Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - miércoles, 30 de septiembre de 2026
A escaleira de pedra

El chámalle bolboreta. Ela replícalle con meu neno, e os dous sorrín coma se acabasen de descubrir, unha vez máis, que a nostalxia tamén pode caber nunhas poucas palabras. Sentan sobre a escaleira de pedra, mentres a tardiña vai perdendo as súas últimas cores e se acomoda, amodiño, sobre a escuridade da noite.
Pingas de Orballo Non necesitan luz para verse. Nin para tocarse. Tócanse. Primeiro coas mans, logo cos ollos, despois con ese silencio que só coñecen os que senten de verdade. Ela aloumiña o ombreiro del e el deixa caer uns bicos, lentos e delicados, sobre a súa cabeza. Enfronte, sobre un cable de teléfono, aturuxa unha curuxa. Ou tal vez sexa un moucho; a noite xa borrou as diferenzas.
Ela, achegándose un pouco máis, borboríñalle que é un toleirán. El contraataca con miña xoia e cun sorriso que parece acender a escuridade. Míranse. E nese instante, no pequeno escintileo dos seus ollos, hai un verso; en cada verso, un tempo; e dentro dese tempo, un momento capaz de deter o universo.
Ela apoia a cabeza no seu peito. El aperta o seu corpo contra o dela, como se tivese medo de que a noite puidese levala consigo. Ningún dos dous di nada. Xa o dixeron todo. Alí, naquela escaleira vella, baixo o canto escuro do paxaro e un ceo que comeza a encherse de estrelas, comprenden que hai sentimentos que non precisan promesas porque nacen coa certeza de querer quedar.
E mentres a última luz desaparece detrás das casas, el bícaa na fronte e murmura: “bolboreta”. Ela pecha os ollos, sorrí e responde baixiño: “Meu neno”. E durante un instante, breve e infinito, parece que o universo enteiro é todo deles.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES