O cruceiro de Melide é o máis vello de Galiza. Así o fai constar nada menos que Alfonso R. Castelao no seu libro "As cruces de pedra na Galiza", publicado en Buenos Aires en 1950 e do que a Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia fixeron unha coedición facsímil de 2.000 exemplares en 1984.
No capítulo titulado "Os Cruceiros máis vellos", Castelao escribe: "Citaremos primeiramente o cruceiro de Melide,

que presenta no anverso a crucifixión inspirada polo franciscanismo, ainda no inicio das formas dramáticas, e no reverso represéntase a Cristo na Groria, sentado, en maxestade, amostrando as chagas das mans e do costado, tal como se figurou nas esceas apocalípticas do ciclo meieval. As figuras están labradas en groso bloque de granito, cuio pé escede en anchura ao grosor de calisquera capitel de cruceiro, polo que supoñemos que foi primitivamente unha "cruz de pelegrins" (Melide está no "camino francés"), pousada en altar. A todas luces se vé que os brazos da cruz foron desbastados para regularizar algún desperfeito sofrido na ornamentación que debeu ter nos estremos, propia do tempo en que se fixo. Tamén coidamos que esta cruz foi dourada e pintada nos comezos, como a de Guimaraes e as de Valencia, porque as chagas do Cristo en maxestade deberon representarse en coor, xa que non hai traza delas na escultura. Poida ser que esta obra proveña do século XIV -tal aseguran os arqueólogos- a xulgar polas súas nobres feituras e porque representa o tránsito das conceicións dogmáticas ás dramáticas".
E xa que falamos do cruceiro máis vello da Galiza, penso que é bo momento pra recordar tamén outro cruceiro dos máis novos, se acaso non fora o máis novo. Estou a falar do cruceiro instalado en Madrid na praza de Jacinto Benavente, diante do Centro Galego de Madrid. Este cruceiro, que foi inaugurado o 26 de xullo de 1998 -no Día de Galicia en Madrid- foi un agasallo da Xunta de Galicia a Madrid, ó parecer en agradecemento pola boa acollida que os madrileños lles deron ós galegos que ó longo da historia emigramos á capital de España.
A noticia deste cruceiro aparece publicada -xunto co de Melide- no número 4, de outubro de 1998, no Boletín "Galicia y Madrid", editado polo Centro Gallego de Madrid e dirixido daquela polo coñecido xornalista lucense de TVE Manolo Lombao.