Un tory en España. Wing Commander James (WCJ) de Emilio Grandío está publicado por Los libros de la Catarata. A presentación editorial é como segue: "Un ensaio histórico sobre o período (1936-1941) a través das viaxes de Archibald James, máis

coñecido como Wing Commander James (WCJ) como observador e secretario da embaixada británica, diplomático, militar e un dos principais especialistas británicos na España da Guerra Civil e da inmediata posguerra".
A investigación do autor, con documentos achegados pola familia do tory ao lado doutros aos que accede directamente, vai reconstruíndo as relación do Reino Unido coa España republicana e a golpista.
Demostra este estudo que o lugar de onde se parte non é nunca neutral, e como a dereita británica tarda en darse conta do verdadeiro perigo do fascismo ante o medo ao comunismo, un temor máis económico que político. A visión de WCJ recolle o peor da España anterior á contenda dende a mirada da dereita, os enfrontamentos entre os diferentes grupos que -segundo eles- puideron conducir ao desmembramento da Etapa de Prata cos avances da cultura, alfabetización e liberdades, que os personalismos e a ineficacia frontista axudaron a derrubar. Mirar esa época é doernos do que debía terse evitado e do terror que inflixen as forzas máis reaccionarias cando actúan. Tráenos a ensinanza de como toda a sociedade acaba pagando as consecuencias dos erros que se cometen e da necesidade de actuar ante as declaracións e accións que en momentos determinados algunhas forzas realizan sen mirar para o ben xeral.
Demostra, tamén, como a Historia e a súa investigación camiñan por sendeiros azarosos, como demostra a chegada da documentación de WCJ a Grandío. O fillo desteo que o seu país, considera o mellor coñecedor da España dese tempo, acaba contactando con el a través da facultade. Billy James quere indagar sobre unha supostas primas xudeus de Franco que viven en Ferrol, mencionadas por seu pai, e como isto podía ter que ver co modelo español de fascismo. Lendo, vemos tamén, como non lles importa nin á dereita británica nin á familia do político e diplomático inglés que se vexan as entreteas, os erros ou as falsidades verquidas por el en momentos determinados. Como a visión que este inglés reproduce e divulga acerca da destrución de Guernika ou as informacións interesadas acerca do avance do golpe de estado están aí, á vista de todos para lección de Historia.
Pode chamar a atención a afirmación de que o golpe non foi tan sorpresivo pois o Goberno era coñecedor do que se falaba nas salas de bandeiras dos cuarteis, de como os conservadores no Parlamento camuflaban a través dun relato de alarma social o fracaso electoral que sufriran diante da Fronte Popular. O clima que precede ao golpe é realmente especial tal como aquí se conta: "En cinco anos de cultura democrática plena sucédese un fracasado golpe militar monárquico e unha tentativa revolucionaria de varios meses de duración nalgunhas zonas do país", "O golpe militar convértese nunha guerra civil tras o fracaso parcial da sublevación ao non lograr o control absoluto cara o 25 de xullo. Só unha semana despois os xornais británicos maioritarios cambian a denominación dos insurxentes: de sublevados a nacionais. Acéptanse dous bandos en pouco tempo" vainos contando Grandío. Para as potencias estranxeiras isto foi un experimento en campo alleo e con notable urxencia se asina -nun dos exercicios de diplomacia máis rápido que coñezamos- o Pacto de Non Intervención. Unha non intervención que non impediu que os gobernos fascistas de Italia e Alemaña si participasen apoiando a Franco mentres se deixaba a República democrática co único apoio das brigadas internacionais compostas por voluntarios. No Informe The Future aparece "Cren que se está librando unha guerra en chan español, por estranxeiros, para os seus propios fins. A esta percepción súmaselle o desagrado de que sexan tropas de procedencia árabe as que estiveran matando españoles en territorio propio."
Cando non queremos ver colocamos unha venda nos ollos, un exemplo claro pode ser este: "La costumbre prevaleciente de dar el saludo romano en interiores y exteriores en cada ocasión posible al principio parece un poco exagerada, pero como signo de respeto entre los miembros de las fuerzas armadas muestra un agradable estado de disciplina y respeto mutuo" ou "Creo que la intervención en personal extranjero ha tenido aproximadamente el mismo peso en ambos lados, a pesar de lo que cada uno diga del otro" ou como falando da II República dubida das posibilidades da sociedade española de organizarse baixo fórmulas democráticas. Si, trátase dun defensor dos intereses do Goberno franquista. Un especialista de España no mundo conservador e un dos británicos con maior capacidade de influencia entre as élites do novo Estado franquista.
Cando a investigación histórica se exerce con todas as consecuencias, podemos ver como actuaron, como abandonaron a república e apoiaron o fascismo rexímenes coma o británico. Houbo saírlles caro cando chegaron alí... pero foi a súa irresponsabilidade quen o permitiu. Volverá pasar? Volverase permitir que a serpe saia do ovo e se estenda por Occidente? Ou, xa está feito o mal, ante a inconsciencia?