Iconos infantís contra as guerras dos adultos
Pinto Antón, J.A. - viernes, 25 de septiembre de 2026
En xuño de 1972 Nick Ut fotografó o horror da guerra de Vietnam. "A nena do napalm", Kun Phùc corre espida cos brazos abertos berrando coa dor. En setembro de 2015, Aylan Kurdi o neno kurdo de tres anos que fuxía cos pais da guerra siria afogou nunha praia turca. Rodando na area coas ondas confundíase cun boneco de plástico. Tamén afogaron o irmán de cinco anos Galip e a nai, Rehan.
En febreiro de 2022 vimos fotografado o rostro desolado dunha cativa na ventá do tren despedindo ao pai, soldado contra a agresión do 'oso' ruso en Ucraína. Estremecedores debuxos de Bansky, colgados en muros, denuncian a barbarie da pólvora contra os inocentes.
En 2024 concederon a Mohammed Salem o World Press Photo: a palestina Inas Abu Maamar, bulto de tea azul escuro anainando o cadáver da sobriña Saly envolto en tea branca. Quitou a foto no hospital Nasser de Jan Yunis en outubro de 2023 na carnicería contra o gueto de Gaza. Impacta a dor concentrada do martirio dunha inocente.
Algo aprendimos no capítulo 4 de 'A Peste' onde A. Camus describe a agonía insoportable do neno Othon, vítima da peste. Agora a causa da dor e a morte de Saly son os cabalos bélicos desbocados na apocalipse humana da ratoneira de Gaza. Na foto premiada non hai nada máis. Nin camas, cadeiras, lámpadas, alfombras, cousiñas da vida cotiá. Chaman a atención os que faltan. Non está a nai arrolando o cadáver da filla. Non está o pai que debera estrullar a carne morta da nena. Non fai falta preguntar onde están. Xa non están. Quizáis agachados nalgún listado da gadaña eficiente da morte.
As relixións do Libro son implacables contra os infieis. Os dogmas esixen vítimas na ara do sacrificio. Aterra o fanatismo dos aiatolás iranís gastando en pólvora o pan do pobo nun réxime amasado de corrupción e pobreza. Aterra ver os sombreiros e tirabuzóns dos fanatizados xudeus que se negan a entrar no exército pero sopran sobre os recaldos do odio.
A icónica fotografía define este conflito e leva ata unha iconografía coñecida: mater dolorosa. O fracaso da razón, a brutalidade da forza, a morte dos inocentes. Vidas cercenadas antes de agromar. Por iso as guerras tentan eliminar testemuñas, cámaras. En 2023 as baixas de xornalistas alcanzaron un número histórico. Son ollos, voz e conciencia contra o mal absoluto das guerras. Os señores da guerra non teñen perdón de Deus, nin de Alá, nin de Yahvé, nin da Humanidade.
Dos 73.000 mortos que leva anotados o Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, máis da metade son mulleres e nenos. A foto de Saly, a do 'boneco' Aylan, a da nena vietnamita Kun Phùc permanecen no tempo da memoria. Iconos poderosos e tristísimos da dor e da morte. Iconos infantís contra a maldade e a crueldade humanas.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora