Sinais de Fume - Escritos sobre arte - Xulio López Valcárcel
Cabada Castro, Manuel - viernes, 25 de septiembre de 2026
Como galano artístico do editor e escritor amigo Xulio López Valcárcel [citareino no que segue pola súa iniciais: X. L. V.] chégame o resplandecente e valioso volume, publicado por el na colección SOLASTER-BORES (creada por el mesmo) sobre as conexións entre a escrita, a arte, o pensamento e a -variada e múltiple- existencia humana. Leva como título Sinais de fume - Escritos sobre arte (A Coruña, 2026).
Como afrontar a análise e o discurso sobre dimensións aparentemente tan inconexas é o labor que a reflexión pensante xunto coa sensibilidade artística están chamadas conxuntamente a realizar. Velaquí xustamente o que esta elegante e densa publicación intenta abordar e que, ao meu ver, en gran medida acada, conscientes como somos todos por outra parte dos abismos que cada dimensión da realidade humana implica xa por si soa.
Un dos grandes desafíos da reflexión ou do pensamento sobre o conxunto da realidade que somos e no que estamos é xustamente iso: sermos especialistas non só sobre entes ou espazos-tempos particulares senón sobre o todo (infinito?) da realidade.
Benvidos sexan tales retos ou desafíos. A arte móvese sen dúbida nesa atmosfera. X. L. V. é disto ben consciente cando con anterioridade ao título do presente escrito (Sinais de fume) falara xa previamente (lémbranolo el en p. 7) en relación con esta temática nun seu libro anterior (Sinais na area. Escritos sobre arte, do ano 2012). En continuidade, pois, con esta súa publicación, diranos el agora máis concretamente: "De aí os sinais na area, que a onda mariña borra dunha pasada, e os sinais de fume, que se eslúen mansamente no azul." Alén, xa que logo, de calquera reflexión (por correcta que esta sexa), o autor deste escrito non deixa de comentar seguidamente sobre as súas reflexións e aportacións verbo de tan magna temática: "Non pretenden ser, en consecuencia, máis que unha visión persoal, intuitiva e reflexiva, feita coa mellor intención e xurdida do fervor por calquera forma de expresión artística. O importante son as obras, non o que diga delas" (p. 7).
X. L. V. preséntanos, pois, no seu escrito con sabedoría e hermenéutica axeitada os produtos artísticos dunha gran diversidade de persoas que dun xeito ou doutro accederon ao mundo da arte. Entre eles estas: Gosia Trebacz, Julia Minguillón, Maruja Mallo, Nito da Vila, Tim Behrens, Yolanda Carbajales, Pepe Cáccamo, Baldo Ramos, Emilia Celeiro, Xusto Moreda, Álvaro de la Vega, María Antonia Dans, Federica García Cabezón, Ferreiro Peinó, Laxeiro, López Guntín...
Aludirei a continuación, a xeito de mostra, ao que o propio editor e presentador X. L.V. comenta de paso en relación coa obra escultórica de Nito da Vila: "a verdadeira arte, válida para cada tempo e lugar, sobrevive enriquecéndonos e facendo más levadeira esa circunstancia misteriosa e indefinible que denominamos vida" (p. 70).
En realidade, a hermenéutica de X. L. V. é sempre relevante, densa, aguda e precisa. Quizais tanto ou máis ca os respectivos pensamentos que el minuciosamente formula e desenvolve en relación cos autores ou artistas analizados. En certo modo, trátase aquí dunha conversa ou, se se quere, dunha controversia entre iguais.
Mostra disto é, por exemplo, o que X. L. V. nos comenta en relación coa pintora Julia Minguilón: Paisaxes, bodegóns, retratos..., Julia é unha pintora versátil, delicada e elegante, especialmente nos rostros e figuras femininas, cargadas de suxestión, encanto e beleza. Sería, en todo caso, unha pintora destacada e destacable, pero non acadaría a condición de extraordinaria, que lle outorga o seu cadro máis famoso [...] 'A Escola de Doloriñas', unha escola de ferrado, quere dicirse das que se entregaba un ferrado de cereal (centeo, trigo, ou millo), que podía abonarse tamén cunha peseta mensual, con frecuencia substituído por unha pila de leña, un saco de patacas, as probas da matanza ou algunha tarefa agrícola en beneficio da mestra [...] No outono de 1940, logo da dramática perda do seu único fillo, acabado de nacer, paseaba Julia envolta nos seus pensamentos, cando descubriu unha escena que a turbou: unha mestra rodeada de alumnos, mergullados nunha burbulla intemporal. Arbitrou os medios necesarios e os primeiros pasos da obra deunos na propia escola, concluíndo o cadro no ano seguinte, xa no seu estudio. Pola súa parte, nenas e nenos recibiron unha retribución en especie por cada sesión de pousada: a pintora dáballe tres galletas a cada un, larpeirada que por infrecuente e gorentosa en plenos 'anos da fame' pagaba a súa cooperación (p. 15).
Algo semellante ao anterior ocorre tamén na análise realizada por X. L. V. sobre as pinturas de Maruja Mallo (pp. 19-27). Obviamente, en relación con ela non deixa de poñer de relevo López Valcárcel o seu nidio compromiso coa súa terra de nacemento: "A súa identidade galega foi tamén unha parte esencial da súa personalidade. Maruja reivindicou sempre as súas orixes, nun tempo no que ser muller, artista e galega implicaba tripla marxinación. A súa forma de estar no mundo -libre, irónica, provocadora- tiña moito do carácter indómito e da capacidade de resistencia que ela mesma atribuía á xente da súa terra. Nunha entrevista tardía, chegou a afirmar con orgullo: 'Son galega, e iso significa que nunca aceptei normas alleas' " (p. 24).
Naturalmente, non podía faltar na hermenéutica artística de X. L. V. a figura artística de Siro, co que pola miña parte manteño eu tamén dende hai tempo amábel e grata relación. X. L. V. hónrao con amplitude e como é debido (ver pp. 44-57). Aludirei aquí a un par de pasaxes da excelente hermenéutica de X. L. V. sobre Siro López. Por exemplo: "A carga da crítica social de Siro non busca inxenuamente cambiar o mundo nin crear unha nova orde social, pero si dar unha aldrabada nas conciencias e ofrecer un motivo de reflexión. Directa, inmediata, punzante, con elementos mínimos consegue a meirande eficacia. Finalidade última é sorprender o espectador, do que se demanda tamén unha resposta" (p. 47). Ou tamén este outro comentario sobre o "estilo propio" de Siro: "Hai na súa achega un forte sentido simbólico e un intento de captar o que hai debaixo da realidade aparente, isto é, de recoller o inmutable e eterno do ser humano e da natureza. A arte funciona entón como unha experiencia catártica, vía de purificación e desafogo espiritual" (p. 54).
En relación co seu estar afincado no propio humus galego vivificador, poden valer estes comentarios de X. L. V. sobre o artista galego: "Como galego, Siro recolle o sentir e o pensar da nosa terra e expresa o ser que nos conforma e nos diferencia. A súa arte sendo galega é universal e sendo universal é profundamente galega (p. 56).
Finalmente, non será de máis que pola miña parte aluda alomenos ao "Epílogo. Dúas Cartas" co que X. L. V. pecha este valioso e xa en si mesmo iluminador e artístico libro. Trátase en primeiro lugar da "Carta a Nito da Vila" e, posteriormente (ao final) da "Resposta de Nito da Vila" (p. 157-162). X. L. V. fala aquí con mestría e arte sobre o seu encontro co artista pintor no propio lugar de traballo deste, rememorando antecedentes persoais do seu aprecio da arte. Entre os diversos comentarios que X. L. V. fai sobre o seu aprecio e sobre o seu propio intento de ser pintor, limitareime a citar o seguinte texto: "Meu avó Cástor, emigrante en Cuba e labrego ao regreso, mercou unha lámina coidadosamente enmarcada para a cabeceira do leito da súa nena. Unha inmaculada: 'Este cadro e dun tal Murillo. Coido que xa debeu morrer', comentoume inxenuamente" (p. 157).
E xa para rematar. Lectores ávidos de coñecemento e sensibles ao universo da arte atoparán nos minuciosos e amplos comentarios de X. L. V. nesta súa obra literaria Sinais de fume - Escritos sobre arte datos e reflexións imprescindíbeis. Xulio móvese de feito, pola súa parte, no seu ser e quefacer, en dimensións culturais, artísticas e administrativas moi distintas: Procurador dos tribunais, editor, escritor, poeta etc. Agasallado ademais con moi diversos e importantes premios literarios. En fin, parabéns moitos e grazas moitas, Xulio!

Cabada Castro, Manuel