Case seguro que algunha vez vos tocou lidar con algún estúpido e quizá tamén cun miserable, non si? O dos estúpidos lévase mellor porque estes miñaxoias son idiotas que non se decatan de selo e cuxas accións ou actitudes poden incluso causarlles prexuízos (votar a quen lles dana, por exemplo). Un nace estúpido e por regra xeral segue a ser estúpido a través do seu percorrido vital facendo, cando ten ocasión, alarde

das súas estupideces sen que iso teña que ver coa súa condición social pois a estupidez non distingue de clases.
O profesor Carlo M. Cipolla no seu ameno traballo titulado "Allegro ma non troppo" fai un estudo moi ilustrativo da estupidez no que entre outras cousas manifesta que polo miúdo atopámonos con persoas as que considerabamos racionais e intelixentes e de súpeto se manifestan inequivocamente estúpidas. Isto acontece en calquera circunstancia e situación.
Respecto ao total da poboación, cantos estúpidos contabilizariamos? É difícil sabelo, pero moitos sen dúbida. A xenética e a socioloxía establecen que os seres humanos son iguais por natureza, pero Cipolla pono en cuestión pois segundo el hai persoas estúpidas e outras que non o son. Un nace estúpido o mesmo que nace co pelo louro ou cun grupo sanguíneo diferente. A probabilidade de que unha persoa sexa estúpida é independente de calquera outra característica. Hai estúpidos no grupo de traballadores sen cualificar, no estamento de estudantes, no claustro de profesores e mesmo entre os premios Nobel. No estúpido non soe haber maldade, sinxelamente un é estúpido sen máis.
Cousa diferente é o miserable que soe ser desprezable porque sempre actúa con mala intención sen importarlle un chisco o dano que o seu comportamento pode reportar aos demais. Soe actuar conscientemente para provocar dano coas súas accións ruíns, malévolas e mal intencionadas. Os miserables alimentanse na envexa e beben no rancor mantendo así a súa miseria moral. Un estúpido é un malpocado diante dun miserable. Un veciño, un coñecido, un familiar ou un político miserable intentarán facerche a vida imposible. Haberá que se protexer poñéndonos a bo recado.