O pasado que asoma
Editorial - jueves, 07 de enero de 2010
Temos unha riqueza soterrada e asulagada, coa que habitualmente non contamos e só percibimos cando se produce algún descubrimento especial, que nos demostra que o sochán onde vivimos garda tesouros importantísimos desde o punto de vista da arte e da historia.
Na terra, os arqueólogos buscan esta riqueza en determinados lugares onde hai evidencia ou posibilidade de que o tempo respetase estructuras a través das que poder facer estudios e emitir xuizos sobre a vida que en tempos houbo nos mesmos lugares nde hoxe moramos, facilitándonos pezas imprescindibles para construír pouco a pouco ou a grandes pasos o retrato temporal do pasado.
Tamén na xeografia da Galicia interior a execución de obras públicas que implican movemento de terras permite o descubrimento ocasional de xacementos, castros, mámoas, que ás veces obrigan a desviar trazados para compaxinar a riqueza da nova comunicación coa posesión de bens de interese cultural irrepetibles.
E no mesmo mar, do que quizais existe menos conciencia popular en canto a conservación de riqueza histórica, recibimos fermosas sorpresas de achádegos propiciados pola investigación ou a casualidade, de pecios que permiten desentrañar, dentos de anos máis tarde, misterios ou lendas que pasan a engrosar o grande libro da historia.
As novas técnicas de pescuda e estudio permiten saber moito máis do pasado dunha terra e dunhas xentes riquísimas en historia, nun xeito de riqueza que mesmo é cuantificable e explotable como recurso cultural e turístico. E en Galicia vívense tempos de gran respecto polo pasado, polos achádegos, pola realidade que agardar -fóra do tempo- a ser descuberta para coñecérmonos mellor.
Segue a ser tarefa da Administración, de todas as administracións, o respecto do pasado e a vixiancia de toda mostra de interese. O clima é o axeitado, pero falta mentalización en grandes capas da sociedade, que só a base de educación e información se vai conseguir. O pasado que asoma é un ben de todos, de Galicia, dos galegos, e só fai falla que os galegos -todos- saibamos aprecialo.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora