Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

+Chucho Garrido, un servidor

Cabada Castro, Manuel - lunes, 05 de octubre de 2026
Coñecín por primeira vez Chucho (Jesús Garrido Suárez) en Salamanca no ano 1953. De maneira non pouco sorprendente para os seus compañeiros de noviciado. Eu entrara como novizo un ano antes ca el. El era un mozo alto, de boa estatura, mais cunha tonsura na cachola que nos chamou moito a atención. Fora previamente ordenado de diácono no Seminario de Santiago e entráralle a vocación de xesuíta, tendo xa daquela unha vintena de anos. Non moitos días despois recibín unha carta (daquela eramos uns atrasados, pois nin móbiles había). Era unha misiva dun tío meu, irmán de miña nai, que me comunicaba que entrara no mesmo noviciado ca min un parente noso procedente de Negreira. De Sabucedo, parroquia da Estrada (o concello máis extenso non só de Galicia, senón de toda España), ata Negreira haiche un bo treito. De modo que dende aquela tiven un amigo máis. Por obvias razóns.
O caso é que por razón dos nosos posteriores destinos xesuíticos só coincidimos en contadas, aínda que moi frutíferas, ocasións. El case sempre na Galiza e eu, a meirande parte da miña vida, na capital de España. Naturalmente tratabámonos como bos parentes. É dicir, como debe ser. Durante a nosa breve común estancia e convivencia na Coruña (durante só un par de anos), os inmediatos á súa marcha xa enfermo a Salamanca, puidemos experimentar ultimamente tanto a nosa proximidade familiar coma os achaques da idade provecta.
Quero aquí, porén, lembrar minimamente o que outros compañeiros, amigos, amigas etc. saben ben en relación coa súa dedicación á educación e ao coidado da xente moza. Chucho, o eximio educador, residiu na Coruña mareira, aínda que fose en varias ondadas, durante arredor de corenta anos. Espallados en tres etapas: unha primeira de dez anos, outra despois de vinte anos e unha (a derradeira) doutros dez anos, antes da súa marcha a Salamanca, onde finaría pouco despois. A laboura de Chucho foi moi ampla e variada. Abonda con lembrar a novedosa revista, dirixida por el, "Padres y Maestros" ou a súa participación durante moitos anos na famosa "Ruta Quetzal". Deixou amigas e amigos por todas partes, incluídas as súas frecuentes estancias na miña aldea da Rapa das bestas, Sabucedo, entre amigos e parentes.
Moitos lembrarán as súas lúcidas actividades educativas. Pola miña parte convivín con el só durante un par de anos. Só quero rememorar agora, para rematar esta lembranza do amigo e familiar, o que o mesmo Chucho me contaba en galego e por escrito no ano 2022 sobre os modos de finar nunha das parroquias da Estrada (onde el -tal como indiquei- tiña familiares):
"Na casa grande de Abragán había un abano-abanico que ninguén podía tocar. Estaba reservado para alentar os enfermos graves que estaban cerca da Morte. Mirabamos como estaba o abanico, ben aberto  no armario secreto, onde tamén había diñeiro. Eu tamén tiven a sorte-desgraza de abanicar a avoa de Souto. Quería facelo e caía de sono. Abaniquei canto puiden para que non lle faltara o alento. Despois, cando morreu, chorei un pouquiño... e vin o abano encollido nunha cadeira".
Non che sei, bo Chucho, se alguén te abanicou a ti hai un par de días. Leo nas crónicas que te fuches de onda nós ás 3'00 da mañá do 25 de setembro. De eu estar aí contigo, podes estar seguro de que te tería abanicado.

Ata vérmonos, Chucho.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES