Decisión, afouteza, si; temeridades, non, nunca! As temeridades non son para gozalas, senón para sufrilas. Máis é, que as nosas temeridades adoitan converterse en

traxedias, ou polo menos en molestias para o próximo que trate de sacarnos delas.
Alén da prudencia non hai goce: ¡hai bágoas! Por desgraza, vémolo acotío, que para iso sobran os mass media, que chega con observar á xente do noso entorno, como viven, e como abusan do seu vivir!
¡Que fácil, e que frecuente, esquecerse de que a nosa vida non é propia: administrámola con poderes absolutos, iso si, pero, ante todo, por delegación do Creador; secundariamente en comandita co noso próximo, e incluso co non tan próximo, pois hai consecuencias que afectan a medio mundo, a quen menos se espera que alcancen! ¡Canta xente se leva posto en perigo por culpa nosa; cantos levan sufrido, moito ou pouco, pero algo si, por decisións que tivemos como propias, como persoais! Pouco hai que sexa absolutamente persoal nesta conexión, nesta inter relación humana, convivencial.
¡Do meu corpo fago o que me dá a gana; e no demais, tamén! Amodo rapaz/ rapaza, pois os teus actos son radiactivos, emiten radiacións, repercusións, consecuencias dun alcance non sempre coñecido, non sempre controlado, pero reais! As accións boas, bos efectos causan; ¡ah, pero, as malas? ¡As malas adoitan ter efectos aínda máis efectivos, no tempo, pero tamén no espazo. Aquel dito, aquel feito, aquela decisión do ser máis insignificante, que lonxe poden chegar! ¡Si, si; parádevos a meditalo, que non esaxero; nada, en absoluto; simplemente, reflexiono; e miro, ollo ao meu redor!
Isto que digo é para asusta-los nenos? ¡Non, en absoluto: trátase dunha vacina para a peor das enfermidades: a de crernos deuses, e por tanto, infalibles e inviolables! Non hai goce lícito se comporta sufrimento alleo; ¡en absoluto; non; nunca!
-.-
Que a vida é unha gozada, un sacramento, sempre que nos deixen vivila en paz, non ofrece a menor dúbida, que por algo non queremos perdela, de afeitos que estamos a vivir! Toda un puro exame: examináronnos os pais, os parentes, os veciños, os médicos, os profesores, o próximo, os amigos, os inimigos..., e vainos dar medo o Exame Final? ¡Por se acaso non deixemos de portarnos algo mellor, que sempre será preferible, e non que nos deixen para Setembro, vulgo Purgatorio!
Gómez Vilabella, Xosé M.