Brasil conservador e reacionário em 2026. 'Na ditadura que era bom'
Da Silva Vasconcellos, Victor Hugo - viernes, 09 de octubre de 2026
O domingo 4 de outubro celebráronse eleccións no Brasil. A diferenza do Estado español, alí o voto é obrigatorio e cada elector ten que votar por un candidato da súa escolla para cada cargo. Este ano, os cargos en xogo foron: deputado estadual, deputado federal, gobernador, dous senadores e presidente. A República Federativa do Brasil ten un sistema presidencialista dividido en tres poderes: executivo, lexislativo e xudicial. O executivo (presidente, gobernador e alcalde) non ten autonomía total, xa que o lexislativo é quen de aprobar as propostas de lei e a xestión do goberno.
O Brasil xa arrastraba un lexislativo dominado pola dereita e pola extrema dereita, cun espazo mínimo para a esquerda. O avance real do país cos gobernos petistas (PT) de Lula da Silva (2003-2010) e de Dilma Rousseff (2011-2016) xa é historia. Unha xeración que medrou sen coñecer o horror da ditadura civil-militar (1964-1985) reclama cada vez con máis forza intervención militar e gobernos neoliberais. Mesmo con Lula da Silva na presidencia (2023-2026), o lexislativo copado por evanxélicos, militares e empresarios bloqueou boa parte das propostas sociais do presidente, afogando o seu goberno.
As eleccións de 2026 mostran un xiro á dereita inédito no escenario político brasileiro desde o fin da ditadura militar, en 1985. Deste xeito, a (extrema) dereita xa non precisa de votos da esquerda para aprobar proxectos ou rexeitar propostas a partir de 2027, pois a súa maioría é absoluta.
Moitos dos parlamentarios xa son caras coñecidas no panorama brasileiro. Jair Bolsonaro, que gobernou o Brasil entre 2018 e 2022, declarou abertamente que, cando era deputado, rexeitaba os proxectos da esquerda sen molestarse en lelos. Hoxe atópase preso pola tentativa de golpe de Estado do 8 de xaneiro de 2023. E, con todo, toda a súa familia foi elixida.
O seu irmán Renato Bolsonaro (PL) foi elixido deputado federal no estado de São Paulo; a súa esposa Michelle Bolsonaro (PL), senadora en Brasilia; o seu fillo Carlos Bolsonaro (PL), senador no estado de Santa Catarina; e o seu fillo máis novo, Jair Renan Bolsonaro (PL), deputado federal tamén no estado de Santa Catarina.
Ademais deles, tamén saíron elixidos personaxes que formaron parte da prisión controvertida (e despois anulada) de Lula da Silva. O exxuíz Sérgio Moro (PL) foi elixido gobernador do estado do Paraná; e Deltan Dallagnol (Novo), senador polo mesmo estado do Paraná. E dous deputados que apoiaban a Jair: Guilherme Derrite (PL), que fora apartado da Rota (Polícia Militar) por exceso de violencia e mortes, foi elixido senador do estado de São Paulo; e Bia Kicis (PL), senadora en Brasilia.
Para presidente, Lula da Silva quedou por detrás doutro fillo de Jair Bolsonaro: Flávio Bolsonaro. A derrota non é definitiva, porque como o exsenador non acadou o 50% dos votos, haberá unha segunda volta. Unha mensaxe de apoio a Flávio Bolsonaro chegou directamente de Netanyahu: "estou desexando restablecer a amizade entre Israel e o Brasil", dixo o primeiro ministro. O exsenador prometeu visitar o país no inicio dun eventual goberno.
O científico político José Henrique Artigas di que se trata dun "retroceso conservador e un avance reaccionario". Lémbranos que, caso se torne presidente, o primeiro acto de Flávio Bolsonaro será amnistiar o seu pai, Jair Bolsonaro, e os golpistas do 8 de xaneiro. Tamén pretende repatriar o irmán Eduardo Bolsonaro, que está nos Estados Unidos. Nas palabras de Artigas: "E un grupo de golpistas que quere destruír as institucións. Son representantes elixidos que claramente queren retroceder a antes de 1988. Que nos preparemos para tempos moi difíciles. A democracia que conseguiu sustentarse após as crises vai ter que demostrar moita máis resistencia e resiliencia. Toda a corrupción golpista sairá do cárcere, caso Flávio gañe", subliña.
O analista Luiz Eduardo Fernandes fala sobre a interferencia dos Estados Unidos no Brasil ao afirmar que o proxecto de Trump ve América Latina "como reserva de poder que os EUA deben ter para facer fronte a Rusia e China". Deste xeito: "A estruturación deste proxecto vén dunha perspectiva neocolonial e alíase ás extremas dereitas da rexión. O Brasil e a lideranza de Lula son o grande obstáculo para este proxecto, porque Lula defende o multilateralismo, o Mercosul, a integración etc. Hoxe, Lula é o grande obstáculo para o trumpismo na rexión".
Xornalistas brasileiros sinalan que a vitoria de Flávio Bolsonaro é cuestión de tempo, e que Lula da Silva non ten boas posibilidades de gañar este pleito. Un país rico, pero cunha mala distribución da renda; con fame; miseria; violencia policial; e cifras elevadas de feminicidio e de asasinatos de persoas LGBTQI+ está nas mans daqueles que van defender o capital privado e a concentración da renda.
Antigamente as democracias morrían con golpes de Estado e intervencións militares (aínda que unha "democracia burguesa" teña os seus problemas e cuestións, hai algúns dereitos). Agora, os colapsos democráticos acontecen pola vía das eleccións. As pésimas escollas deixan a democracia do acceso ao alimento, á vivenda, á educación, ao traballo e a unha vida digna moito máis distante.
Victor Hugo da Silva Vasconcellos é doutor en Letras pola Universidade Presbiteriana Mackenzie (Brasil). Desenvolve a súa investigación no ámbito da análise do discurso de orientación materialista e da comunicación, e exerce como profesor de lingua portuguesa.

Da Silva Vasconcellos, Victor Hugo