Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Se me permitisen poñerlle título á exposición... igual a chamaba 'Dentro & Fóra'

Sampedro, Pilar - jueves, 08 de octubre de 2026
Rosa Fernández Caamaño expón en Noia, no edificio do Casino, este mes de agosto. Rosa é pintora e solidaria, naturalista e ferida pola beleza. Para nós, filla de don Basilio, aquel republicano que nos quedaba en Noia a finais dos setenta, debuxando e escribindo uns marabillosos anacos de cartolina que colocaba polas tabernas polas que pasaba. O humor a a arte fóra dos circuítos, facía como Buendía (cando se dou conta de que perdía a memoria), lembrades? "Esta é unha vaca e dá leite", pois don Basilio debuxaba, poñía o nome e explicaba por se perdiamos o idioma. Canta falta nos facía hoxe! Hermida gardaba unha boa parte da súa colección de intervencións. Adorábao! Se me permitisen poñerlle título á exposición... igual a chamaba 'Dentro & Fóra' En realidade, faciámolo todos. Souben da súa morte cando Avilés de Taramancos me dixo que sentira pasos de animal grande. Todo se acaba, hoxe botaba de menos a Avilés, a Agrelo, a Hermida, a Manolo e todos os amigos xa desaparecidos.

Pero Avilés deixou recado. Uns poemas seus aparecen na entrada da exposición ao lado dun texto de Rosa no que conta como el acompañou con palabras as súas exposicións anteriores. "O perfil da Ternura" é o primeiro texto e "Tres sonetos para Rosa", o segundo.
Deste, entresacamos, un par de estrofas:

"No xesto, nos andares, na figura
asoma un patriarca ben querido,
a súa man miúda, o seu sentido
do xusto. A súa loita dura

por ser firme a leal, sen atadura
sempre no seu lugar, sempre cumprido,
provén daí o teu labor, medido
na pauta en que se mide a fermosura."


Ou este outro fragmento do primeiro dos textos "Detrás do rostro, no trasfondo da ollada, está a paisaxe que lle dá luz (...) sentir a man de Rosa recoller o orballo das idades e darlle forma, acaso, a tanta criatura aprisionada que se ve ceibe no esplendor do lenzo."

Hai que volver a hoxe, hai que percorrer a exposición e escoitar o conto que nos conta a pintora mirando un dos cadros. Aquel no que unha nena escoita a caracola e dela sae todo o mar coma no picho dunha fonte. A nena ten un vestidiño branco e a auga perfila a súa silueta. Rosa cóntanos que de pequena sempre escoitaba o mar na caracola, sentía a súa oleaxe, ese ir e vir das olas. De pronto nas súas mans apareceu un pequeno vestido que lle colocou á nena como se se tratase de vestir unha mariquita. A tela era de Senegal, tiña esas cores que identifican o país, case o continente. Entón, míranos e di que se a nena con esa roupa é dese país, seguramente cando coloca a caracola no ouvido, escoita tamén o mar e nel as voces dos seus, os que quedaron perdidos nel. Así é Rosa. Sentimento. Coma o pai. Compromiso cos desherdados. Solidariedade.

As imaxes que acompañan este texto son as desa nena antes e despois de poñerlle o vestido. Observándoas penso no absurdo do xogo conceptual que nos embarulla a mente coa verborrea, sen dicirnos nada que importe, sen tocar como debe facer a arte, acariñando ou golpeando. O que ela fixo hoxe é unha gran intervención, se queres, unha performance, díxonos para que serve a arte cando o é, fixo que sentiramos que un ar de autenticidade nos rozase cos seus dedos.

Que podemos ver? Óleos e gouaches. Os primeiros sen enmarcar, fermosos na súa sinxeleza. Os segundos representando sobre todo natureza, esa natureza que nos lembra ás damas inglesas que pintaban e escribían, facían herbarios e recollían día a día as impresións da paisaxe. Estas obra non lembran as convencionais porque xogan cos diferentes límites, orlas naturais bordeando a imaxe, as follas ou as ponlas marchando por fóra do marco como se estiveramos entrando e saíndo da marxe. Porque a natureza non pode ser aprisionada, rise do marco que a artista demarca; non hai fronteira nin linde, móvese como quere como o mar que volve ao lugar de onde o botaron, coma as herbas que nacen nas paredes da catedral. Aínda cando o marco enmarque, hai algo na representación que nos leva máis alá, seguramente é esa mirada á que se refería Avilés... A outra temática é a africana, recollendo a súa idiosincrasia por un lado e, por outro, a súa necesidade de buscar un mundo mellor aínda por riba da vida que pode quedar en calquera lugar do camiño ou no mar. Unhas mulleres camiñan cara a unha fronteira de arame, van cargadas con maletas nas que se debuxan mapas, barcos ou unha meniña voando sobre un peixe, así de imposible é a ruta á que empuxa a desesperanza.

Sensibilidade que se mostra na natureza que racha marcos e compromiso co ser humano na súa loita por buscar un edén, aínda que este sexa un espellismo ao que o empuxan as forzas espúreas que se enriquecen antes ou despois, que xogan coas súas vidas para inestabilizar un país en determinados momento, como acabamos de ver en Ceuta. Aí os veñen, correndo, sen darse conta de que se van estrelar co espello que racha e os magoa, co espello que se fai auga e os afoga, coa maldade dun poder inhumano que só ve cartos en lugar de vidas.

Rosa é de Noia, aínda que leve moita vida fóra. É de Noia e sempre nos lembrará a don Basilio, o Perito, que ten unha rúa perto da súa casa para que as xeracións vindeiras saiban que houbo dignidade, aínda nos tempos máis escuros.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES