Da tradición, do rito, de acollerse á Misa, da presentación no Templo, pasouse á presentación na rúa:
-¿A quen se parece?
-¿A quen se vai parecer, aos que o fixeron!
Con tantos adulterios como Deus permite, os adultos están intrigadísimos nisto dos parecidos; e o neno sumido en dúbidas. Tiña que ser obrigatorio mostrarlle o ADN dos pais para que se críe sen esas dúbidas que lle poden enturbar a vida; ¡e menos mal se o natalicio non é seguido dun divorcio, pois, neses casos, as criaturas, de poder facelo, seguro que optaban por volver ao ovo, ao óvulo!
Na primeira das tendas visitadas, o neno apunta no seu caderno mental:
-Con isto da división do traballo, quen traballa para quen? Os meus quéixanse do prezo, e o vendedor/a mente coma Xudas afirmando que o valor é o mesmo, pero a etiqueta está rebaixada nun cento un por cen!
Con isto oído, matina:
-Eu, de grande, quero ser intermediario.
Así atopa, descubre, o rapaz, a súa vocación profesional primixenia. ¡Unha efeméride notable, outra!
Despois da tenda, á terraza dun café:
-¿Mamá, por qué na terraza, por qué non entramos, que estaríamos mellor dentro, máis abeirados?
-Si, filliño, pero non, pois dentro non podo fumar, non me deixan; e tamén ocorre que aquí fóra podo ensinar as canelas
, facendo promoción, por previsión, por se teu pai decide destituírme, substituírme!
Daquela o neno, se tivese lido a Biblia, pensaría para si:
-Aquilo dos mercadores do templo segue de actualidade, pois miña nai, asomando as canelas, insinuando a súa mercadoría, está chamando polos compradores de ofertas!
Estes temores, os anteditos, poucas veces se compren, grazas a Deus, pero mellor sería que non ocorresen nunca, nunca!
Á noitiña adoitan estar de visita, na casa, os avós, agardando para ve-lo neno:
-Pero, muller, agora de noite, que xa veñen frías, ¡as noites!, e ti pola rúa, con este anxo, expoñéndoo á friaxe!
-Píntalle ben, que así afáise a ruar
, para cando saia de botellón!
-Pero, muller, se aínda está de biberón!
-El si, pero eu, non, e encima de que o parín, vou se-la súa escrava por días de vida
?
Os avós calan, sempre o fan; ¿que outra lles queda se esa categoría só ten un código de deberes, pois os dereitos son paternais, e cadora máis! ¿Cadora máis, ou menos? ¡Mellor será non discutir, e bica-lo neno, encomendándollo a Deus, que é o único capaz de endereza-lo mundo, se o ten a ben!
De noite, o neno/a nena, adoitan mexarse por si, e non precisamente de risa:
-¿Xa o volviches a facer, picarón/picaroa? ¡Vou ter que coserche a billa!
O neno/a nena:
-Se eu teño incontinencia nos ouriños, ti tela na lingua, que me recriminas isto de obrar con naturalidade..., cando de naturalidade, no meu entorno, pouca, que ata usades preservativos en lugar de continencias!
¡Vivir, criarse, é unha gozada, aínda que só sexa polo divertidas que son as contradicións deste mundo!
-.-
No decorrer dos días da súa crianza poucas cousas o fan máis feliz que iso de colaborar na montaxe, na colocación das figuras do Nadal. Aínda que viva cen anos, é imposible que se lle esquezan aquelas figuras, aquelas luces, aquela bendición da mesa. Que alén das ventás chovese ou nevase, iso tíñao sen coidado; o que lle importa, o que lle importou, foi o goce dunha familia ben avida. ¿Pensarán eses matrimonios que gozan coas liortas, que mentres eles se divirten desa maneira diabólica os seus rapaces arden nas penas do inferno, do inferno familiar? Por mal que se entendan, que menos que unha tregua polo Nadal! Mentres eles rifan, os nenos non gozan, e por conseguinte, non viven!
O dobre xogo de poñerlles Nadal e Reis desoriéntaos; un pouco, non, un moito. Porén, aínda que sexamos republicanos, adoremos a eses "majos", sequera sexa para agradecerlles aquel ouro, aquel incenso e aquela mirra que levaron tan xenerosa e oportunamente ao Portal de Belén. Ben se decatou diso aquel almirante, aquel lacaio da pesca salmoeira, cando o seu admirado Hermenexildo lle mandou pasearse co Canarias e demais acompañantes pola rada de Agadir, en Reis do ano 1958, para facerlles aos nativos unha ameaza, un simulacro de bombardeo: "¿Y ese Caudillo será capaz de ordenarme disparar sobre los camellos...!" ¡Pobre Capitán, pobre nauta!
Os camelos sempre veñen, sexa de Oriente ou de Occidente, deixen ou non. Refírome aos cuadrúpedes, a eses ruminantes artiodáctilos, tan pacíficos e tan austeros, pero ao neno convenlle saber que, con igual nome pero distinta catadura, hai outros tipos: as persoas camelantes, aparentemente sinceras e afables; e logo están os fungos do narcotráfico, que reciben igual nome e iso que non teñen xiba; ¡a xiba, a corcova, a chepa, téñena, póñenllela, aos seus caravaneiros, tal e tanto que en lugar de facerse

homes tórnanse insectos! ¿Que é un toxicómano? ¡Un morto en vida! Daquela, como viven mortos, meus pobres, non viven, non gozan, pois o que dan por goce é simplemente unha antesala do inferno!
-.-
Isto na infancia, pero logo chegará a mocidade, e daquela cómpre compra-la lupa para auto examinarse, e de paso examinalo/a, pois gran parte das desavinzas futuras son evitables cando se vai ao matrimonio con un coñecemento recíproco, profundo; de efectuado este, as sorpresas serán mínimas, e para iso, en nimiedades.
Para cando o neno/a nena comezan a relacionarse xa foron vacinados de dez enfermidades, ou máis; das corpóreas, se entende, pero, das mentais...? ¡Pois logo lles chegará a idade dos contaxios, da malas compañías! Daquela hai que ensinarlles, hai que inicialos na arte, ¡que tamén é arte, ademais de ciencia!, de coñece-la xente, que non é o mesmo que coñecer xente! Porén, á vez, asemade, hai que axudarlles a mirar cara a dentro, alén do espello: que tendencias ou propensións asoman, que instintos lles afloran, que trucos son máis efectivos para que se lles desenrole iso do autocontrol
! ¡Nesta vida todo é aprendible, e por ende, ensinable!
Concretamente no que se refire á conduta agresiva na infancia, un dos seus problemas, en relación cos hábitos de crianza seguidos polos pais: rexeitamentos, falta de apoio e de afecto, uso de castigos para controlarlles a conduta, supervisión permanente, comunicación, etcétera, non estaría de máis que estes pais do XXI, ¡que aínda están a tempo disto!, sen menoscabo, por suposto, das súas revistas sociais e deportivas, lesen tamén aos nosos psicólogos e pedagogos, que temos moitos e bos, aínda que, en xeral, son pouco lidos, entre outros non menores, Roa, Del Barrio, Tur, Mestre, etcétera, que ben se molestaron en explicar que un estilo educativo excesivamente autoritario, ou polo contrario, excesivamente permisivo, favorecen a aparición de condutas agresivas nos rapaces, este mal endémico, tan de actualidade. ¡Que eu lembre, só unha vez se me escapou un sopapo, máis polos meus nervios que polos seus defectos, e iso non se me esqueceu, nunca; ben arrepentido que estou, confeso!
¡Que doados de facer son os nenos, -repito- e que difíciles de criar, de ben criar e de ben educar! Sempre direi que aqueles que non estean dispostos a afanarse coa prole, a darlles, con paciencia, o mellor dos seus saberes e dos seus faceres, que fagan votos de castidade; ¡que os fagan, e que os cumpran! Ao matrimonio hai que levar sabido, entre gaña-los cartos suficientes para unha convivencia digna, ¡saber gañalos e saber administralos, ámbolos dous, ámbalas dúas cousas!, ter unha idea, polo menos conciencia diso, de que esa prole que lles espera requirirá un alto nivel de apoio, e unha flexibilidade que lles inspire confianza aos educandos. Se queren deformar aos fillos en lugar de formalos, as receitas son do máis doado: violencias familiares, alcohol, tabaco e demais drogas depresións, desavinzas, divorcios, monoparentalidade, etcétera. Camiños para escoller, sobran; o que non sobra é o sentidiño da orientación para saber escoller; como se di agora, ¡a folla da ruta!
-.-Gómez Vilabella, Xosé M.