...Humilde, nidio, popular/ labrego, suburbial e mariñeiro/ que fas avergoñar ao burgués, ao señorito e ao tendeiro.../ Así definiu o poeta e amigo Manuel María este ben inmaterial que é a nosa lingua, asoballada dende tempos inmemoriais (perante séculos) e non só dende a ditadura, que tamén. Sobre os aldraxes sufridos pola lingua galega temos un libro que podería ser de referencia: "O Libro Negro da Lingua Galega" de Carlos Callón que nos expón nitidamente a represión sufrida polo idioma galego a

través do tempo, opresión que segue a manifestarse sen ambaxes con casos que xorden a cotío como por exemplo este:
Fun facer un trámite administrativo e visitei dúas oficinas da Administración galega e en ambas as dúas expreseime en galego e os meus interlocutores contestáronme en castelán. Por moitas voltas que lle dou non entendo como a estas alturas poden suceder estas cousas e cavilei sobre o que aínda queda por percorrer nisto da verdadeira compatibilidade das dúas linguas que ata onde chegamos non se desenvolven en similares termos de igualdade. Resolvín o meu trámite pero non quedei satisfeito respecto ao trato dispensado a nosa lingua nunhas dependencias administrativas galegas. E pregunteime: pero que está pasando?
Una cousa está clara para min: o uso do idioma non debe pasar pola obrigatoriedade e si pola persuasión. Obrigar é máis doado que persuadir. A persuasión ten moito que ver coa sedución e o convencemento, e polo que se ve hai xente que non se deixa seducir nisto do amor pola nosa lingua así como así. Pensan que a xente que usa do galego como medio habitual de expresión é xente de baixo liñaxe e nesas aínda anda algún xentío a estas alturas. Malpocados!
Sería absurdo afirmar que non se avanzou no proceloso camiño que nos leva a tratar cando menos en termos de igualdade ao galego e o castelán. Pero si isto é verdade non é menos certo que queda moito por facer nesta parcela, e que se o galego avanza aínda que sexa amodiño é grazas á xente que entende que o noso idioma é un ben patrimonial que convén preservar e incentivar. E unha desfeita secular non se amaña dun día para outro. Con paciencia, de nós vai depender. Abofé.