O nome de Santiago de Compostela xa ten o seu lugar no Sistema Solar. O pasado 28 de setembro de 2026, o Grupo de Traballo para a Nomenclatura dos Corpos Menores (WGSBN) da Unión Astronómica Internacional (IAU) anunciou oficialmente a denominación (884759) Compostela para o asteroide ata entón coñecido como 2017 UV125. O anuncio apareceu publicado no WGSBN Bulletin, volume 6, número 16.
O asteroide fora descuberto o 21 de outubro de 2017 polos astrónomos Kazimieras Černis e Ilgmārs Eglītis desde o observatorio de Baldone, en Letonia. Trátase dun pequeno corpo do cinto principal de asteroides, situado entre as órbitas de Marte e Xúpiter, que completa unha volta arredor do Sol aproximadamente cada catro anos. A súa distancia ao Sol varía entre uns 273 e 484 millóns de quilómetros, mentres que o seu diámetro aínda non está determinado.

A elección do nome rende homenaxe a Santiago de Compostela, capital de Galicia e destino dunha das rutas de peregrinación máis importantes de Europa. A propia cita oficial da IAU lembra a asociación tradicional do nome da cidade coa expresión latina Campus Stellae, así como a súa historia arredor do sepulcro do apóstolo Santiago, destino de peregrinos dende o século IX.
Curiosamente, no momento da súa denominación, (884759) Compostela converteuse no asteroide con nome oficial de numeración máis alta, unha pequena singularidade dentro dos milleiros de corpos menores bautizados ata a data. A relación de Compostela co firmamento vai, con todo, moito máis alá da tradición xacobea. A cidade está tamén estreitamente vinculada á astronomía galega a través do Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago de Compostela, fundado por Ramón María Aller Ulloa. Na actualidade, esta tradición científica convive coa investigación de vangarda desenvolvida no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías.
Compostela convértese así na segunda cidade galega que dá nome a un asteroide, despois da Coruña, que xa conta co (9605) A Coruña, descuberto en 1992 polo profesor Orlando Naranjo. Unha representación galega no Sistema Solar que continúa medrando.
Link a la pagina de la NASA:
https://ssd.jpl.nasa.gov/tools/sbdb_lookup.html#/?sstr=884759
Carlos Viscasillas Vázquez
Observatorio Astronómico de Molėtai (Lituania).
Observatorio Astrofísico de Arcetri (Italia).