para desviarnos aí pola parte de Reguntille, porque estamos
, que estas casas fánseme coñecidas, de cruzar por aquí para a feira de Castro
; estamos en Liñares, non si? Daquela, tan ben acollidos que fomos, desde que amenza torceremos á dereita, por Rois e por Mosteiro, que desde alí, a Luaces, un paso!
(En canto á honra dos Liñares: Na igrexa parroquial de Cirio, no pavimento da súa Capela Maior, hai unha lápida sepulcral, de lousa, borrosa, con un escudo. Ten unha gola, unha cruz, tres barras e un animal cuadrúpede. Seica pertenceu á CASA DE LIÑARES).
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.