Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galicia: unha estrela sen firmamento

Ríos, Xulio - lunes, 19 de octubre de 2026
Un diario de Santiago pediume nunha ocasión unha definición de Galicia. Un pouco á brava, dixenlle que para min era "unha estrela sen firmamento". Creo lembrar que non gustou. Non era iso o que buscaban. Acostumamos preferir as definicións "con" ás "sen". Neste caso, probablemente algo máis publicitario. Eu dicíao non no sentido de laiamento senón con vocación autocrítica e construtiva, apuntando a un vector que considero esencial nesta transición global da que formamos parte.

No firmamento, unha estrela loce e brilla máis. Sen firmamento, é pouco máis que nada. O firmamento de Galicia é un mundo particular no que debemos saber estar e movernos cando se precisa, non de forma rutinaria nin improvisada. Cabe a exploración, pero ata esta debe responder a decisións meditadas. Porque tamén no exterior, como na vida, non sempre por moverse máis se chega máis lonxe.

Galicia ten capacidades, recursos, posición e unha personalidade propia que poderían proporcionarlle unha presenza internacional moito máis visible. Ten empresas internacionalizadas, universidades, centros de coñecemento, sectores produtivos con experiencia global, unha cultura singular e unha diáspora que durante décadas fixo do mundo unha prolongación natural do país. Ten, ademais, unha posición atlántica que adquire un significado renovado nun tempo no que en torno a este océano renóvase a centralidade, as cadeas de subministración se reordenan e Europa procura novas conexións co mundo.

O problema non é, polo tanto, a ausencia de atributos. Quizais sexa a dificultade para convertelos nunha estratexia operativa, por máis que esta figure nun documento oficial. Hoxe, lamentablemente, papel mollado.

Máis que nunca, a estratexia exterior é unha política clave para Galicia. Ningún ámbito debe substraerse a este empeño, desde a economía e a empresa ata a cultura, símbolo esencial do país. Non se trata de inventar unha diplomacia paralela nin de disputar competencias que corresponden a outros niveis institucionais. Trátase de saber que Galicia existe nun espazo europeo, atlántico e global no que cada decisión económica, tecnolóxica, cultural ou ambiental ten dimensión exterior.

E iso obriga a mirar o firmamento. E a pensar, non a suprimir o pensamento.

Porque o mundo está mudando con rapidez. Europa redefine a súa autonomía estratéxica; Estados Unidos e China compiten e negocian ao mesmo tempo; Asia gaña peso económico e político; América Latina procura novas marxes de manobra; África adquirirá unha importancia crecente; as transicións enerxética e dixital están modificando os mapas da competitividade. Nun escenario así, limitarse a reaccionar ante as circunstancias significa, na práctica, deixar que outros decidan por nós. Dentro e fóra.

Galicia precisa identificar e desenvolver os seus intereses específicos dentro destas grandes tendencias. Non todo o que importa ao mundo ten por que importarlle a Galicia do mesmo modo, nin todo aquilo que Galicia necesita pode quedar reducido ás prioridades xerais de España ou da Unión Europea. A pertenza a espazos máis amplos non elimina a necesidade de dispoñer dunha mirada propia; pola contra, debería permitila e reforzala.

É aquí onde a metáfora da estrela adquire todo o seu sentido. Unha estrela non deixa de ser estrela por formar parte dunha constelación. Ao contrario, é precisamente a súa posición respecto das demais a que permite recoñecela. Galicia non precisa elixir entre identidade e apertura, entre particularidade e mundo. Precisa saber utilizar a primeira para proxectarse no segundo.

Isto esixe tamén superar unha certa concepción episódica da acción exterior. Viaxes, visitas, misións comerciais, encontros institucionais ou celebracións culturais poden ser útiles, pero non constitúen por si mesmos unha política exterior. A presenza internacional non debería depender tanto da oportunidade do momento como dunha planificación capaz de distinguir prioridades, seleccionar interlocutores, concentrar recursos e avaliar resultados.

Hai que saber onde estar, con quen estar e para que estar. E tamén onde non estar. Porque unha estratexia é tanto unha elección como unha renuncia. Galicia non pode pretender estar en todas partes nin facer de todo. Precisamente por iso precisa anotar aqueles espazos nos que unha presenza sostida pode producir un efecto diferencial. Europa é o primeiro deles, naturalmente, pero non o único. O Atlántico, América Latina, a lusofonía, determinados países asiáticos ou as comunidades da diáspora poden formar parte dun firmamento propio, sempre que esa presenza responda a unha lóxica e non simplemente á acumulación de iniciativas.

A cultura debería desempeñar aquí un papel moito maior. Non como adorno ou acompañamento dunha política económica, senón como unha das expresións máis poderosas da persoalidade exterior dun país. A lingua, a literatura, a música, o patrimonio, a creación contemporánea ou a capacidade de Galicia para dialogar co universo lusófono constitúen activos de diplomacia cultural que poden abrir portas que a economía, por si soa, non sempre consegue abrir. É unha cuestión vital, clave, e non entendelo así constitúe un auténtico burato negro.

E detrás da cultura están tamén as persoas. A Galicia exterior non é unha abstracción, está nas empresas que exportan, nos investigadores que colaboran, nos estudantes que circulan, nos creadores que proxectan a súa obra, nos profesionais que traballan fóra e, moi especialmente, nunha diáspora que durante xeracións aprendeu a vivir entre dous mundos. Esa rede humana é probablemente un dos elementos máis singulares dese noso firmamento. O desafío consiste en conectalos e darlles un sentido compartido.

Unha política exterior galega, entendida en sentido amplo, debería ser capaz de poñer en relación economía, coñecemento, cultura, territorio, mobilidade, innovación e comunidade exterior. E debería facelo cun horizonte suficientemente longo como para que os cambios de goberno ou de ciclo político non obrigasen cada vez a comezar de novo.

Nun mundo cada vez máis interdependente, estar ausente non significa permanecer á marxe. Unha estrela que non sabe en que firmamento está corre o risco de non ser vista, por moito que teña luz propia. Galicia ten esa luz. O que precisa é saber onde colocala.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES