Caldaloba, a historia está aquí
Meilán García, Antón X. - jueves, 08 de octubre de 2026
A rebelión contra os Reis Católicos no norte de Lugo empezouna Pardo de Cela na Frouseira. Alí, desde onde se divisa parte da Mariña lucense e todo o val do Valadouro, Pardo de Cela amparado polas condicións orográficas daquela pena roqueira e defendido por un puñado de escudeiros, durante case tres anos, derrotou ás tropas dos reis casteláns, da Santa Hermandad do bispado mindoniense e dos fijosdalgo, que estaban comandadas polo Xustiza Maior Fernando de Acuña e dirixidas polo capitán Luis de Mudarra. Son clarificadoras as palabras de Acuña cando o reclaman para sofocar outra revolta e contesta «harto tenía que hacer que tenía çercado a Pedro Pardo na Frouseira», así como tamén a doazón que fai o capitán Luis de Mudarra á igrexa de San Martiño de Mondoñedo dunhas misas e un altar a San Bras e Santa Catalina «polas mortes que houbo na Frouseira». E hai documentos que nos confirman a «guerra» que se deu alí, o que demostra a forte loita que houbo naquela fortaleza para coller ao Mariscal. Malia iso, non puideron con el e recorreron á traizón para levalo ao cadafalso e degolalo en Mondoñedo. Pero a degolazón non puido coa rebeldía. Co que non contaban os Reis Católicos nin o Xustiza Maior, López de Haro, é que a súa filla, Constanza de Castro, doída pola degolazón do pai e curmán, meteuse en Vilaxoán para facerlles fronte aos reis casteláns que estaban sometendo a Galicia aos seus designios desmochando castelos e matando a todo aquel que non se pregaba aos seus mandatos. Dona Constanza colleu a bandeira rebelde do pai. E alí estivo máis dun ano, cercada polas tropas reais, as dos Andrade, as de Álvaro Ribadeneira e dunha serie de fijosdalgo como pon o documento: «Otrosi dixo el testigo que viera al dicho Diego de Luaçes... yr a la guerra de Froxera i a la de VillaJuan donde fueran llamados los omes fijosdalgo del dicho Regno de Gallizia a servir por fijodalgo en conpañia de otros fijosdalgo de quella tierra». E igual que pasou na Frouseira, que houbo que traizoar ao Mariscal para collelo, en Caldaloba houbo que envelenar as augas da fortaleza para poder con dona Constanza e os seus. Quedaron vivos, catro, os demais morreron ben pola loita ou ben envelenados. E alí están soterrados naquela contorna. Caldaloba é un camposanto de héroes, un símbolo da resistencia contra Castela e dona Constanza a súa heroína. A Historia está aquí, con meses de loita e mortes. ¡Señores da Xunta de Galicia!: nas suas mans está conservala. Agora son propietarios de Caldaloba. Non hai desculpa posíbel.

Meilán García, Antón X.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora