Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Igrexa e lingua galega

viernes, 08 de enero de 2010
Como pode deducirse do encabezado a seguinte reflexión tenta analizar a aceptación e o uso que da Lingua galega ten feito a Igrexa Católica en Galicia na educación e na pastoral, é dicir, na súa parte máis visible.
A Igrexa, como todas as sociedades con estructuras xerárquicas ríxidas, é moi conservadora e, incluso, “conservadura”, as súas actuacións non se encadran en procedementos e métodos democráticos, a comunidade non participa nin ten peso nas grandes decisións. Cando dicimos Igrexa pensamos case exclusivamente en bispos, frades e cregos ás ordes do Papa e da Curia de Roma.A función dos fieis parece reducirse a escoitar caladiños, despois de quitar o pucho e, en todo caso, contribuír con algunha moeda.
En Galicia a Igrexa, ao longo da historia , comportouse coma o resto das institucións aquí instaladas, coma a Xustiza, a Escola, a Administración, o Exército e as clases dirixentes que foron instrumentos de desgaleguización e de esnaquizamento da lingua e da identidade galega, no seu seo a lingua e a cultura galega tiñan pouca cabida.
Resulta difícil explicar e mesmo comprender cómo se puido chegar a esta situación, pero aínda é máis incomprensible e inexplicable como se pode soster. Soamente prexuízos e inercias poden estar na base deste comportamento, xa que logo, o cristianismo dende as súas orixes asume a lingua e a cultura dos novos adeptos. Xesús era galileo, falaba o arameo, na variante galilea, aínda que a lingua da Sinagoga era o hebreo, é dicir, a lingua do poder.
Dende o momento no que o latín deixa de ser lingua comprensible a Igrexa manda predicar e catequizar na lingua propia de cada comunidade, así o Concilio de Tours (813) manda que se predique na lingua popular. Por certo que moitas linguas son o que son hoxe porque a Igrexa as tomou de uso normal. O mesmo Concilio de Trento (século XVI), tamén manda que a doutrina cristiá se ensine na lingua realmente falada polos fieis, pero Galicia era xa daquela diferente, viña sometida dende finais da Idade Media a unha intensa colonización cultural e económica. Ata finais do século XV o 94% da documentación eclesiástica estaba redactada en galego, pero a mediados do século XVI a proporción xa está no 56% en galego e o 43 en castelán. Cando aparecen os catecismos (século XVII) non se edita ningún en galego; en euskera fanse 30 edicións do catecismo do P. Astete e 20 de Moguel, única lectura en lingua vasca.
É sabido que os reis de Castela, ademais de espoliar conventos e mosteiros adxudicando as rendas ás casas centrais situadas fóra de Galicia e de suprimir as súas escolas, colocaron á fronte dos mosteiros e das dioceses galegas abades e bispos foráneos en completo divorcio co baixo clero e co pobo. Nos últimos cincocentos anos os bispos de orixe galega que rexeron as dioceses galegas anda por uns 35, e deles, soamente tres exerceron realmente de galegos, (Lago González, Araúxo e frei Xosé Gómez). Na actualidade, tres das cinco dioceses galegas, están ocupadas por bispos nados en Galicia e ningún deles mostra compromiso, nin sensibilidade cara á lingua, malia que o Concilio Galego falou con bastante claridade. Unha situación especialmente dramática dáse na diocese de Astorga que abrangue unha parte importante da provincia de Ourense, cun bispo galego, pero cunha presenza nula da lingua galega na actividade pastoral.
Tivemos que chegar ao século XVIII co P. Sarmiento para escoitar as primeiras voces en defensa da lingua galega e a rebelarse contra esta colonización. É famosa a anécdota do freire castelán que identificaba traballar con “trebellar” e animaba a un mozo a “trebellar” todos os días da semana, domingos incluídos.
Por todas estas circunstancias a Igrexa en Galicia non foi galega, non se encarnou na Terra nin defendeu os intereses dos pobres campesiños e mariñeiros, comportouse máis ben coma un instrumento desgaleguizador e de desclasamento ao servizo do uniformismo central. Todo isto pode explicar os frecuentes enfrontamentos do mundo clerical co pobo e o anticlericalismo expresado nos ditos populares e na literatura escrita. É certo que un sector importante do clero rural, non precisamente o máis estimado polo poder eclesiástico, compartiu e comparte vida e sufrimentos co pobo, pero coa xerarquía houbo conflictos de moita sona, xa fose polos chamados “dereitos de estola e pé de altar” xa pola posesión de terras, obxectos relixiosos ou costumes moi enraizadas. Como mostra podemos recordar o violento enfrontamento na parroquia de Oseira en 1909 polo baldaquino con varios mortos, as liortas polas festas populares e bandas de música e máis recentemente os preitos pola carballeira de San Xusto ou na parroquia de Rivadulla, pola casa reitoral e polo campo da festa. Hai que ter en conta que antes da desamortización, a mediados do século XIX,máis do 60% das terras pertencían aos mosteiros e á igrexa polos que percibían e esixían rendas e outros servizos.
Unha Igrexa de Galicia, que non falaba, nin pensaba en galego non podía ser sentida como propia, era vista e considerada como allea, coma unha prolongación do poder civil que tamén esixía e cobraba trabucos, e mesmo, controlaba a vida social e familiar dende o bautismo deica a morte.
Ata a Desamortización dos bens eclesiásticos, segunda metade do século XIX, a maioría do clero procedía de familias fidalgas máis ou menos acomodadas, a partir desa época nos curatos encontramos fillos de labregos de certa propiedade, casas ricas, que encontran no sacerdocio un modo de promoción social para eles e para toda a familia, chegar a ser “ser xente” como di o Catecismo do Labrego e integrarse nun novo grupo social. Os seminaristas tiñan prohibido falar galego, infrinxir esta norma supoñía penalización na avaliación mensual, polo menos en tres apartados: comportamento, deberes relixiosos (desobediencia) e urbanidade, “porque el acento gallego era repugnante y fastidioso” e o acento resultaba de mal gusto, dicía Martínez Pazos na súa obra Oratoria (pp.390-1). Situación atípica representa o seminario de Mondoñedo que produciu destacados escritores galegos
Tanto o alumnado coma o profesorado estaba sometido a un ríxido control do bispo. Os estudos centrábanse en Humanidades, sobre todo en Latín, Dereito Canónico e Teoloxía Moral. O resultado da formación era moi estraño, un seminarista estudaba todas aquelas cousas polas que ninguén preguntaba nin se interesaba, era case un extraterrestre. Con frecuencia o profesor de matemáticas era licenciado en Dereito Canónico con coñecementos elementais da materia.

Na actualidade, o compromiso coa lingua galega é moi desigual, hai cregos exemplares que viven en galego e para os galegos e galegas, radicalmente fieis á súa terra, son de aquí, son “os bos e xenerosos de hoxe”. Na maioría das parroquias de cidades e vilas a presenza do galego é moi reducida. Moitas veces baixo o pretexto que os fieis non demandan liturxia en galego, cómo se houbese un tempo que se permitise demandar algo: déronlla, en latín ou en castelán, e mesmo algúns queren volver ao latín coma se existisen linguas máis sagradas. Sobre todo, nos clérigos pertencentes a movementos conservadores e integristas como Opus, Quicos, Lexionarios, Comuñón e Liberación que tenden a identificar lingua galega con subversión e independentismo ou algo propio da esquerda (BNG), esquecen o máis elemental: que a lingua é o maior patrimonio dun pobo e que somos seres humanos porque falamos e que se se reduce ou imposibilita a capacidade de falar aniquílase a persoa e pode producirse un fondo desequilibrio psicolóxico e mental. Incorporar a lingua galega á liturxia e á actividade pastoral dunha maneira coherente suporía unha fonda revisión da actuación pastoral, un paso importantísimo no proceso normalizador da lingua galega neste momento tan conflitivo e pagar parte da débeda que ten pendente co país. En definitiva, para un galego poder expresarse soamente galego sería unha limitación importante, pero non saber galego resultaría unha catástrofe, pasaría a ser un alienado ou quizabes un renegado.
Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES