Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

Rivas Delgado, Antonio - viernes, 25 de septiembre de 2026
Café para a apocalipse

Teño a boca seca. A calor é moita, mesmo andando pola sombra. Andei polo paseo do regato dos Muíños lendo en "Brooklyn Follies", de Paul Auster. Á sombra aínda se pode ir tirando, pero cada vez que tocaba pasar polo sol era como morrer un pouco... asfixiado, sufocado, coa dignidade xusta para chegar ó seguinte anaco de sombra. Ó final, máis que ler a Auster, parecía que estaba esperando pola miña autopsia.
Pingas de Orballo Teño a boca seca. Van traerme o café. Sempre oín dicir que o café é bo para cortar a sede, aínda que nunca entendín moi ben como unha cousa quente pode solucionar outra cousa quente. Eu sede non teño -son de pouco beber-; simplemente teño a boca seca. Que o café corte ou non corte a sede dáme igual. Eu tomo café porque é o que tomo. Se mo trouxesen salgado, supoño que tamén o tomaría. Hai hábitos que están por riba da meteoroloxía e mesmo da razón.
Vaise acabar o mundo. Non digo que sexa hoxe, pero con estas temperaturas, a practicamente finais de setembro, tampouco sería unha sorpresa. E ben pensado, se se acaba o mundo, non é tanta perda. Temos asumido que imos morrer todos, uns antes e outros despois. Así que, chegados ó caso, tanto ten morrer por separado como facer unha morte colectiva e aforrar trámites.
Non habería velorios, nin enterros, nin responsos, nin curas, nin aquelas visitas nas que todo o mundo di que era unha boa persoa. Seríamos simplemente corpos mortos espallados polos confíns do universo. A Terra desaparecería e o universo seguiría sendo universo, que é unha maneira bastante indiferente de dicir que non nos necesitaba.
Con sorte, se hai vida máis alá das estrelas, máis alá do infinito, e se os extraterrestres son espelidos, igual aproveitan o noso desastre para algo: abono para os seus terreos, por exemplo. Dáme que toda poboación mundial dá para moita semente.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES