Memoria do vivido de Xosé Ramón Fandiño foi publicado por Alvarellos. O subtítulo Evocacións, biografías e entrevistas (2000-2026) explicita cal é o contido do volume porque nel recóllense dezasete textos que "deixan testemuño dunha vida consagrada á nosa cultura". Son textos de diferente fasquía, que permanecían dispersos e que poden

servir para tomar o pulso dos últimos anos e da intervención deste escritor que demos en chamar "a voz" pola súa calidade e actuacións.
Na cuberta reprodúcese un detalle da obra Xentes que ollan de Díaz Pardo, o que vén sendo un verdadeiro berro de intencións. Os ollos que pinta Isaac preguntan, sorpréndense ante o decorrer do mundo e levan a semente da acción porque cando ves a realidade, algo vas ter que facer. Igual é a mirada que lle quedou ao neno de dezaseis anos ao enfrontar o asesinato do pai e a loucura posterior da nai no 36, cando as hordas fascistas chegaron para quedar.
A etapa na que Fandiño traballou co creador de Sargadelos no IGI, pode ser a máis significativa porque se trataba de construír un relato da Historia no día a día dunha empresa, dirixida polo home ao que Camilo Díaz Baliño prendera na cabeza, a estrela forxada na irmandá, e deixara marcado para sempre; nese traballo a favor de Galicia en todos os campos que quixo unir (igual para non asustar), nese Laboratorio de Formas, no que el e Seoane, xuntando dúas idades e exilios, debuxaron o que podía ser o futuro esperanzado dun país.
Fandiño, o filólogo, editor, tradutor e polígrafo comprometido, tal como se di na contracuberta, puxo o seu facer e o seu coñecemento ao servizo desa empresa, acompañando ao home máis grande da segunda metade do século XX, o home que era o máis querido de Galicia (en palabras de Manuel Rivas). E todo isto, non impidiu que o derrubaran as forzas do mal, agora baixo as cores do capitalismo voraz. "Tanto amor e non poder nada contra a norte" escribira César Vallejo e nós confirmámolo cando lembramos os últimos días dese artista ao que admirábamos, sobre todas as cousas, porque nunca tiveramos ocasión de compartir o tempo histórico con alguén así.
Outro texto recollido no libro é "Sargadelos e a tradición esquecida" que fora publicado en Tempos Novos. Pero ademais do tempo dedicado a Díaz Pardo (do que recolle humildemente a intervención na presentación da exposición Con Galiza sempre no horizonte. Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela encargada polo Ateneo de Santiago) fai repaso das seus traballos en limiares coma o do Castelao, propagandista da República en Norteamérica. Dese tempo hai unha achega de Castelao cando viaxa a Arxentina que me estremece "Vou cara o Sul, ao encontro da Galiza ideal, que é a mellor Patria que hoxe se me pode ofrecer" porque me toca nesa fibra que xa espertara a nivel emocional Neira Vilas cando, dende o corazón, fala dese país dos soños nos que espertaban a Galicia os emigrantes convertidos en exiliados. Outro deles é a intervención no Consello da Cultura Galega, cando presentan o libro Gran Enciclopedia Gallega (1974-1991). La forja de una identidad da profesora Chistine Rivalan. Todos eses anos dirixindo a obra magna de Galicia, promovida pole editor asturiano que pensou que só era asumible en castelán (e non lle faltaba razón), a enciclopedia na que se falaba de nós nas voces dos máis entendidos. En A Compostela de don Antonio Fraguas, "por Xelmírez áurea, por Fonseca sabia e po-lo Apóstolo santa" publicado en Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares da Deputación de Ourense; un repaso pola vida e obra dese outro home pequeño de estatura (cando chegamos a coñecelo) pero incansable no seu traballo polo país a través do seu paso pola USC (onde entre outras cousas, asiste ao primeiro exame en galego que se lle realiza a Fermín Bouza Brey), a súa pertenza ás Irmandades da Fala, ao Seminario de Estudos Galegos e, posteriormente ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Di Fandiño que don Antonio non tiña unha clara vocación política pero si unha gran fidelidade ao ideario galeguista, o que non impediu que fose represaliado. El, que fora un dos asinantes do Manifesto de Esquerda Galeguista e fundador do partido Galeguista, participa na creación da primeira emisora de radio promovida pola Liga Compostelana Pro-Estatuto en San Domingos de Bonaval no 32. Dese texto de Fraguas, quixera entresacar unha cita polo significado que ten para min ao ser unha das alumnas coa que practicou ese modelo de exame "Porque o exame oral de ingreso daba unha chea de cousas: aos coñecementos que pode ter o alumno e, ao mesmo tempo, o que pode aprender el naquel momento porque un exame oral non é só examinar, é aprender tamén. E se suprimimos o exame suprimimos esa lección maxistral que é poder dar ao rapaz unha posibilidade de que se decate incluso de que onde el pon os pés, en Galicia, hai unha Historia, hai unha Xeografía, hai un vento que pasa. É saber, por exemplo, se oe mellor o tren nun sitio ou noutro, é saber se o vento vén norte, sur, leste ou oeste. É dicir, que o exame, cando se fai ben, é unha manifestación arredor dun lugar que se coñece."
A súa pertenza á Plataforma Maside levoulle a man a artigos e discursos como "Carlos e Xulio Maside con Isaac Díaz Pardo como homo faber do Laboratorio de Formas" ou "Carlos Maside. Escultura na Ferradura". Outros textos relacionados coa arte son "Aurichu Pereira, artista integral."
A este facedor tamén lle tocou presidir o Pedrón de Ouro e plasmar a súa historia no libro 60 anos da Fundación do Pedrón de Ouro. Un fío de amor e lealdade a Galicia. O texto que se recolle neste, correspóndese á presentación do libro. Recompílanse tamén as biografías de "Florentino López Cuevillas e Fermín Bouza Brey: xenuínos representantes de Nós e do SEG "publicada en Cadernos da Fundación Ramón Piñeiro; "Ramiro Fonte, poeta sen volta e novelista de prosa transparente", "Carlos García Martínez. Prehistoriador, impulsor e director do Museo do Pobo Galego", "Antonio Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, creador dos primeiros altos fornos da península e dunha fábrica de louza na abandonada parroquia de Santiago de Sargadelos" publicadas no Álbum de Galicia. Remata coas entrevistas que foran publicadas na revista Galegos: "Xosé Ramón Barreiro, catedrático, académico e historiador que iluminou a Historia Contemporánea de Galicia", "Andrés Fernández Albalat, o arquitecto da luz e da elegancia compositiva, que persegue a ordenación do espazo e do territorio", "Luz Pozo Garza, a poeta da claridade, da fondura lírica e da escintilante beleza" e "Isaac Díaz Pardo, a patria enteira na memoria". Rematamos como empezaramos, con Díaz Pardo para comentar o agradecemento que lle debo a Fandiño e a María Xosé Fernández Cerviño por ter contado comigo para a intervención expositiva Espazos contra o baleiro realizada no Museo do Pobo Galego con motivo do dedicarlle o Día das Artes Galegas a Isaac no 2025.
E quero finalizar tal como o fai Fandiño nas súas intervención "Nada máis. Graciñas por atenderme. Saúde e boandanza".