Convidados a vivir
Cabada Castro, Manuel - domingo, 11 de octubre de 2026
Xesús é moi claro no que nos conta. Era un home do pobo e entendíase ben coa xente corrente, referíndose a cousas concretas e a experiencias comúns. El non falaba coa linguaxe dos chamados "entendidos", aos que ás veces non se lles "entende" a pesar de seren considerados como tales. Así son non poucos dos que se dedican a pensar, a falar ou a escribir. Eu pertenzo ó gremio dos últimos e se cadra por iso podo ter o perigo de non me facer entender de cando en vez tal e como eu desexaría. Mais, en fin, cada quen leva ao lombo o fardelo da propia historia. Dito isto, quen non recibiu algunha vez un convite para unha voda ou desexou, polo menos, que o convidasen? Mais se non ten experiencia do que ocorre nunha festa ou nun xantar de voda, convidaríao a ler o que escribía o noso escritor Curros Enríquez no seu engaiolante poema dos seu libro Aires da miña terra, que leva como título "Unha voda en Einibó".
As tradicións teñen entre nós moita forza por aquilo que dicía xa o P. Sarmiento, no século XVIII: "os galegos son tenaces en manter os seus costumes". En tempos pasados duraban as nosas vodas tantos días e eran tan abondosas en xantares, bebidas e demais, que os responsábeis políticos e eclesiásticos (bispos ou autoridades civís, vidos maioritariamente de fóra de Galicia) tiveron que poñer couto, sobre todo desde o século XVI, a tales excesos.
Porque, tal e como -polo menos- argumentaban os responsábeis eclesiásticos ou civís, aquel dispendio podía mesmo chegar á ruína dos que convidaban á voda. Aínda así, as vodas galegas tradicionais adoitan manter aquela abundancia de material comestíbel, que tanto lles chama ou chamaba a atención aos que veñen ou viñan de fóra do país. Un bo día tiven que asistir nun dos mellores hoteis (se non o mellor) de Madrid (vivín alí algo máis de corenta anos) a unha voda de xente de moi alto rango social e político. Sendo algo que ocorría lonxe da nosa terra, non foi nada estraño que alí houbese, si, moita etiqueta e finura de relacións, mais pouco exceso ou abundancia daquilo que a nós tradicionalmente tanto nos vai.
En realidade, o que pretenden cantos convidan a unha voda é manter e fortalecer os vencellos de amizade e relacións que unen noivos e familiares cos demais. Iso realízase creando comensalía, amizade e alegría por medio dun xantar. Sabemos que Xesús, no comezo da súa vida pública, asistiu como convidado, el e maila súa nai, a un xantar de vodas (as coñecidas como vodas de Caná de Galilea). Era unha maneira de anunciar, dende o principio e de maneira plástica, por onde ían ir os tiros (para dicilo dalgunha maneira). En realidade, o que Xesús vén anunciarnos como mensaxe fundamental seu e do Pai-Deus é que todos -xentes de tódolos tempos e lugares do mundo- formamos unha mesma comunidade de orixe e de destino, unha mesma rede de relacións fraternais. Somos todos fillos de Deus, irmáns polo tanto entre nós e chamados a sentarnos á mesma mesa con el e írmonos así asemellando a el ó participarmos da súa mesma divindade. Por iso non se acaba de entender moi ben por que somos tan reticentes a aceptarmos un tal convite.
Na parábola de Xesús dísenos que os convidados á voda do fillo do rei ou simplemente non querían ir ou formulaban escusas, como a de que estaban moi leados, tiñan moito que facer ou que estaban moi metidos en negocios etc. En fin, era un problema de axenda. Pois ben, fronte ás estudadas escusas dos convidados, o evanxeo de Xesús preséntase como unha invitación a respondermos con xenerosidade e agradecemento ao convite de Deus a sermos felices. Para iso pon el desde o principio nos nosos corazóns unha indefinida querenza ou tendencia a sermos felices (quen non quere ser feliz?). Ofrécenos xenerosamente estarmos na súa compaña, participando da súa felicidade e do seu poder. Sen que para iso teñamos que escoller na lista de voda o galano que cumpriría facerlle. Mais Deus, o rei pai do fillo que se casa, non precisa nada. El só quere regalarse a si mesmo a todos e cada un de nós en toda a súa grandeza e en todo o seu amor.
Á vista de todo isto, o lóxico sería aceptarmos sen máis este inimaxinábel convite de Deus e dedicarnos en consecuencia a vivirmos esta experiencia dun Deus que quere estar connosco para sempre. Unha experiencia á que está chamada a humanidade toda, tódalas persoas de boa vontade, sen distinción de culturas, linguas, razas ou relixións. Porque en realidade a voda da que aquí se fala é en certo modo a voda de Xesús mesmo coa humanidade toda. O Fillo de Deus, ao se encarnar converténdose nun de nós, casa, é dicir, emparenta en certo modo con toda a humanidade e co mundo enteiro, sobre todo cos máis pobres, necesitados e discriminados. Este emparentamento está decidido por Deus Pai e decidido queda para sempre.
El non vai deixar que o que realizou vaia ser como unha voda fracasada ou como unha simple voda de conveniencia, formal ou a distancia. Deus levará a cabo os seus designios e as cousas vanlle saír ben.
Algo disto semella xa anunciársenos na parábola cando alí se nos comenta que, a pesar dos egoísmos e particularismos das escusas duns ou doutros, a sala de voda se encherá: "Saíron -dísenos alí- aos camiños os criados e xuntaron tódolos que atoparon, bos e malos, enchéndose de convidados a sala da voda". A celebración eucarística vén sendo así coma un anticipo desa voda da que se nos fala o evanxeo.
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).

Cabada Castro, Manuel