Esta historia que vos vou a contar, contáronma a min fai escasos días, e como me gustou, vóuvola redactar para compartila.
Fai moitísimos anos un rapaz da parte de Ortigueira, emigrou para Cuba. Aquela Cuba rica e próspera, na que non era difícil facerse rico traballando e montando negocios.

Este rapaz ao que lle imos chamar Antonio, chegou a Cuba e traballou, traballou e moito, e fixo cartos, moitos cartos.
Tivo a sorte, de que decidiu volverse para Galicia antes da entrada de Fidel Castro ao poder e antes de que Fidel e o seu réxime lle quitasen toda a fortuna. Pero ao chegar a Galicia de novo, el sabía que por terras de Ortigueira tiña familia.
Despois de asentarse nesa zona, colleu roupa usada da máis vella que traía e unha maleta vella e aventurouse a buscar ás dúas sobriñas que tiña por aquí. Chegado ao lugar e antes de nada, informouse sobre das sobriñas, saber quen eran, como vivían e que podía esperar delas.
Segundo as súas informacións, unha das súas sobriñas a que lle imos chamar Xosefa, estaba casada e tiña un fillo, e vivía nunha casa grande e ampla e a súa vida era normal, non eran ricos, pero non lles faltaba de nada.
A outra sobriña, á que lle imos chamar Esmeralda, era moito máis humilde, non eran pobres, pero vivían un tanto apertados de cartos. Tiña tres fillos e o home andaba ao mar e vivían nunha casa pequena e humilde.
Antonio primeiro fose a visitar a Xosefa, a que vivía máis amplamente. Chamou á porta e no interior da casa, deuse a coñecer. Ensinoulle fotos a Xosefa na que estaba el de novo e cos pais dela e outros documentos que acreditaban que era da familia. Unha vez feitas as presentacións e recoñecido como da familia, Antonio preguntoulle se o podían acoller na casa, pois a fortuna non o acompañou e non tiña a onde ir. Xosefa ao velo con aquelas pintas e a maleta vella e medio rota, comentoulle a Antonio que o sentía moito, pero que non tiña habitación libre e que na casa vivían bastante axustados tanto en espazo como en diñeiro.
Antonio fixo por dar como recoñecida a postura da súa sobriña, e marchou de cara á casa de Esmeralda, a sobriña máis pobre. Unha vez na casa con Esmeralda, Antonio fixo a mesma manobra que na casa de Xosefa. Deuse a coñecer, amosou as fotos de familia e documentos que lle acreditaban que era da súa familia e a continuación preguntoulle a Esmeralda se o podían acoller na casa, que non tiña a onde ir nin onde caerse morto, ao que Esmeralda lle respondeu que si "mire, non lle temos nada de nada. O meu home anda no mar e temos tres fillos e vivimos moi axustados, pero non se preocupe que na miña casa, a vostede nunca un prato de caldo ou sopa lle vai faltar".
Aquela noite Antonio pasouna na casa da súa sobriña Esmeralda e ao día seguinte pola mañá, díxolle á súa sobriña "vou facer unhas xestións e vou tardar, pero estate tranquila que volvo".
E volveu, pero antes, a súa sobriña Esmeralda estivo moi intranquila, pois Antonio aínda que dixo que volvía, en todo o día non apareceu nin foi durmir aquela noite, pero si chegou pola mañá do día seguinte, pero nesta ocasión con un bo traxe, e cun impresionante coche que trouxo de Cuba. Ao entrar de novo na casa, Antonio contoulle como o tratara Xosefa "pero ti, Esmeralda, a pesar de verme mal vestido e coa maleta vella, acubilláchesme na túa casa como un máis da familia e teño un agasallo para ti".
Non puiden saber ben cal foi o agasallo que Antonio lle deu a Esmeralda, o que si sei de fixo, que Antonio mercou seis pisos no centro de A Coruña que se escrituraron a nome dela xunto con outra fortuna, que descoñezo, e incluso sacou ao marido dela de andar ao mar.