Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Himno cooperativista galego

Rodríguez Fer, Claudio - lunes, 05 de octubre de 2026
Galicia conta xa cun himno cooperativista propio, con letra da polifacética poeta Cristina Fiaño e mais miña, inspirada na do titulado en éuscaro "Hanka bat lurrean, beste bat airean" ("Un pé no chan, outro no aire") do bertzolari euscaldún Jon Sarasua, e con música orixinal do compositor vasco Fernando Velázquez. Tal himno estreouse en Cambados neste ano 2026 e a súa interpretación pola Banda Sinfónica Galega e o Coro Gaos, con produción da cooperativa Urdime e con apoio do Consello Galego de Cooperativas e da Xunta de Galicia, foi gravada neste vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=hqIfcIxyJ48 .

Himno cooperativista galego

Aínda que existen antecedentes de cooperación humana dende a antigüidade, o cooperativismo contemporáneo foi primeiramente teorizado polo filántropo galés Robert Owen e polo filósofo francés Charles Fourier, pioneiros do chamado socialismo utópico, e posto en práctica durante la Revolución Industrial británica como resposta solidaria dos traballadores ante a explotación laboral, os baixos salarios do proletariado e os altos custos dos produtos básicos. De feito, xa no século XVIII foi fundada a Sociedade de Tecedoras e Tecedores de Fenwick (Escocia), que comezou a vender clandestinamente, a prezo reducido, primeiro avea e logo outros produtos, desenvolvendo ademais iniciativas tan útiles e necesarias como o crédito mutualista e a biblioteca popular.

Tal tendencia continuou no século XIX, como pon en evidencia que en 1840 se fundase na mesma liña a efémera Asociación de Tecedores de Barcelona. Non obstante, tense como iniciativa fundacional do movemento cooperativista a Sociedade Equitativa dos Pioneiros de Rochdale, formada por vinte e sete traballadores e unha traballadora Himno cooperativista galego téxtiles de dita cidade inglesa que ficaran sen emprego tras unha folga e que abriron unha tenda propia para vender alimentos de primeira necesidade (fariña, azucre, manteiga, avea) a prezos xustos e con calidade garantida. Tal sociedade organizouse xa con regras baseadas no voto equitativo (un socio, un voto) e no reparto de excedentes segundo o consumo.

O éxito das iniciativas pioneiras deste tipo de asociacionismo inspirou a creación de cooperativas de consumo, crédito, produción e vivenda, primeiro por Europa e finalmente por todo o mundo. En consecuencia, xa en 1895 foi creada a Alianza Cooperativa Internacional, que estableceu e formalizou en Manchester uns principios cooperativos universais, actualizados en 1995: adhesión voluntaria e aberta, control democrático dos membros, participación económica dos socios, independencia e cooperación entre cooperativas, etc.

O cooperativismo chegou no mesmo século XIX á Península Ibérica, comezando por Cataluña, e non tardou en practicarse en Galicia, onde actualmente é un sector fundamental da súa economía. De feito, o socialista utópico galego Ramón de la Sagra propugnou xa en 1940 a economía social, antepoñendo o benestar colectivo á mera acumulación de riqueza material, pois defendía a propiedade colectiva, a organización racional do traballo e a transformación pacífica a través da educación e da asociación voluntaria, bases do asociacionismo produtivo cooperativista. Máis tarde, a II República aprobou en 1931 a primeira Lei de Cooperativas en España, pero a ditadura franquista derrogouna e, tras acometer confiscacións de propiedades e establecer outros atrancos, impuxo un restritivo control desnaturalizador do cooperativismo, corrente que volveu renacer coa democracia.

No século XIX, o cooperativismo libertario foi a base do mutualismo proposto polo federalista francés Pierre-Joseph Proudhon como alternativa pacífica tanto ao capitalismo individualista como ao comunismo estatal. Por isto promoveu un Banco Popular que ofrecía crédito gratuíto ou a moi baixo interese ás asociacións de traballadores para impulsar o auto-emprego e a cooperación auto-xestionada, proxecto no que por certo colaborou o devandito polímata galego Ramón de la Sagra durante o seu exilio en París entre 1848 e 1849. E o principio ético básico do cooperativismo coincidiu co do anarquismo tal como o formulou o teórico ruso Piotr Kropotkin no seu referencial libro O apoio mutuo, onde postulou que o progreso da humanidade provén necesariamente da axuda recíproca entre iguais e sen xerarquías.

Con todos estes principios de solidariedade, liberdade e progreso a través da colaboración colectiva, do desenvolvemento persoal e do avance social, naceu, pois, o noso himno cooperativista pola harmonía humana. Nel buscouse un punto de encontro entre a entropía e a utopía que representan, respectivamente, a tensión fundamental na que se confrontan a aparente propensión natural ao caos e o non menos aparente desexo humano de perfección ideal. Porque, en realidade, trátase, simplemente, de cooperar polo ben dun mundo sempre alén.

Himno cooperativista galego

A vida fainos preguntas
para responder aos tempos.
O mundo fainos preguntas
necesitando alentos.
Pensamos o que sentimos,
sentimos o que pensamos.
Respiramos o aire puro
do corazón na beleza.
E as respostas son futuro
dentro da nosa cabeza.

Cooperar polo ben
dun mundo sempre alén.
(3 bises)

Seguiremos preguntando
como ser, como educar.
Viviremos cuestionando
que manter e que cambiar.
Un pé no chan, outro no sol,
en constante evolución:
somos solidariedade,
somos sempre liberdade.

Cooperar polo ben
dun mundo sempre alén.
(3 bises)

Cooperar (ENTROPÍA) polo ben (ENTROPÍA)
dun mundo (UTOPÍA!) sempre alén (UTOPÍA!).
Un mundo sempre alén.
Sempre alén.
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES