Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A muller no rural: A memoria que sostivo a vida

Rodríguez Patiño, Luis Ángel - lunes, 19 de octubre de 2026
Clase de Historia da UNED SENIOR, Martes, 13 de Outubro de 2026, no Mosteiro de Santa María de Meira.

Hoxe estamos nun marco incomparable, o Mosteiro de Santa María de Meira, para falar A muller no rural: A memoria que sostivo a vida do que durante séculos foi invisible. Para falar das nosas nais e avoas.

Quero comezar lembrando o testemuño de Azucena Gavín Reigada, Susa, natural de A Pontenova, que traballou aquí en Meira e que hoxe traballa no Medio Rural da Xunta.

Susa falounos de algo que aínda doe. Do que lle custou entrar a traballar nunha profesión masculinizada. De demostrar cada día que traballaba igual que os homes, coa mesma forza e coa mesma destreza. E de como, aínda hoxe, ve que as Consellerías seguen moi masculinizadas nos postos de decisión. O seu exemplo é o de moitas mulleres galegas que tiveron que abrir camiño a forza de traballo.

Tamén nos trouxo a historia de Laura Vallejo. Ela traballaba coa motoserra porque a súa parella traballaba niso. Un día colgou un vídeo nas redes sociais traballando con ela. Fíxose moi coñecida. E unha empresa, HUSQVARNA, viu ese vídeo e contratouna.

Esa historia explícanos o valor das redes sociais para visibilizar o papel das mulleres. O que antes quedaba agochado na casa ou no monte, hoxe pódese ver, e se se ve, pódese valorar e contratar.

A muller no rural: A memoria que sostivo a vida Pero Susa foi máis alá e explicounos o máis importante: o papel da muller no rural galego.

Elas traballaban en todo e non eran recoñecidas. Levantaban a casa, coidaban dos fillos e dos maiores, traballaban na horta, no gando, na leña, na colleita. Sostiñan as familias e a economía enteira das aldeas e dos pobos. E sen embargo, non podían nin cotizar. Non existían para a Seguridade Social. O seu traballo era considerado "axuda", non traballo.

Moitas tiveron que emigrar. E fóra fixeron traballos de homes con gran destreza, traballos duros que aquí non lles querían recoñecer. Foron valoradas fóra máis que na súa propia terra.

E aquí, en Meira, temos unha historia moi nosa que non podemos esquecer. Dende Meira emigraron moitas mulleres. E moitas delas, aproveitando a costura, abríronse camiño e paso na vida en Euskadi e en Barcelona e noutros países.

Coa máquina de coser debaixo do brazo, coas mans que aquí cosían e remendaban para todos, marcharon e fixéronse independentes, mantiveron ás súas familias dende lonxe e déronlle futuro aos seus fillos.

Por iso hoxe, dende este Mosteiro de Meira, e coa axuda de Yoani, a técnica de Turismo de Meira, queremos dicir algo moi claro:

Sen a muller rural non houbo aldea, non houbo familia e non houbo Galicia.

É hora de recoñecerlles o que a historia lles negou: que foron traballadoras, que foron empresarias da vida, que foron as que sostiñan todo cando todo se viña abaixo.

Que a súa memoria non se perda. Que as nosas netas saiban que aquí houbo mulleres fortes.
Rodríguez Patiño, Luis Ángel
Rodríguez Patiño, Luis Ángel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES