Fachenda? Non. Grazas.
Cabada Castro, Manuel - domingo, 27 de septiembre de 2026
Mateo segue a nos falar da comparanza do "reino" de Xesús cunha viña e do seu convite a traballarmos nela. Cando a comparanza ten que ver coa natureza, coa vida vexetal que nos rodea, tanto mellor, pois na bela e vizosa Galiza conservamos aínda árbores e videiras, por moito que lles pese a incendiarios e irresponsables. Este ano semella ademais que poderemos ter boa colleita. Pois ben, o reino de Xesús está aí xustamente, coma o viño, para producir alegría, comensalía e fraternidade. Foron moitas as veces que comparou Xesús o seu reino cun gran banquete onde xentes de diversas razas e culturas comparten a ledicia de ser fillos de Deus.
Naturalmente, para podermos ter a festa do viño e da fraternidade é preciso traballar antes na viña. Esa viña que é o mundo no que nos atopamos e nos relacionamos uns cos outros. Deus chámanos a traballar con el e cos demais no cultivo, na maduración e na recolleita deses acios dos que logo se vai facer o viño da alegría e do contento. Somos así privilexiados colaboradores de Deus nunha tarefa que el quixo que proceda tamén da nosa liberdade e do noso esforzo persoal e social. E, tal como nos recorda o texto do evanxeo, o que conta aquí non son as palabras ou promesas que o vento pode doadamente levar consigo a pouco de seren pronunciadas. "Vou, Señor", pero logo non foi. O que conta son as obras, por aquilo ben sabido de que "obras son amores e non boas razóns".
Aqueles aos que Xesús dirixe esta parábola son, segundo nos conta Mateo, "os sumos sacerdotes e os anciáns do pobo". É dicir, os mestres da lei, da palabra escrita ou transmitida de viva voz de xeración en xeración na cultura e relixión xudías do seu tempo. Eles tiñan o privilexio da palabra. Non necesariamente o das boas obras. Facede, dicía Xesús noutro contexto, todo o que eles vos din, mais non fagades conforme ás súas obras. O privilexio da palabra levara os sumos sacerdotes e os anciáns dirixentes a se consideraren superiores ós demais. Fachendeaban de ser os verdadeiros depositarios e portadores da verdade, do bo comportamento e da xustiza. Eran superiores aos demais no que se refire á posición social e á relación cos poderosos. Eran eles no fin de contas- verdadeiramente superiores aos demais? Posuían realmente unha categoría ética ou relixiosa máis elevada cá dos oficialmente "pecadores" ou socialmente mal considerados?
Seguramente os "sumos sacerdotes e anciáns do pobo" deberon de recibir un atordante machadazo cando Xesús lles espetou sen máis contemplacións: "Asegúrovos que os recadadores e mailas prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós". Xesús no parece levarse nada ben cos que fachendean de si mesmos, da súa virtude ou da súa bondade moral. Tal como Xesús dicía noutra ocasión: "Bo, o que se di bo, non hai máis ca un: Deus". Tódolos demais somos aprendices, máis ou menos consecuentes, da única bondade: a de Deus só. E isto, ademais, pola súa graza e amor. Resulta, ademais, que esta bondade, a de Deus, é xustamente tal porque é a bondade pola que El se comunica ou se dá aos demais en Xesús. Por iso, con moi boa lóxica na liturxia escoitamos hoxe o texto do evanxeo precedido por un célebre texto da carta de Paulo ós Filipenses. Neste texto dásenos azos para termos "sentimentos de agarimo e misericordia" uns cos outros. Recoméndanos tamén non procedermos con "fachenda", "pensando humildemente continúa a dicir- que os outros son máis ca un".
De todos modos, coido que o máis importante ou decisivo é a razón pola que Paulo nos exhorta a isto. Unha xustificación que explicaría tamén por que Xesús formulou palabras tan fortes contra a fachenda dos "sumos sacerdotes" e compañeiros. A razón está precisamente en que o Deus que se nos manifesta en Xesús é un Deus que non fachendea de ser Deus (e ben que podería facer, digo eu), senón que é un Deus que se rebaixou libremente a si mesmo en Xesús ata o nivel máis baixo da propia humanidade. Paga a pena volver escoitar o texto paulino da Segunda Lectura: "El [é dicir, "Cristo Xesús"], con ser de condición divina, non se agarrou con cobiza ó seu ser igual a Deus; senón que se espiu do seu rango e asumiu a condición de escravo, feito en todo semellante ós homes. Presentándose coma un home calquera, abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte, e á morte na cruz". Por iso a vida e o comportamento de Xesús na sociedade do seu tempo, onde se manifestou coma "un home calquera", son a verdadeira condena do comportamento dos mestres da lei. Foi xustamente ese rebaixamento de Xesús o que fará que o Pai-Deus decidise "exaltalo sobre todo", tal e como di Paulo.
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal)

Cabada Castro, Manuel