Chegando a Mercurio: 'A warm planet welcomes you warmly!'
Gregorio Montes, Antonio - miércoles, 07 de octubre de 2026
Longa viaxe! No medio da voráxine diaria de novas e fakes de consumo inmediato antes de que a súa propia inmediatez as devore, que apareza nalgures que unha nave terrestre vai camiño a Mercurio, con varios anos de viaxe xa por tras de si, soa estraño. É o que ten que haxa moita xente interesada, e empresas, e institucións, en captar a nosa atención con obxectivos de caducidade inmediata ou case. Así, o que queda en coñecemento, sen unha 'utilidade' e caducidade inmediata, tamén parece quedar inmediatamente descatalogado, relegado á periferia. Estas liñas tratan dunha desas 'cousas estrañas', non porque aínda sexa estraño o feito dunha viaxe interplanetaria, senón porque non responde a esa agobiante inmediatez que pretende render a nosa atención segundo a segundo.
Lembremos: Mercurio é o planeta do sistema solar máis próximo á nosa estrela. Despois, por orde de separación, veñen Venus, Terra, Marte... A distancia a Mercurio, dende a Terra, pode medirse e expresarse de diferentes xeitos. Un deles é o que tarda a luz en chegar a ou dende alí. Algo que depende das posicións da Terra e Mercurio: iso sería uns 12 minutos como moito, co Sol case tapándoo ou, como pouco, algo menos de 5 minutos se está diante mesmo do Sol. Curiosamente, en ambas situacións, pola súa proximidade visual ó Sol, non poderiamos velo a ollo nu dende a Terra. Pero o anterior é só un xeito de facelo. Outra forma de avaliar a 'distancia' sería polo recorrido da nave que os humanos lanzamos cara aló, na misión Bepi-Colombo, e que está a uns meses de chegar a destino, en decembro deste ano, despois de despegar hai oito anos.
Resulta que para poder ir e quedar alí sen pasar de largo, a Bepi tivo que aproveitar varias veces a gravidade de varios corpos do sistema solar, a Terra, Venus e o propio Mercurio, nunha viaxe que comezou co lanzamento en outubro de 2018. Duns oito minutos que tarda media a luz a uns oito anos que está a tardar a Bepi hai unha diferencia de escala temporal apreciable. E iso, aínda que a nave tense chegado a mover a uns 60 km cada segundo en relación á Terra. Vamos, que atravesaría Galicia en diagonal entre Ribadeo e A Guarda abondo antes de que un campeón mundial de 100 m lisos chegara á metade do recorrido.
A Bepi non leva humanos, só instrumentos. A principal razón é que alí é difícil ir, pero máis aínda volver, e, a máis, para unha persoa saír fóra do noso planeta-niño non é moi aconsellable para ir a parar ó cabo de anos a un planeta sen atmosfera que respirar e con temperaturas que varían entre -170 ºC e 530 ºC, abondo máis que os extremos máis extremos que podemos atopar na Terra. Iso si, temos algo de idea do que alí hai, e a misión Bepi-Colombo aumentará o noso coñecemento.
O caso é que co gallo da chegada da nave a Mercurio, a Axencia Espacial Europea (ESA) promove un concurso para ver que lle podería dicir Mercurio á nave espacial que vai chegar. Eu xa teño un lema: 'Un planeta quente davos a benvida calidamente!'
--
Por certo, se alguén quere participar no concurso, pode mirar en:
https://www.esa.int/Science_Exploration/Space_Science/BepiColombo/Win_a_trip_to_ESA_to_witness_BepiColombo_arrive_at_Mercury

Gregorio Montes, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora