Máis ca bo
Cabada Castro, Manuel - domingo, 20 de septiembre de 2026
. A grandeza da personalidade de Xesús consiste en que, sendo el humano coma nós, nos transmite a todos coa súa palabra e cos seus feitos como é Deus, como é aquel de quen el sabe que é o seu fillo benquerido. Posuía unha experiencia íntima, para nós inconcibíbel, do seu Pai Deus. Non se trata dunha experiencia semellante á dos filósofos, poetas ou místicos da longa historia humana. O que Xesús fai é comunicárnola de maneira sinxela. El fálanos directa e limpamente, sen libros e sen axudas eruditas, sobre esta súa experiencia. Aprendemos así tamén a ver simultánea e conxuntamente o Pai Deus e o seu Fillo Xesús. Non nos esquezamos do que lle dicía ó seu apóstolo Filipe:"Filipe, quen me ve a min, ve o Pai". De maneira que el non é, nin fai, nin fala outra cousa máis có que é, fai ou lle fala seu Pai.
Como ocorre con calquera boa nai ou bo pai nas nosas familias, a xenerosidade e esplendidez de Deus connosco están por enriba de calquera apelación á estrita xustiza ou a supostos méritos persoais. O Amor que Deus nos ten supera, xa que logo, calquera comportamento supostamente debido ou simplemente xusto. Xesús maniféstanos así, na súa parábola, un Deus que busca a nosa colaboración no traballo que el mesmo está a facer no mundo. Sabe ben da nosa preguiza, dos nosos problemas e indecisións. Coñece a febleza das persoas e por iso permítese tratalas bondadosamente. Coa súa xenerosidade é así capaz de sorprendernos, chegando a proclamar, fronte ás xustizas humanas de curto voo, que "os últimos serán os primeiros". Os traballadores da primeira hora, aqueles que se ergueron cedo e axiña foron contratados, non teñen en consecuencia razóns para se consideraren merecedores dunha meirande recompensa cá dos que se retardaron no comezo da tarefa.
Apréndenos así a sermos comprensivos, xenerosos e espléndidos cos demais. Por que? Porque o seu Pai Deus así é e así procede tamén. Non sen razón se di neste sentido que esta parábola dos "traballadores da viña" é unha das máis revolucionarias de Xesús. Grazas a este noso traballo poderá o mundo degustar e beber ese viño -cunha denominación de orixe insuperábel, divina- co que Deus quere aledarnos e facernos "benaventurados", é dicir, felices, a todos.
Quero xa rematar cunhas palabras do coñecido teólogo José Antonio Pagola en relación con esta parábola de Xesús. Son estas: "Nunca esquecerei o impacto que me produciu, hai xa moitos anos, o descubrir que non foi o rigor ou a radicalidade de Xesús o que provocou irritación e rexeitamento, senón o seu anuncio dun Deus escandalosamente bo. A parábola dos traballadores da viña é particularmente significativa. O seu contido é tan revolucionario que aínda non nos atrevemos a asumilo. E, porén, a mensaxe de Xesús é clara: o mesmo que o Señor da viña dá a tódolos seus obreiros o seu denario, merézano ou non, sinxelamente porque o seu corazón é grande, así Deus non fará inxustiza a ninguén, mais pode ofrecer a súa salvación incluso aos que, segundo os nosos cálculos, non a merecen [...] Deus é bo con tódalas persoas, merézano ou non, sexan crentes ou sexan ateos. A súa bondade misteriosa desborda tódolos nosos cálculos e está máis alá da fe dos crentes e do ateísmo dos incrédulos. Ante este Deus o único que cabe é o gozo agradecido. Esquecernos dos nosos esquemas, facer silencio dentro de nós e abrirnos confiadamente á súa bondade infinita".
Manuel Cabada Castro, Boa nova para tempos novos. Comentarios velaíños aos evanxeos dominicais. Tres tomos (2024-2025). SEPT (editorialsept@gmail.com; editorialsept@editorialsept.gal). Distribución: Editorial Galaxia (pedidos@editorialgalaxia.gal).

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora