Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Criarse, vivir é unha gozada (17)

Gómez Vilabella, Xosé M. - jueves, 15 de octubre de 2026
Os rañaceos. Esta pretensión materialista vennos de lonxe, polo menos desde aquela torre babélica: Arriba, sempre arriba, usando, e tamén abusando, das leis físicas. Xa de nenos compracémonos en achegarnos ás paredes, de cando en vez, para comprobar o desenrolo, a evolución, da nosa osamenta, que nas rapazas impleméntase con eses tacóns rañaceos, desequilibradores da columna, envexosas da estatura, física, dos seus complementarios. ¡Iso, da física!

Pero temos outro tipo de construción, de máis entidade, que é a construción moral. O neno traballa nela simplemente asimilando o seu entorno: Se é positivo, os seus materiais, a súa construción, tamén o será; ¡indefectiblemente!

¡Deus, que pracer nese intre do exame de conciencia que precede, ou debe preceder, á somnolencia, cando repasamos as magnitudes do noso proceder cotián! ¿Que fixemos; en que circunstancias o fixemos? Se fomos a mellor, aínda que non o fagamos é para dar un salto na cama: ¡upa, que imos ben, ascendín desde onte! De haber algo defectuoso no noso proceder, tamén é satisfactorio recoñecelo, pois, sen recoñecer as faltas, mal se pode rectificar, mellorar. Hai ocasións, supostos, nos que ata é satisfactorio un pequeno tropezo, porque nos servirá, pode servirnos, para mellorar de técnica, para levantarnos ao día seguinte coa decisión de amañar canto teña amaño, con novos bríos, con decisión reforzada. Nos dous casos é, debe ser, motivo para darlle as grazas ao noso anxo: se foi que caemos, tamén, pois as advertencias sempre son de agradecer!

Nas competicións deportivas, súase; pero nas individuais máis aínda: ¡súase por dentro! ¡Pero é tan grato ganarnos a nosoutros mesmos, comprobar que imos ben, que subimos, que melloramos na nosa forma de ser! En todo caso estes praceres debémosllelos á vida, que nos permite vivila en constante afán de superación, de auto superación, que é o súmmum dos praceres íntimos!
-.-

¿Somos trinitarios? Aínda que noutro plano, noutra magnitude, e salvadas, por suposto, as infinitas distancias, algo si, algo diso temos: corpo, alma, e…, conciencia! ¿Témola todos, iso, a conciencia? ¡Pois óese dicir de algún desalmado que non, que non teñen conciencia! En vista diso, analicemos:

Corpo é ese cacho de materia que tende ao repouso, á preguiza, e non obstante, por contraditorio que pareza, está dominado pola inercia: cánsase cando fai o ben, e séntese estimulado cando fai o mal. Tal parece que non pode coa alma, que se cansa de obedecela, de acatala, de servila.

A alma, que a temos albergada no corpo, recuperará aquelas potencias do Paraíso cando se vexa liberada, cando o corpo se canse de sostela. De momento, e tamén resulta enigmático, é, está, escrava do corpo. ¿Manda o corpo na alma? ¡De momento, todo parece indicar que si, que non lle queda outra escapatoria: está sendo mangoneada pola materia!

Pero hai, temos, outro elemento, que vén a ser un lazo, unha atume: do corpo, para coa alma; e da alma para o corpo. ¿Asunto complexo, non si? Complexo, pero certo, que aí está, e aínda que se diga “ese Tal non a ten”, ¡témola todos; todos, pero non todos a teñen, ou a temos, educada!

¿Educar a conciencia? ¡É algo parecido a unha árbore: Se lle poñemos esteos, medrará dereita; mais, se a pisamos, se a deitamos, se a forzamos, se tiramos dela para o chan, ¡pobriña!, vaille ser difícil o enderezo, acabará sendo rastreira, o que se di unha repanda!

Unha conciencia educada, formada, asesoraranos, ben asesorados, ao longo da vida; ¡non teremos mellor amigo! Daquela, ¿como se educa, como se forma? ¡Meu neno, como todo o demais: desde a infancia! ¿Mestres? ¡Bos pais, bos libros, bos amigos, películas decentes…; e tamén as nosas orellas, e coas orellas os ollos, orientando os sentidos corporais na dirección correcta, na do amor ao próximo, que é nada menos que un Mandamento dos de Deus, así que, con esa procedencia, non pode ser cousa mala!

Nesta relación, nesta comunicación, o de salvar a alma, o de purificala, o de conducila na dirección correcta, aínda que diso non nos decatemos, ou pouco, depende rotundamente da dirección que lle deamos, que lle imprimamos, á nosa conciencia: As mans son do corpo, pero o volante do noso vehículo é, chamámoslle, conciencia! ¿Verdade que é un pracer conducir calquera tipo de vehículo, desde a bici ao avión? ¡Pois non che digo nada conducir a nosa alma, en liña recta, ou coas menos curvas posibles, desde a terra ao Ceo, que é o traxecto que nos encomendou, fai disto XX séculos, o noso Redentor! ¡Xa veredes como nos aplauden os anxos, e cos anxos a nosa xente, os nosos amigos, os nosos parentes, cando nos vexan chegar, vitoriosos, á final do traxecto, do noso traxecto vital! ¡Iso vai ser gloria pura, inmarcescible!
-.-

De alzados, afianzarnos
Criarse, vivir é unha gozada (17)
O problema de afianzar a personalidade. Din uns cantos científicos que se herda o temperamento, séxanse, certos aspectos biolóxicos do carácter, factores xenéticos que colaboran nas conductas sociais dos individuos, pero, observando unhas cantas irmandades, logo hai que pensar que seus pais tiñan un almacén deles, e que os foron repartindo, distintos en cada semente. ¿Ou será cousa de facernos o ADN?

Esgazando estas dúas verbas, carácter de temperamento, entendemos por carácter o conxunto de aspectos psicolóxicos que se moldean, ¡que se moldean!, coa educación, co traballo da vontade, amén de certos hábitos que permiten, ou posibilitan, certas reaccións do individuo fronte, nas, súas experiencias. Esgazar esgazámolas, pero o certo é que o carácter está casado co temperamento e actúan en consecuencia, sempre, ou case sempre.

Ao carácter, aínda que complexo e con interaccións, poden atribuírselle tres compoñentes básicos: a emotividade, que é a repercusión emocional do individuo fronte aos sucesos que lle afecten; a actividade, que sería a inclinación que teñamos para responder ante cada tipo de estímulos; e quédanos a resonancia, o eco ou resposta que presentemos ante esa diversidade de sucesos.

Tipos de caracteres. Se fose función miña esta clasificación, diría, escribiría, que, ¡tantos como persoas! Pero ateñámonos aos clásicos:

Apáticos. ¡Deus, o que abundan, lamentablemente! Deron en chamarlles “pasotas” verba maldita, pero que está ben dita. Predícase daqueles que viven ao caracol, encerrados en si mesmos; melancólicos, testáns y un tanto preguiceiros. Gustan da rutina e compórtanse con indiferenza, non innovando nin no que lles convén.

Nerviosos, cataventos. Tan pronto se interesan polas novidades como as aborrecen. Pouca orde e pouca disciplina. De vontade adoitan ser débiles, pero sociables e afectuosos socialmente.

Os sentimentais. Moi sensibles, e un tanto pesimistas. Gustan da soidade, e desmoralízanse, apéanse, con facilidade. Eses abatementos lévanos ao rancor, á inseguridade, á indecisión. Gústanlles as novidades en xeral, pero cústalles apreixalas.

¿Coléricos? ¡Logo había que chamarlles latinos! Son traballadores, ¡cando lles peta! Ousados e gustan se seguir improvisacións, levados dos seus impulsos. Aparentemente extravertidos, pero como se tensionan facilmente, foxen do lobo antes de velo.

Os apaixonados, que se definen por ser uns empollóns, con imaxinación e capacidade de traballo. Interésalles aprender, e son metódicos nas tarefas.

Outra categoría, ou clase, pode ser a dos caracteres amorfos: preguizosos, pouco orixinais e pouco previsores, impuntuais, e cousas así.

¡Ai, Deus, que complicados somos, e canto nos custa domarnos, acadarmarnos, domarnos a nós mesmos!

Agora púxose de moda someterse aos test previos, tanto para estudos como para optar a postos de traballo, que se non son dogma tómanse por tales. Din que serven para ditaminar as nosas actitudes, xunto coas aptitudes, para prever e determinar como actuará a persoa ante situacións académicas, e tamén no laboral. Tódolos inventos teñen algo de conto, pero nisto dos test aproxímanse bastante á personalidade de cada quen, aínda que tamén sexa de consignar que a nosa evolución, en cuestión de días ou de meses, por efectos de novas circunstancias, cambiamos de carácter, fundimos e afundimos personalidades que se daban por definitivas. Cambiar, cando é para ben, para mellorar, é de persoas, de persoas formadas, pois a formación consiste niso, precisamente niso, en ir a mellor, en atoparnos a nós mesmos, en descubrirnos diante do propio espello!

Tamén podemos considerar dous tipos xenéricos, dúas características que van connosco, que nos acompañan sempre por moito que limemos: a introversión, iso de mirarnos o embigo; e a extroversión, que consiste en ollar ao lonxe, con máis permeabilidade ao mundo exterior; máis sociais, interesados polo que ocorre alén do noso embigo.

Influencias do ambiente na personalidade. Están sendo moi estudadas ultimamente; púxose de moda, pero eu quédome coas apreciacións de Viviana Lemos, que explica moi ben como os factores socioculturais inciden na personalidade. Un dos principais compoñentes do seu estudio consiste en analizar como a pobreza (nunca tanta pobreza tivemos, e cada día peor, porque, ao haber, e coñecer, moitos ricos, os outros recoñecémonos como pobres, apreciación que non se tiña noutros tempos de coñecemento limitado e de adaptación ao medio), como a pobreza, di ela, inflúe negativamente na personalidade dos cativos. Ao non ter acceso á educación, á comida, e outros recursos básicos, os nenos pobres son vulnerables a ter unha personalidade negativa. Por medio de estatísticas e de cuestionarios realizados, o estudio mostra a realidade e como é a personalidade dos nenos que viven en países pobres, pobres en comparación con outros que non son tanto, pois o que é ricos – ricos hai poucos, e en poucos lugares. Hoxe en día o que ten rendas non se libra de traballar, de administrar, de defendelas, así que, en definitiva, non deixa de ser un traballador, un máis.

En definitiva, que hai que fixarse nos comportamentos, e copiar dos mellores, que por esta copia non suspenden a ninguén, antes ao contrario! Non esquezamos que o home vén do barro, así que admite modelación, modelado e moderado!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES