Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'La vuelta a Galicia en 80 pedaladas', de Justo Jorge

Xiz, Xulio - martes, 29 de septiembre de 2026
A excepcional asistencia á presentación dun libro -porque esto de aquí, de hoxe, é verdadeiramente excepcional- pode deberse a que o libro teña unha singular importancia, que desperte a atención do público en xeral ou dun colectivo moi amplo... ou tamén pode deberse a que o autor ou autora teña unha relevancia persoal, calidade 'La vuelta a Galicia en 80 pedaladas', de Justo Jorge no trato, prestixio social pola súa actividade, traxectoria profesional... que lle garanta compañía sexa cal fose o motivo da convocatoria.

Como falamos desta obra e de Justo Jorge, este autor, dase a circunstancia de que os dous factores conflúen, polo que é o máis natural do mundo esta afluencia, este especial conxunto de xente coñecida e destacada, e a atención que se detecta no ambiente.

Falarei primeiro do home e logo da súa obra, aínda entendendo que todos os presentes o coñecen de toda a vida, e polo tanto poderán mesmo mellor ca min enxuizar a súa traxectoria persoal.

A afinidade con Justo é inmediata cando alguén o coñece, e a miña e a de todos os que traballabamos no que se chamaba Información e Turismo, fronte ao Parque, foi desde o primeiro día. Era o veciño do lado, o da oficina do lado, que saudaba e saudabamos, sorrinte, aberto, servicial... Eramos todos moi novos, e a relación moi cordial. E pasou medio século, e seguimos aquí, e Justo Jorge é noticia. E estamos con el.

Justo naceu en Paradela, vive en Lugo, e pasa amplas tempadas en Viveiro... Coincide neses tres puntos coa miña xeografía vital, cos tres núcleos vitais temos os dous fondos vencellos, e nos tres nos temos encontrado, afortunadamente.

Eu sabía da súa afinidade ou querencia polos temas médicos, pola medicina, por profesión desde o comezo; fortalecida, eclosionada esa especial relación na súa etapa como director de Polusa, e a súa capacidade para relacionarse, facer amigos... O que tardei en descubrir foi a súa querencia pola natureza, pola monumentalidade, polo deporte, e polas viaxes; por ese especial turismo activo.

Hai tempo vimos el máis eu falando dun libro, ata hai pouco inconcreto, que hoxe ve a luz, e constitúe un auténtico acontecemento literario, turístico, deportivo e cultural.

Justo é minucioso, entregado, concienzudo... e acudía a min pensando que entendo nos temas literarios, para os que só teño unha certa intuición, pero sobre todo sí moitos anos de experiencia en todo tipo de libros; pero o de Justo é un libro moi especial.

Especial, primeiro polo tempo, logo polo esforzo, e por fin pola escrita consciente: Leva traballando nel seis anos; supuxo un esforzo físico de dous mil catrocentos kilómetros, e o froito son cincocentas páxinas dunha visión turística, cultural, social, itinerante, intelixente, en texto e imaxes, unha visión da costa e do interior de Galicia con ollos garimosos, experimentados, que saben sentir o que ven, que saben ver coa profundidade da historia, da crenza, e do amor por Galicia.

Para quen percorre os Camiños a Santiago, coa lóxica valoración do esforzo, só será formalmente válido o seu percorrido se a ruta se fixo a pé, a cabalo ou en bicicleta. Eu alteraría a orde, e deixaría en primeiro lugar a pé e en bicicleta, esquecéndome do cabalo pensando que o cabaleiro non é quen verdadeiramente aporta o esforzo á iniciativa.

A bicicleta é contacto directo entre o viaxeiro e o camiño, e o resultado -o camiño- é proporcional ao esforzo, non sendo o vehículo máis ca un transmisor de forza, un transformador dese esforzo, o sistema máis directo e natural, humano poderíamos dicir, para conectar á persoa coa natureza. Certo que a técnica permite facilitar percorridos que habería que ser un ciclista profesional de élite para superalos, e os viaxeiros - estes amigos nosos protagonistas capitaneados por Justo- teñen coroado portos temporais (os setenta anos son porto de primeira categoría), nos que segue a ser un mérito tremendo desenvolver calquera tipo de esforzo físico.

Pouco podería imaxinar o barón alemán Drais von Sauerbronn, que douscentos nove anos despois da súa invención, hoxe estaríamos falando da súa "máquina andante", que non tardaría en conquistar o mundo.

Tivo Justo a iniciativa, secundada por amigos e fillos, de percorrer Galicia en oitenta pedaladas, vendo -como dicía o gran Xaquín Lourenzo- "con vista de ollos" este país vello, enigmático, profundo, inmenso, e tan visual...

Para explicar a conformación deste país, adóitase recurrir ás lendas... E así as rías galegas máis importantes serian as pegadas das mans de Deus, ao remate da creación, formando estes singulares fiordos que marabillan ao mundo... E hai pouco vin mencionada a Ribeira Sacra como o resultado da loita amorosa entre Xúpiter e Xuno, polos ciumes de Xuno que abrira a profundísima fenda para alonxar a Xúpiter de outros amores...

Este libro explícanos Galicia paso a paso, pedalada a pedalada, nun percorrido perimetral do país, co esforzo entusiasta de deportista, con coñecemento de especialista, co disfrute do sabio, e o resultado é unha guía para todos os públicos, para que cada lector se adentre nela na medida das súas apetencias, e mesmo das súas posibilidades.

Parece incrible, pero estamos diante dunha completísima guía do patrimonio cultural do amplísimo percorrido... e cando se fala de monumentos fálase de todo o que neste país reflicte o paso dos séculos. falándose de conxuntos históricos ou arqueolóxicos, de xardíns, paisaxes, dolmens ou mámoas, petroglifos ou petos de ánimas, fornos ou cruceiros, muiños ou fontes, faros ou pallozas, lavadeiros e pontes, albarizas e bateas, horreos, retablos, murallas ou pazos, humedais ou acantilados...

Todo está no noso ADN. Todo está no libro.

E percorrendo o país, cóntanos o que hai en cada lugar, as distancias, as alturas, os mapas, as paisaxes... Poderás atoparte as Galerías da Coruña, ou o porto fenicio de Bares, o faro da Illa Pancha ou o Castelo dos Andrade en Pontedeume, as Pesqueiras de Arbo, ou o Mirador das Estrelas, aló por Pena Trevinca.

En definitiva, e esto veume á cabeza onte á noite cando vin o estado de manoseado que presenta xa o meu exemplar do libro, resulta que non se trata dun libro dos que moitas veces adquirimos e deixamos colocado verticalmente na nosa biblioteca, que queda agardando por nós, por se algunha vez se nos ocorre consultalo.
'La vuelta a Galicia en 80 pedaladas', de Justo Jorge
Este é un libro para follear e manosear, para revisar e consultar, para que o uso o vaia facendo envellecer e, polo tanto, ennoblecéndoo, facéndoo máis noso cando máis o posúamos.

É un libro de cabeceira, de consulta, que ten que pasar a formar parte da nosa "Biblioteca básica".

Case ninguén o recordará -eu si, porque son maior- pero antes habia un crego en cada parroquia, ata nas máis profundas do rural, e cada crego tiña un breviario, libro sagro que lia a cotío -en privado ou en público- como unha posta a punto diaria na teoría do seu conxunto de crenzas, e como pública manifestación desa permanente posta ao día.

Salvando todas as distancias, manifestando o meu profundo respecto por este libro enorme en todas as súas dimensións, eu vexo este libro como un libro de pensamentos profundos, case oracións profanas; como un breviario do saber e coñecer, mesmo como unha guía dos misterios, das riquezas que posuimos colectivamente todos os galegos.

Grazas, Justo, polo inxente traballo, e por poñer ao noso dispor un libro tan completo, tan útil e tan fermoso.

Palabras de Xulio Xiz na presentación do libro LA VUELTA A GALICIA EN 80 PEDALADAS, de Justo Jorge.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES