A conmutación da pena de morte de Mamede Casanova
Rivero, Manuel - miércoles, 14 de octubre de 2026
Cando nas diferentes esferas do poder xudicial se materializan decisións inxustas sobre a vida dunha persoa, sen probas contrastadas, e condenan sobre a base de suposicións, prexuízos, presións ou ben a medos infundados, quedan escasos recursos de defensa; neste caso extremo, a salvación só pode xurdir da insistencia, a tenacidade, o compromiso extremo e a afectividade dunha nai xunto co rigor do desempeño profesional e a solidariedade da sociedade civil. O proceso da conmutación da pena de morte de Mamede Casanova, consumado a finais de 1904, foi froito dunha resistencia coordinada en tres frontes: a estratexia xurídica impecable do letrado Santos Couceiro a conmovedora cruzada humanitaria da nai do procesado e o compromiso social. A mobilización social en Galicia demostrou que a dignidade dun pobo reside na súa capacidade para esixir xustiza alí onde as institucións fallaron de forma incompresible.
A través das crónicas daquelas datas (El Liberal, La Época, El Universo, El Imparcial, El País, El Correo Español, El Diario Español, El Ejército Español, El Nacional, Nuevo Mundo e a propia La Gaceta), o proceso articulouse nestes catro eixes de análise que marcan a senda da vitoria final:
1. A fronte xudicial e o esgotamento da vía ordinaria
Na primavera de 1904 iniciouse o derradeiro intento legal de revogar a sentenza capital no terreo puramente técnico. O 4 de abril, a Sala do Criminal do Tribunal Supremo viu o recurso de casación por quebrantamento de forma interposto polo letrado Sr. Massin contra a resolución da Audiencia da Coruña (El Liberal, 5 de abril). Malia a solvencia dos argumentos defensivos da contorna de Santos Couceiro, a desestimación do recurso deixou a Mamede no límite inminente da execución. Esta asfixia xudicial obrigaba a desprazar de inmediato as estratexias de defensa fóra dos tribunais ordinarios, activando o clamor social e a petición directa de graza ante o monarca, aproveitando que ía estar de visita en Santiago de Compostela.
2. As externalidades negativas: intoxicación mediática e atribución de conflitos alleos
A prensa funcionou como un resorte de contrapeso, tanto de forma directa e outras de forma indirecta. Titulares tendenciosos contrarrestaban a crecente simpatía popular de Mamede, ademais nos acontecementos negativos buscaban un fío que puidera enlazar co seu perfil:
O primeiro exemplo sucedeu o 4 de xuño co motín no penal de Santoña: sen realizar ningunha dilixencia, a prensa acusou a Mamede de ser o cerebro dunha revolta na que o director do establecemento, D. Ignacio López Álvarez, faleceu por feridas de bala (El Universo e El Imparcial, 6 de xuño). Esta campaña, tan tendenciosa ía encamiñada a dificultar o indulto, ao atribuírlle a condición de instigador da revolta e por tanto culpable do homicidio do director da prisión, afortunadamente esa información quedou desmentida días despois; testemuñas presenciais e a Dirección Xeral de Prisións confirmaron que Mamede permanecera alleo aos disturbios e foi o único recluso que non sufriu castigo (La Época, 6 de xuño; El Imparcial, 21 de xuño).
A mesma tendencia aplicouse en xullo coa captura en Ortigueira de Lorenzo Balseiro, pai biolóxico de Mamede e fuxido do cárcere da Coruña (El Imparcial, 5 de xullo). Cabeceiras como El Correo Español, El Diario Español e El Ejército Español (5 de xullo) apresuráronse a publicar que a liñaxe familiar descendía dun suposto "lugarteniente de Luis Candelas", (de forma encuberta viñan a dicir que Mamede era fillo e neto de criminais) buscando asentar o relato dunha criminalidade herdada. En ambos os dous casos, o mecanismo de proxección foi idéntico: utilizar calquera suceso penitenciario ou familiar para deformar o perfil de Mamede e xustificar a necesidade do seu axustizamento.
3. A entrega da nai do memorial ao Rey e a conmutación da pena de morte.
O 29 de novembro de 1904, a Gaceta de Madrid publicou o Real Decreto que conmutaba a pena de morte de Mamede, culminando a campaña de sensibilización social iniciada cunha carta da súa nai en La Voz de Galicia o 21 de maio dese mesmo ano. Esta resolución oficial, apoiada na entrega dun memorial ao monarca en xullo, asegurou a vida de Mamede fronte á hostilidade de certos sectores da prensa.
A campaña humanitaria liderada pola nai de Mamede tivera o seu momento álxido en xullo de 1904, cando a anciá logrou romper os cordóns de seguridade en Santiago de Compostela para entregarlle en man un memorial ao rei Alfonso XIII (El Correo Español, 23 de xullo). Aquel xesto cargado de dignidade e amparado pola solidariedade civil galega deu os seus froitos o 28 de novembro de 1904, data na que o Consello de Ministros asinou a conmutación da pena de morte pola de cadea perpetua.
4. O indulto definitivo non se logrou só nas salas do Tribunal Supremo nin só nas rúas e nas plataformas do tren, senón na perfecta sincronía que formaron Santos Couceiro, María Casanova e a mobilización social. Mentres o avogado esgotaba con rigor e pulcritude vía técnica, a nai mobilizaba o corazón do pobo e forzaba a axenda política a través da súa audaz presenza física e mediática.
A resolución do caso de Mamede Casanova demóstranos a importancia da súa nai, muller rexa, intelixente e valente que transformou os medos en retos ao mudar o papel de vítima polo de protagonista e romper as barreiras do espazo e do tempo.
Mudouse primeiro desde as lonxanas terras das Grañas do Sor a Coruña para asistir con enteireza ao xuízo do seu fillo, dicir a verdade e conmover aos asistentes con aquel berro seco acompañado do desmaio ao escoitar a cruel sentenza, a continuación publicar na Voz de Galicia a carta conmovedora e despois, con todo perdido, ir a Santiago e con humildade e valentía de xeonllos pedir clemencia ante o Rei para o seu fillo, María ben sabía que Mamede era inocente.
A historia precisa engadir ao consolidado ¡¡¡Viva Mamede!!! o de ¡¡¡Viva María Casanova!!!
A grata noticia da Gazeta, non se pode entender sen a visión, fortaleza, decisión e valentía desta muller rexa como un carballo das Grañas do Sor.

Rivero, Manuel